Venres. 19.04.2024
El tiempo

Alex Romero: "vencer ó Coristanco foi unha liberación"

Alex Romero: "vencer ó Coristanco foi unha liberación"
O domingo en Esteiro foi a culminación dun soño. A perseverancia dun grupo de xogadores, dirixidos por Alex Romero, nos momentos en que o título parecía algo imposible, foi unha das claves de que agora esteamos a falar dunha Esteirana campión novamente. Varios dos xogadores que forman a actual plantilla xa levantaron a Liga da Costa fai uns anos, e xunto a eles unha nova xeración de talento puramente esteirán, que ten pinta de que vai a dar moitas alegrías nos próximos anos no Xosé Luis Vara. E na sala de máquinas, Alex Romero. Un home xa de traxectoria dilatada: iniciou na base do Outes, pasando por Mazaricos, Lesende, Volantes e no fútbol base fixo bos anos en Noia, Boiro e no Santiago de Compostela. Aterra este ano na Esteirana, e tras 28 partidos pode sumar unha Liga da Costa ó seu palmarés. QPC - Qué significa para ti este título? O que sentín ó gañar contra o Coristanco foi unha gran liberación. Acadar o título non era o obxectivo marcado ó inicio da tempada, pero co paso das xornadas e conforme íamos vendo que o equipo era capaz de competir co grupo de cabeza, a idea de intentalo foi collendo forza, primeiramente nos propios xogadores e logo na directiva e seguidores do club, de tal maneira que se xerou unha gran ilusión. Nas últimas xornadas, os domingos ó acabar de xogar, xa nos tardaba en chegar o domingo seguinte para saltar ó campo outra vez. O temor a que non fósemos capaces de cumprir cas expectativas creadas neste final de tempada sempre crea tensión e dúbidas, por iso me sentín liberado ó acadar a liga. QPC - Cal foi a clave para logralo? Sen dúbida, a calidade dos xogadores tanto a nivel futbolístico como humano. Cando un ten boa materia prima todo resulta máis doado. Gustaríame destacar sobre todo a eses xogadores que posiblemente non tiveron tanto protagonismo no campo, pero que sí foron determinantes para que o grupo funcionase, estando sempre preparados para axudar cando foi necesario, sen levantar a voz, sen unha queixa, os Pachi, Cristian, Samu, Serrano... QPC - Coa vantaxe que tiña o Mazaricos, destes a liga por perdida algunha vez? Despois de perder co Outes o Mazaricos colleunos 8 puntos. Foi un dos momentos difíciles da tempada. Sen embargo nunca perdemos a esperanza e seguimos coa idea de meter presión ó líder. Esa derrota foi un punto de inflexión, lonxe de rendernos, o grupo permaneceu máis unido que nunca. Todo o mundo sumou e remou na mesma dirección. QPC - Como é a Esteirana de Alex Romero? Que buscades en todos os aspectos do xogo? O equipo foise amoldando ás características dos xogadores, dos que dispoñíamos en cada momento e das diferente situacións polas que pasamos na competición. Iniciamos a tempada tratando de dominar ó contrario co balón, defendendo en avanzado, sen renunciar á verticalidade característica dalgúns xogadores, e por suposto aproveitando as individualidades de xogadores como Pladur, Alex, Pablo, Estévez, Josiño Barreiro, e o talento e experiencia de Josiño Alves e Dani Rama. As lesións, picos de forma e outras circunstancias fan que teñas que ir cambiando xogadores no once. Todos cumpriron moi ben, e xogadores como o porteiro Roberto, Campos, Serrano, Adrian, Code, Tobío, Simón e os xuvenís David, Jaime, Xián e Alex Yi entre outros permitiron manter o nivel. No inicio da 2ª volta pasamos un momento difícil e decidimos defender máis repregados, para recuperar a confianza defensiva e incluso xogando ó contragolpe cando nos era favorable. No tramo final recuperamos a confianza, alegría e frescura, sendo capaces de interpretar moi ben os diferentes momentos dos partidos. QPC - Como é a Esteirana como club? Agora que o coñezo un pouco mellor podo decir que a Esteirana, máis que un club, é un sentimento, unha gran familia. En xeral os rapaces de fútbol base, senior e afeccionados teñen un gran sentimento de orgullo e de pertenza ó club. A nivel de recursos, como a maioría. A xente da directiva traballa arreo para dar resposta ás necesidades de toda a rapazada que forma o club. QPC - Cal é a túa opinión sobre o campionato costeiro? Pois a liga foi moi igualada. Ó reducir a 16 equipos, xa imaxinaba que as distancias non ían ser moi grandes, pero sorprendeume o nivel que deron todos os equipos da zona baixa. Se botas unha ollada ós demais grupos de 2ª ves que en todas as ligas hai varios equipos que se descolgan por abaixo. Na nosa liga isto non sucedeu. Os equipos da parte baixa competiron ben e roubaron puntos ós da zona alta. Sen ir máis lonxe, no noso partido co Coristanco a un espectador neutral resultaríalle difícil saber quen era o líder e cal pelexaba por non descender. QPC - Qué papel podedes facer para o ano en primeira? Pola calidade do grupo creo que daríamos o nivel, sempre que manteñamos a maior parte dos xogadores. Pero con iso non chega. Hai outros condicionantes. Cada vez que sobes ou baixas un chanzo hai un periodo de adaptación. En 1ª os equipos están mellor preparados física e tácticamente, cobra máis importancia o balón parado, a liga é máis longa. Outro hándicap a superar é a posibilidade de contar cos xogadores ente semana, pois por estudios ou traballo a maioría están fora. Así estás en desvantaxe cos outros equipos que polo xeral fan 3 sesións entre semana coa maioría do grupo. Este feito resulta moi decisivo. Se cadra 1 ou 2 tempadas podes manterte e competir pero a medio prazo é moi difícil aguantar para os equipos que non abondan os recursos. FOTO CONCHY FREIRE

Comentarios