Venres. 04.10.2024
El tiempo

A Pipa: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa

A Pipa: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa
O Castriz celebrando un gol nun dos partidos anteriores-Foto-Laura Velo O Castriz celebrando un gol nun dos partidos anteriores-Foto-Laura Velo

Tras dúas xornadas co Corme á fronte da clasificación na Liga da Costa, a terceira trouxo o cambio no primeiro posto, co ascenso ao mesmo dun Castriz moi renovado e con moita mocidade nas súas filas, con xogadores chegados moitos deles dos xuvenís do Xallas CF, aproveitando os rossoneros o empate nun dos encontros da xornada entre Unión Club Cee e Corme, que igualmente sumaban por triunfos os seus encontros.

Pese a todo, o choque dos xalleiros non era nada fácil, pois recibían en San Pedro a un Cerqueda que quere ser un dos animadores da competición, pero nesta oportunidade os malpicáns sufriron nas súas carnes a ambición e galas dos locais e viron como lles superaban con amplitude, malia xogar durante moitos minutos con dez pola expulsión de Nakata.

Outro dos encontros da xornada enfrontaba a Cee e Corme, saldándose cun empate sen goles, mostrando ambos equipos os seus credenciais a estar nos postos de cabeza e ser candidatos a todo. O partido, pese a non ter goles, foi tremendamente disputado e apaixonante, cun Cee moi serio e controlando perfectamente a un Corme que en dúas xornadas materializara doce goles, pero quedouse anulado pola perfecta formulación levada a cabo polo once local.

En Baio, a visita do Ponteceso era unha dura proba para os pupilos de Pedro Gómez, pero os branquiazuis realizaron un gran partido da man dun MC que, nos primeiros corenta e cinco minutos deixou visto para sentenza a un Ponteceso que, nas dúas xornadas anteriores, non encaixara un só gol. O 4-2 final reflicte o gran traballo local desarbolando aos homes de Barca.

Alegría por partida dobre en Muros co triunfo do Monte Louro, segundo consecutivo, e a paternidade do seu adestrador, Oscar Leis: felicidades amigo. Os locais souberon sacar adiante o compromiso ante un Porteño que lles puxo as cousas moi difíciles, pois o 4-3 final mostra a gran igualdade e o tremendo traballo dos dous conxuntos, con intensidade, ritmo e emoción ata o final dos noventa minutos.

En Coristanco, o Corcubión sumou os seus tres primeiros puntos da competición ante un once local que, como a campaña pasada, comeza cedendo terreo e é o novo colista da clasificación con tres derrotas noutros tantos encontros disputados. Os visitantes adiantáronse moi pronto, empatando cinco minutos despois os verdes. Na segunda metade, o doblete de Nes sentenciaba ao once coristanqués, que buscou o empate, pero atopouse coa sólida resistencia visitante.

En Buño, prometíallas moi felices o Laxe cando, aos vinte minutos poñía no marcador un sorprendente 1-3, pero en seis minutos, antes do descanso, os locais lograban empatar o partido. Eléctricos 34 minutos cun empate a tres e felicidade no once de Mauro por igualar, antes do descanso, o encontro. Na segunda metade, e no minuto 90, lograría a proeza o Buño, co tanto de Jordan, que deixa aos laxenxes como penúltimo clasificado sen estrear o casillero de puntos.

Outro duelo igualado viviuse en Camariñas, onde os locais foron capaces de remontar o gol ao principio da segunda metade dun Baiñas que viu como o equipo azulón lograba os tres puntos en xogo e deixaba aos vimianceses compostos e sen noiva na súa segunda saída competitiva saldada cunha nova derrota pola mínima.

Tomou Esteiro o San Lorenzo que, trala derrota inicial levanta o voo e colócase na zona media-alta con seis puntos consecutivos. Os locais intentárono todo, pero xa antes do descanso o once de Verdillo poñía terra por medio con dous tantos. O gol local, a pouco de comezar a segunda metade, fixo crecer as esperanzas nos xogadores de Lodeiro, pero os visitantes souberon nadar e gardar a roupa sumando un triunfo moi traballado nun campo que non será nada fácil para os rivais.

Para rematar, gran triunfo do Mazaricos, que non coñecía o triunfo, ante un Malpica que non encaixara goles nos dous primeiros choques da competición. As baixas dos pupilos de Esmorís, con once xogadores únicamente, foron decisivas para que o Mazaricos, cun gol no último minuto da primeira metade e outro á hora de xogo, lograse un triunfo merecido pese á entrega e traballo visitante.

