Completísima xornada no Fútbol da Costa con máis de 80 partidos, xa con case todos os peques tamén en competición.
E comezamos a análise desta xornada pola Preferente - Senra Sport, con boas novas para os nosos. O sábado arrincaba a xornada coa vitoria do Dumbría en Dorneda, e o domingo o XSC completaba a boa liña cunha vitoria clara ante todo un Betanzos. Ascenden así os de Canosa e os de Coméndez á 8ª e 9ª praza, deixando os postos de descenso a 6 e 5 puntos respectivamente.
Pasou de todo na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. No derbi costeiro, o Malpica sumaba a súa 3ª vitoria consecutiva gañando no Cairo, nun partido no que acabou con 10 sufrindo moito ante a marea azul, superándoo xa na táboa, e deixando ao Corme ao fío dos postos de descenso despois de 5 derrotas seguidas. Uns postos dos que xa case sae a Esteirana, que xa suma dúas vitorias seguidas. Por arriba o Sofán segue impresionante e sumaba a 7ª vitoria no campo do Piloño, e xa saca 4 puntos aos seus perseguidores, Villestro e Baio, que caía en casa ante un bo Agolada. A nova da semana a protagonizada o Soneira, despois da destitución de José Ángel. Fran de Urroa tomou o mando mentres buscan adestrador, pero o equipo nada podía facer ante o potente Villestro.
Non para este San Lorenzo. Segue de líder da 2ª Autonómica - ES Bazarra, e nin o Cee foi capaz de frealo. Pero tampouco baixa o pistón o Zas, que vencía en Camelle e se mantén a 1 punto. O que non puido aguantar o ritmo foi o Castriz, pero é que se topou cun gran Volantes, 5º a 6 do liderato e empatado con Buño e Outes, que foi quen de remontar un 0-2. Dous equipos, Buño e Outes que non pasaron do empate ante Seaia e Carbota. Por abaixo, o Montelouro sumaba o seu segundo punto en Ara Solis, e o Ponteceso rompía unha xeira de 6 derrotas seguidas cun empate ante o Mazaricos. Ademais, o Camariñas caía con rotunidade ante o Baíñas.
Conseguíu frear o Nantón ao Ameixenda na 1ª xornada da segunda das 4 voltas da 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira, pero os de Manolín seguen imbatidos e con 7 puntos sobre os perseguidores. Ocupa agora o Coristanco, que non fallaba ante o Laxe, a segunda praza de ascenso directo, empatado co Corcubión, que sufría pero conseguía sacar os 3 puntos de Arliña ante un Muxía que segue tendo moi mala sorte. A sorpresa, relativa, da xornada, foi a vitoria do Castrelo en Lombáns, ante un Lira, que suma 4 derrotas, ante as que Pedrosa tamén presentaba a súa dimisión. Era a primeira vitoria dos vimianceses, que a modiño se achegan ao grupo da promoción, e ademais puideron dedicarlla ao novo presi do Castrelo, o xogador Estebo.
Movementos nos Xuvenís
Foi o XSC o protagonista da xornada na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte. Santi Casal persentaba a súa dimisión, e o equipo completaba a fatídica semana cunha derrota en Cee que o deixa fóra dos 3 postos que dan acceso á Fase de Ascenso á Liga Galega. Resultado que mete ao Cee na loita, pero aínda está por debaixo dos Miúdos, que queda despois de vencer ao Fisterra a 4 do intratrable Dumbría, que sufría demais para superar a un Corcubión que aínda non estreou o taboleiro de puntos; e da Esteirana, que non fallaba co Muxía. O Outes tamén amosa a cabeza por aí arriba. Xa polo Norte, a xornada chegaba completísima, con varios choques directos. Como o Cabana-Corme, que rematou cunha goleada excesiva que deixa ao líder con máis vantaxe. Tamén foi intenso o Zas-Porteño, que deixa ao Porteño como perseguidor dos cabaneses a só un punto, mentres zaenses e cormeláns quedan a 6. O Camariñas non fallou ante o pechacancelas e queda a 3 do liderato, o mesmo que o Coristanco que fixo o propio co Baio.
Xornada importante na base
Non foi moi positiva a xornada para os nosos equipos de base nas Ligas Autonómicas. Caía o Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría ante a visita do Racing de Ferrol, mentres o XSC da Liga Galega Cadete e o Dumbría Infantil sumaban un puntiño na casa ante os herculinos Montañeros e o Calasanz.
Xa nas Ligas locais, xornadas importantes. O Cabana ascende ao liderato da 1ª Cadete tras vencer a un Corme, que chegaba líder e que completa a aciaga fin de semana para a familia azulona. Ademais, noutro choque directo, o Fisterra vencía ás Baleas e se reafirma como candidato. Mentres, na 1ª Infantil, o XSC segue no máis alto, pero Os Miúdos mantense a 1 só punto.
Descansaba o Hosgran na 1ª División, pero aínda mantén o liderato. Conta con 2 puntos de vantaxe ante Coristanco e Dumbría, que non fallaban nos seus complicados partidos ante o Laxe en Zas. O Soneira vai subindo enteiros tras vencer ao San Román. Ademais, na 2ª División disputábanse dous choques directos entre os 4 de arriba, que deixan a Agualada e Erbecedo nos postos de ascenso tras vencer ao San Isidro-Razo e o Porteño.