Martes. 08.10.2024
El tiempo

A Pipa: O Entroido deixou goles e a caída da Esteirana á zona de descenso directo

A Pipa: O Entroido deixou goles e a caída da Esteirana á zona de descenso directo
Imaxe dun partido da Esteirana en Baio-Foto-Santi Soneira Imaxe dun partido da Esteirana en Baio-Foto-Santi Soneira O carnaval deixou goles, moitos goles, unha vez máis, nesta última xornada do mes de febreiro, e, ademais, trouxo a caída da Esteirana, á zona de descenso directo, da que sae o Porteño, vencedor do Corcubión, que segue en zona de descenso, xunto co Laxe, cada vez máis afastado dos postos de permanencia. En Laxe, dous goles moi rápidos do Cee colocaron aos visitantes cunha cómoda vantaxe que souberon rendibilizar ao longo dos noventa minutos, pois cando o conxunto local recortaba, o Cee aumentaba a vantaxe. Ao final, un 2-5 que mostra a diferenza entre ambos conxuntos. O Cee deixa os postos de perigo, ou ata de arrastres, a sete puntos. Partido importante na Ponte do Porto, onde se enfrontaban dous equipos que loitan por escapar da queima do descenso, e nos dez últimos minutos o Porteño deu a volta a un marcador que desde o minuto 49 era favorable aos visitantes, aos que deixa na penúltima praza da clasificación xeral, e ao Porteño en zona de arrastres. Xa por arriba, o Corme suma e segue, cun gran triunfo no complicado terreo de xogo do Cerqueda, nun choque que se lles puxo de cara con dous penaltis no prazo de seis minutos e a expulsión de Dani. Aínda así, o Cerqueda seguiu traballando e só nos últimos vinte minutos soubo aumentar a súa vantaxe o líder da táboa. Baio, San Lorenzo e Mazaricos sumaron os tres puntos en xogo e os tres fixérono con gran superioridade e demostrando poderío, goleando con comodidade aos seus rivais. Os dous primeiros alcanzaron os mesmos guarismos (4-0, ante Camariñas e Monte Louro, respectivamente), mentres que o Mazaricos tamén materializou catro goles, pero a Esteirana, que cae a descenso directo, maquillou o resultado co gol do honra. Os tres manteñen as súas posicións, por detrás do Corme, mentres que os seus rivais seguen en posicións da zona media da clasificación. O quinto clasificado, Ponteceso, tívoo un pelín máis complicado ante un Castriz que mantivo o 1-1 ata falta de vinte minutos, nos que o once preparado por José Barca conseguiron dous tantos, obra de Mara, que lle outorgaron os tres puntos en xogo e mantéñenlle na loita polos postos de privilexio. Sae do pozo o Baíñas, que derrotou ao Coristanco, un rival directo na loita pola permanencia, cun tanto de Pablo Muíño, que está a un nivel impresionante vendo porta. Os locais afástanse en catro puntos do descenso directo, aínda que os postos de posibles arrastres téñanos a dous puntos. O derbi de Malpica resolveuno o once local con ou8n rotundo 4-0 ante un Buño que non comezou ben o encontro e pagouno ao final con resultado que lles deixa en zona de arrastres e dous puntos por encima do descenso directo, mentres que o Malpica segue subindo na clasificación e xa é sexto, pero a moita distancia dos primeiros clasificados. Na próxima xornada, Corme, Mazaricos, Baio e San Lorenzo teñen compromisos ante rivais que se están xogando a permanencia na categoría, os dous primeiros nos seus propios terreos de xogo, ante Laxe e Porteño, respectivamente, mentres que Baio e San Lorenzo visitarán os terreos de xogo de Buño e Coristanco. Catro partidos moi importantes para os oito contendentes, todos con obxectivos moi diferentes. O outro conxunto que busca saír do descenso, Corcubión, recibirá no Novo Cubaleiro a un Cerqueda con todo solucionado na tempada, pero que seguro que lles porá moi complicado o triunfo aos locais. Pola súa banda, o Ponteceso renderá visita a un MonteLouro situado na zona media da táboa e coa permanencia case resolta, e onde necesita a vitoria para seguir nesa loita polo ascenso ou promoción. Partido complicado en Camariñas, onde os locais, nun momento delicado en canto a resultados, reciben a unha Esteirana moi necesitada de puntos para saír do descenso. En Cee, os locais e o Baíñas, dous equipos que queren asegurar a permanencia, enfróntanse tralos triunfos da última xornada, mentres que en Castriz enfrontaranse os rossoneri e Malpica, coa competición resolta.  

En Primeira, triunfos de Dumbría e Outes

Co triunfo ante o Silleda pecha a minicrise de resultados que levou aos pupilos de Julián a ceder seis puntos sobre o segundo posto, que segue ocupando o Agolada. Un gol en cada tempo deixa os tres puntos no Conco e mantén aos locais como líderes, con dous puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado. Non quere perder a ilusión da permanencia o Outes, e superou no derbi ao Fisterra por 2-1, resultado que lles deixa a dous puntos de saír do descenso directo, aínda que os arrastres, nestes momentos dous, téñenlles a sete puntos da salvación. En Zas, Sporting e Val do Ulla repartíronse os puntos nun encontro con moi poucas oportunidades de gol e onde os pupilos de Pablo Mallón adiantáronse na primeira metade e viron como o Ulla empataba nun penalti moi protestado. Pese a todo, os sportinguistas manteñen a súa vantaxe sobre o posto de primeiro arrastre, que ocupa precisamente o seu rival do domingo, Para a próxima xornada, complicados desprazamentos para Zas, Outes e Dumbría, que visitan os campos de Cordeiro, Val do Ulla e Poboa, respectivamente, sendo crucial o choque do Outes en Ulla, mentres que o Fisterra é o favorito para superar ao colista, Villestro, en Ara Solís.  

O soño xa é unha realidade en Preferente

O soño do Xallas xa deixa de ser soño e transfórmase nunha realidade, con esa pugna por chegar aos postos de promoción de ascenso a Terceira División, aínda que tamén é certo que nin Paiosaco, nin Laracha nin Polvorín ceden na súa loita polo mesmo obxectivo. Os homes de Iván Cancela deron boa conta do colista, Sporting Sada, ao que endosaron un set en xornada sabatina, deixando clara a diferenza entre un e outro conxunto. En Sofán, dous zarpazos do Polvorín supuxeron a derrota do once de Josito Fuentes ante o filial do Lugo, que ocupa a cuarta praza da clasificación xeral, aínda que cos mesmos puntos que Xallas e Laracha, e co Sofán na novena posición, coa permanencia virtualmente asegurada. Por abaixo, o Soneira non puido puntuar en Escairón, onde perdeu por 3-1, e mantense na zona de descenso directo e, vendo os arrastres de Terceira, ten cada vez máis complicada a súa permanencia en Preferente, pois xa son nove os puntos que lle separan do equipo que mantería a categoría sen os arrates. Na próxima xornada, o Xallas renderá visita ao segundo clasificado, Estudiantil, e a vitoria é necesaria para seguir nesa loita pola promoción. O Sofán visitará a un irregular Lemos e que necesita imperiosamente un triunfo para saír dos postos de evidente perigo, mentres que o Soneira, no Municipal, terá un encontro de alerta máxima ante o líder Noia, coas urxencias de ter que sumar para manterse con vida.  

En Terceira, sorpresa do Camelle

En Terceira, o Muxía cada vez ve máis preto o ascenso, pois os seus rivais fallan máis do previsto, mentres que os líderes suman de tres en tres. Nesta xornada golearon ao Outes B en Arliña. Sorpresa en Cee, onde o Ameixenda vía como o colista, Camelle, rozou a vitoria, cedendo un empate que lle afasta do ascenso directo, aínda que a promoción tena asegurada. O Lira ameaza a segunda praza, vencendo a un Nantón que perde moitas opcións de ter factor campo a favor na promoción, mentres que o Volantes escápase na loita polo quinto posto, tras vencer ao Seaia, que queda fóra de toda pelexa, mentres que o Cabana quere seguir tendo opcións e derrotou, con superioridade inesperada, ao Castrelo en Vimianzo e déixalle a catro puntos do Volantes. Na próxima xornada, un bo duelo en Nantón, onde xoga o Ameixenda, mentres que o Lira rende visita ao Seaia en Malpica. Castrelo e Cabana non poden fallar en Camelle e Outes, respectivamente, si queren seguir optando á promoción, e esperan que o Volantes non puntúe no seu desprazamento a Muxía, para render visita ao líder.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios