A xornada arrincaba a golpe de venres, festivo, co choque do Dumbría na Preferente. Os de Canosa facían un auténtico monólogo ante o Viveiro pero o resultado final quedou en táboas, deixando un sabor de boca algo curto nos costeiros. O que si venceu foi o XSC na casa ante o Chantada, cortando así unha xeira de 5 derrotas consecutivas. O que non puido traer nada de Lemos foi o Soneira, que coa derrota ante un rival directo métese na zona de descenso.
Na 1ª Autonómica, sumou o que máis o necesitaba. O Ponteceso tiña unha final ante o Amio e os de Mato deron o do de peito e suman 3 puntos fundamentais que, se ben non os liberan da última praza, si que os achegan aos postos de salvación. Queda tamén o Camariñas en postos de descenso tras caer na Pobra, pero empatado co propio Amio con 12 puntos, 2 máis que o cadro pontecesán. Por arriba, o Baio caía o venres ante un dos grandes, o Villestro, mentres que a Esteirana caía hoxe sorprendentemente na casa co Flavia. Un empate foi o que sumou o Malpica ante o Cordeiro.
Na 2ª Autonómica os partidos da xornada disputábanse no San Paio de Refoxos e no Cairo. En Cee, o equipo local conseguía remontar con 10 ao Outes, e sumaba unha vitoria que o coloca a 8 do propio Outes, que segue líder trala súa segunda derrota, pero xa só cun punto sobre un Sofán que non perdoou en Muros. Ademais, o Corme sacou os 3 puntos ante o Fisterra e se achega realmente a zona de arriba. Quedan agora 5 equipos en 8 puntos, e o Fisterra a 12, quedando descolgado un Castriz que caía ante o Buño na casa.
A 7ª xornada da 3ª Autonómica déixanos aos Baíñas e Montelouro máis líderes. Non fallaban nos seus derbis ante Castrelo e Lira e sacan 3 puntos ao Coristanco, que vencía con rotundidade en Corcoesto, e ao Seaia, a auténtica revelación na súa temporada de estrea que vencía no derbi ante o Cerqueda. Lira e Nantón quedan a 5 puntos, trala vitoria dos cabaneses en Arliña.
En Xuvenís, a Esteirana deu un golpe na mesa e alonxa ao Cee da zona alta do Gr.3. O XSC machacaba ao Soneira e xa saca 6 puntos ao 4º, o Fisterra, a falta de 7 xornadas. No Gr.4 a sorpresa chegaba dende Pedra Queimada onde o Muxía se aproveitaba da relaxación do Malpica para sacar unha inesperada vitoria. Deixa o Malpica o liderato a Cabana e Corme. Os cabaneses vencían na Ponte tamén con máis problemas dos esperados ante un debutante, mentres que o Corme sufría, como era de esperar, para vencer no Pinguel ante o Ponteceso no derbi e choque máis igualado da xornada. Queda agora o cadro pontecesán a 5 puntos do Malpica, que marca o pase á Liguilla.
Segue o Dumbría da División de Honra Cadete dando alegrías e se mantén 4º, mentres que na Liga Galega Infantil o equipo dumbriés empataba ante o Santiago quedando na 11ª praza, xa superando ao Bergantiños e meténdose na loita polo título. O XSC non podía facer nada ante o lider, o Dépor.
En Cadetes Muros e Fisterra seguen firmes trala 6ª xornada, mentres que en Infantís Cee e Fisterra aproveitaron que o Corme descansaba para abrir unha pequena fenda. Ademais, seguen en marcha as ligas Alevín e Benxamín de F8.
Importante a xornada na 1ª División dos Veteranos, pois o Soneira segue escadando posicións. Hoxe vencía ao Zas, que chegaba 4º no partido máis igualado da xornada, e aproveitou a sorprendente derrota do líder, o Laxe en Verdillo, e mais o empate do Coristanco ante o Xuv. Bergantiños. Queda o Laxe con 29, un máis que o Soneira, actual campión que xa está aí de novo, e 2 sobre o Coristanco. O Zas queda a 7. Na 2ª División, e trala retirada do Corme, o Milagrosa segue líder, con 2 sobre o Corcoesto e 4 sobre Camelle e Malpica. O Erbecedo tamén vén cunha boa marcha.