Vindeira xornada

Na próxima xornada, duelo de gran rivalidad en Corcubión, coa visita do invicto Cee, con outros dous encontros que chaman poderosamente a atención dos afeccionados, como o son o Corme-Mazaricos e o Malpica-Baio, onde a igualdade parece ser o primeiro dato, pero con dous equipos locais que queren seguir sumando puntos e manterse na zona de privilexio.
Coristanco e Laxe queren abrir a lata dos puntos nos seus duelos ante Porteño, os coristanqueses na Ponte do Porto, e fronte ao líder, Castriz, os laxenxes, pero ningún deles terao fácil para alcanzar os seus obxectivos iniciais.
Un crecido Monte Louro renderá visita ao Cerqueda, mentres que o Baiñas, no seu terreo de Vimianzo, terá como rival a un Buño co que está empatado a puntos.
Complicados rivais terán San Lorenzo, coa visita do Camariñas, e Ponteceso, que recibirá á Esteirana, pero o factor campo pode ser vital para os xogadores de Oscar Suárez e José Barca no seu afán de sumar un novo triunfo.

Preferente e Primeira

En Preferente, suma e segue o Sofán, que na campaña da súa debut histórico na máxima categoría do fútbol galego, se encaramó á segunda praza da táboa clasificatoria, a un punto do liderato, trala gran vitoria sobre unha Sarriana que vendeu cara a súa derrota en Ou Carral. Nesta xornada, os xogadores preparados por Josito renderán visita a un Mugardos que parece enderezar o seu camiñar tras un comezo moi irregular no seu retorno a Preferente desde a Terceira División.

O Xallas, que viu como o Viveiro sumaba os tres puntos no “desterro” de Baio, por mor dos arreglos que está a acometer a Fontenla, pero pese a todo, e sen ser o mellor encontro do que vai de tempada dos homes de Iván Cancela, os verdes fixeron méritos máis que suficientes para alcanzar, cando menos, o empate. Na próxima xornada, os xalleiros renderán visita a un Arzúa que vén de golear a domicilio ao Sporting Sada (0-4), e que non coñece a derrota nas catro xornadas disputadas.
Tampouco tivo moita fortuna o Soneira no seu desprazamento a Paiosaco, onde se adiantou por tres veces no marcador, colocando o 2-3 no marcador ao comezo da segunda metade, pero en catorce minutos, o Paiosaco, un dos candidatos ao ascenso, volteó o encontro e sumou un novo triunfo, para desilusión vistante.
O próximo fin de semana, ante o Betanzos, os vimianceses teñen a posibilidade de redimirse e alcanzar o primeiro triunfo da campaña, pois os visitantes tampouco saben o que é sumar o triunfo nas catro xornadas disputadas.

En Primeira, xornada irregular para os nosos representantes, cunha vitoria, a do Dumbría no derbi ante o Outes, con moita solvencia para os locais (4-1), que coloca aos xogadores de Julián na segunda praza da clasificación e deixa aos da Serra no farolillo vermello da táboa; un empate, o alcanzado no seu terreo polo Fisterra ante o Riveira de Sil, que se adiantou no marcador, manténdose invicto o once fisterrán; e dúas derrotas, a xa mencionada do Outes, e a do Sporting Zas na súa visita a Pobra do Caramiñal, ante un recentemente descendido de Preferente, pero que non sumara ningún triunfo, e fíxoo ante un Sporting que aos poucos ten que ir tomándolle a medida á competición e, xunto co Outes, segue sen estrear o seu casillero de puntos.

A cuarta xornada traerá complicados desprazamentos para Fisterra, que renderá visita ao Flavia en Padrón, e do Dumbría a Villestro, sobre todo polo flojo comezo dos locais, que únicamente sumaron un punto nestas tres xornadas.
Sporting Zas e Outes buscarán a primeira vitoria da campaña nos seus terreos ante Escravitude e Poboa, pero non resultará nada fácil, pois os padroneses son terceiros, invictos neste inicio de tempada, mintas que o Poboa vai reaccionando á derrota inicial e está situado na oitava praza da clasificación xeral.

E comezou a 3ª

E non me podo esquecer que comezou a terceira autonómica, cos triunfos de Muxía, primeiro líder da clasificación, Castrelo, Nantón e Outes B, fronte a Camelle, Lira, Seaia e Ameixenda, respectivamente, e o sorprendente empate dun Volantes que parecía non ía competir, no terreo dun Cabana que, para todos, é o gran candidato ao ascenso tras perder a categoría a pasada campaña, con permiso do Muxía, que se quedou ás portas de retornar á Segunda Autonómica.
O próximo fin de semana, máis partidos, máis emoción, máis goles e, sobre todo, máis ilusión nos campos de fútbol da Costa.

  • Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios