Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A Pipa: Vai de derbis

A Pipa: Vai de derbis
Imaxe do derbi Ponteceso-Corme-Foto-SD Imaxe do derbi Ponteceso-Corme-Foto-SD A xornada deste fin de semana veu cargada de derbis, algún moi importante pola clasificación dos dous equipos, como o Ponteceso-Corme, moitos goles e bo xogo en xeral, coas excepcións que confirman a regra e, novamente, con cambio de líder na 3ª da Costa, tralo empate do Cabana e o triunfo do Volantes, que asume a primeira praza da clasificación.

2ª Galega

https://www.facebook.com/pontecesosd/videos/2072847886280613/ En 2ª, o partido que chamaba poderosamente a atención era o derbi local de Ponteceso, entre o once local e o seu rival do Concello, o Corme, saldado co triunfo dos pupilos de Tito Pedreira por 3-1, nun choque encheu de emoción, incerteza, unha gran entrada e resolto case ao final do mesmo polos locais, despois de que o Corme, con 2-1 no marcador, desperdiciase un penalti, pouco antes de sentenciar o Ponteceso, que segue firme en procúraa de dar alcance a Mazaricos e Esteirana. Sufriu de xeito abondo o líder en Outes, ante un once blanquinegro que traballou duramente para superar o seu racha de resultados negativos, pero un gol a falta de dous minutos, materializado por Roberto Amoedo, no lanzamento dunha falta, supuxo a derrota do Outes e o triunfo dos amarelos, que manteñen a súa vantaxe á fronte da táboa clasificatoria sobre a Esteirana. Precisamente os de Esteiro pasárono mal para derrotar, por 3-2 no José Luís Vara, ao Camariñas, que nunca se entregou, malia que o once local marcou pouco antes do descanso o 1-0 e aos catro minutos da reanudación o 2-0, pero os xogadores de Tono buscaron o empate, pero o tanto de Pladur, aos 89 minutos, parecía sentenciar a contenda, malia recortar nuevamente o Camariñas no 90. Segue o seu ascenso o Malpica, que tralas última incorporacións mellorou a súa marcha, e ante o Coristanco un gol de Gustavo, antes do cuarto de hora de xogo, valeu para que os de Repi sumasen un triunfo que lles saca da zona de descenso directo. Os visitantes buscaron afanosamente o empate, especialmente na segunda metade, pero as intervencións do meta Anxo resultaron fundamentais para o triunfo malpicán. Empate en Buño entre o once de Dani Calvete e o Muxía de Adrián Lema, logo de noventa minutos moi competidos e igualados. O Buño, perfectamente situado sobre o terreo de xogo, soubo responder ás accións dun Muxía que segue sendo a gran revelación da tempada. Adiantouse o Muxía, pero pronto alcanzaría a igualada o Buño. Tamén se saldou con empate o miniderbi entre Lira e Montelouro, e iso que os locais quedaron moi pronto con dez homes pola expulsión do meta Peipo aos 7 minutos, pero malia adiantarse no marcador o once de Oscar Leis aos 25 minutos, empataría o Lira e quedaríase con 10 igualmente o Louro dous minutos despois. Dous goles máis nos minutos 75 e 79 pecharían o marcador do intesno e disputado encontro. Mínima vitoria do Baiñas no seu duelo como local ante o Cerqueda, nun choque moi disputado e igualado, onde o tato de Cristian Canosa, á hora de xogo, deixou os tres puntos no casillero local, pese a que o Cerqueda tivo a súa gran oportunidade nun máximo castigo, que erraría Bastón lanzando o balón fóra. Ata o final, dominio visitante e contras locais que puideron poñer máis diferenza no marcador. Non termina de arrincar en case o Sporting Zas, que viu como un bo Cee levaba os tres puntos en xogo na última xogada do encontro. Ata ese instante, igualdade máxima, con dous goles anulados a Leo por senllos foses de xogo e dous lanzamentos ao pau do Sporting, sendo o máis destacado do partido. Cando parecía que o 0-0 sería o resultado final, chegaría o tanto visitante nunha acción onde a defensa local estaba descolocada. Na próxima xornada, complicado desprazamento do Ponteceso á Serra, onde lle espera un Outes que necesita sumar de tres en tres. O líder recibe a un Camariñas en horas baixas, mentres que a Esteirana rende visita a un tocado Coristanco e o Corme recibe no Cairo a un Sporting Zas moi irregular. Bo partido en Cee, con dous equipos ao alza, como os son o Unión e o Baiñas. O Cerqueda quere retornar á senda do triunfo coa visita do Lira, mentres que o Muxía poñerá a proba a reacción do Malpica. Outro choque moi igualado espérase en Louro, onde renderá visita o Buño de Dani Calvete.

Vitoria, empate e derrota en Preferente

Comeza a clarificarse o porvir do Xallas, que trala chegada de Néstor ao banquiño verde mellorou ostensiblemente, e nesta xornada sumou os tres puntos en xogo no terreo complicado do García Hermanos, en Betanzos, cun 0-2 que lle coloca na zona media da táboa, con 18 puntos, deixando aos brigantinos na zona de descenso, aínda que do descenso ao 10º posto hai catro puntos de deistancia. Nova xornada negativa para o Sofán, que saldou a súa visita a Ribadeo cun inesperado 4-0 en contra, logo dun mellor comezo rojillo, pero un penalti sinalado polo asistente, nunhas mans involuntarias, propiciou o 1-0 co que se chegaría ao descanso. Logo, as baixas e as lesións condicionaron a un Sofán que terminou goleado e coa sensación de sufrir un arbitraje non moi acertado nas accións fundamentais do partido. Mellorou o Dumbría, que arrincou un empate no terreo do potente Arzúa. Os pupilos de Nacho, cunha formulación moi organizada buscando as contras e replegados, pecharon as válvulas de acceso á súa meta aos locais, que pese a todo adiantaríanse no marcador nun erro defensivo visitante. A un minuto do final, un penalti a favor do Dumbría propiciaría o 1-1 final, merecido polo bo traballo dos visitantes. Na próxima semana, chega o líder a Santa Comba, onde o Xallas espera manter a súa boa senda de resultados ante o Paiosaco. Nas Eiroas, outro visitante incómodo, como o é o Arzúa, terceiro clasificado, mentres que o Dumbría repite fóra, nesta ocasión na zona lucense, rendendo visita ao Atlético Escairón, co que están empatados a puntos.

Triunfo do Baio no retorno de Diego Díaz

O derbi costero da xornada en Primeira saldouse co triunfo do Club Deportivo Baio, onde retornaba ao banquiño Diego Díaz, sobre o San Lorenzo de Verdillo, que afasta aos locais dos postos de descenso, onde some neles ao once de Oscar Suárez. Os tantos de Santi Díaz, ao minuto de xogo tralo descanso, e de Iván Rojo, decidiron o choque, onde a primeira metade foi máis igualada e na segunda o cedo tanto local rompeu a confrontación. Mereceu moito máis o Soneira en Agolada, na súa visita ao primeiro clasificado tras este triunfo, pero ao final, un tanto no minuto 89, deixou aos pupilos de Rafa Suárez, destituído este luns, sen sumar ningún dos puntos de xogo, e afástanlles a sete puntos dos postos de ascenso e promoción. Pese ao dominio visitante e as numerosas oportunidades de gol, sería o Agolada quen aproveitaría a súa e levaríase o triunfo final. Aguantou 20 minutos o Fisterra na Pobra do Caramiñal ao once local, pero a partir do 1-0 e o último cuarto de hora da primeira metade foron tremendos, con dous tantos locais e outros gol máis anulado. Na segunda parte, estirouse un pouco máis o Fisterra, pero aínda marcaría un novo tanto o Poboa, quedando os fisterrans na penúltima praza da clasificación. Na xornada deste fin de semana, o San Lorenzo recibirá a visita do líder en Verdillo, mentres que o Soneira medirase no Municipal de Vimianzo ao Poboa. Longo desprazamento do Baio, que renderá visita ao Atlético Ribeira, mentres que o Fisterra será o anfitrión do histórico conxunto do Lalín.

Volantes, líder da 3ª

Volve cambiar de líder a 3ª da Costa, pois o Volantes de Baños, dirixido por Sil, tralo seu cómodo triunfo ante o Outes B, por 5-1, retorna ao primeiro posto, que deixa o Cabana tralo seu empate en casa ante outro dos candidatos aos postos de ascenso ou promoción, como o Camelle, a un tanto. Os dous equipos marchan empatados a puntos, con 23, a falta dunha xornada para a conclusión da primeira volta, co Muros pegadiño a eles, con 22 puntos no seu taboleiro, logo do seu triunfo, claro e contundente, en Corcubión, ante un conxunto que parece despedirse da loita polos postos de privilexio, que ten a cinco puntos nestes instantes. Deu a campanada o Castriz en Nantón, derrotando ao once local e colocándose a dous puntos da zona de promoción. Os de Santa Comba colocáronse cun claro 0-3 no marcador, pero o arreón final local, unido ao baixón visitante, puxeron o 2-3 no marcador dando emoción e incerteza aos minutos finais. Gran partido en Cee, onde o Ameixenda de Manolín sufriu para derrotar a un Laxe que pecha a última praza de promoción, mentres que o Ameixenda se coloca a tres puntos do liderato, na quinta praza da táboa clasificatoria. Bo triunfo do Porteño, que quere seguir puxando pola promoción, aínda que a teña agora mesmo a catro puntos, e superou claramente a un Seaia que comparte puntos cos vencedores. Partido grande este fin de semana en Laxe, onde renderá visita o Volantes, do mesmo xeito que en Camelle, coa chegada do Nantón, e en Castriz, que se medirá ao Ameixenda. Xornada propicia para que o Cabana, si logra os puntos en Malpica, ante o Seaia, ou o Muros, si vence no seu terreo de Miraflores ao Porteño, cheguen ao liderato. O Castrelo recibe a un Corcubión que necesita gañar si quere ter algunha opción de estar na zona de promoción. Descansa esta xornada o Outes B.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios