Xoves. 02.05.2024
El tiempo

O Dolce&Café e o Explotacións Porcinas Porto do Souto, primeiros líderes da Liga Futsal Carballo

O Dolce&Café e o Explotacións Porcinas Porto do Souto, primeiros líderes da Liga Futsal Carballo
Arrincou a Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro

O pasado luns dou comezo unha nova tempada de fútbol sala no Pavillón Carballo Calero da capital de Bergantiños. Pendentes estamos de incluír todas as táboas en www.futboldacosta.com
Tras esta primeira xornada, o Explotacións Porcinas Porto do Souto, no grupo azul, e o Dolce&Café, no grupo vermello, son os primeiros líderes da liga regular Alonso Moda logo das súas vitorias ao Restaurante A de Pako e ao Hotel Pazo do Souto, respectivamente.

Grupo Azul

Bar A Vila 5 – 4 Carballo Futsal

Enfrentábanse dous dos novatos da liga, aínda que no equipo local estaba o xogador revelación da pasada tempada, Xuko, que terminou sendo un dos protagonistas do encontro. O Carballo Futsal, que é o equipo coa idade media máis baixa da competición, prantou cara durante todo o encontro con Ferreiro, debaixo dos paus e Samba, como goleador, como referencias. Pero, finalmente o fútbol neste caso foi xusto e venciu o conxunto que máis buscou a vitoria. Xuko, foi o gran protagonista do partido con catro goles.

Hotel Pazo do Souto 4 – 6 Explotacións Porcinas Porto do Souto

Partido disputadísimo entre o Pazo do Souto, que debutaba na competición, e o Explotacións Porcinas Porto do Souto, que trocaba de nome e que chegaba reforzado con respecto á pasada tempada. O equipo da parroquia carballesa de Sísamo, foi sempre por diante no marcador ata o tramo final, no cal o equipo pontecesán impuxo a súa calidade e a súa experiencia.

Restaurante Río Sil 1 – 3 Cervecería O Pazo

A pesar de que comezou adiantándose o equipo carballés por medio de Sande, os pontecesáns, que contan con grandes reforzos con respecto ao ano pasado, serían quen de remontar e facer efectivo o seu dominio durante gran parte do encontro.

Cervecería Ágora 3 – 2 Construccións Maracaná

O Construccións Maracaná foi quen de igualar o 2 a 0 co que se chegou ao descanso, pero nos minutos finais Javier Alvite doulle a vitoria ao seu equipo nun encontro no que a igualada sería o resultado máis xusto.

Mesón do Pulpo 2 – 0 Interfutsal/Deportes San Remo

O Mesón do Pulpo soubo aproveitar as súas ocasións e levouse os seus primeiros tres puntos da tempada, ante un equipo moi fallón de cara a portería e que nos ten acostumados a ir de menos a máis. Óscar Varela e Juan foron os goleadores do conxunto local.

Grupo Vermello

Cafetería Habanos 79 4 – 6 Cervecería Troula

Debutaba na competición o campión da pasada tempada e, facíao con máis sufrimento do esperado. A pesar de ir por diante no instantáneo durante todo o encontro, o Cervecería Troula sufriu ante un Habanos 79 mellorado, por non materializar as ocasións coas que contou.

Dolce&Café 8 – 1 Restaurante A de Pako

Un dos favoritos ao título de liga esta tempada, o Dolce&Café, goleou ao novato Restaurante A de Pako, nun partido que tuvo un dominador de principio a fin. Fuentefría e Uru en dúas ocasións, Álex Figueiras, Jorge Calvete, Matías e Charro, polos locais e Dubra polos visitantes foron os goleadores do encontro.

Panadería Añón 0 – 6 S2 Informática

O Panadería Añón, que debutaba na competición, viuse superado moi amplamente por un S2 Informática, que firmou un gran partido no cal estivo moi acertado de cara a gol. Gonzalo, Gustavo, Lendo, Alberto, Adrián Rey e Mallo foron quen firmaron os tantos do conxunto carballés.

Brasería Caracola 5 – 2 Carpe Diem

Neste encontro, enfrentáronse dous dos equipos a ter en conta para pelexar polo título de liga. Comezou adiantándose o Carpe Diem por medio de Hippy, quen non puido rematar o encontro por lesión e o seu equipo botaríao moito de menos. Remontarían os carballeses con goles de Iván Rojo e Omar, pero finalmente Tonecho poñería de novo a igualada no instantáneo. A volta do tempo de lecer, Lagoa erixiríase como protagonista para resolver o partido, con dous goles, un desde campo propio. Omar faría o definitivo 5 a 2 nos minutos finais.

A crónica da semana: Dluxe Carballo/Kasa Klandestino 4 – 4 Don Ordenador/SAT Xulián

DeLuxe Carballo-Foto-David Castro
  • Dluxe Carballo/Kasa Klandestino: Marcelo, Óscar, Chutín, Víctor e Maikel. Tamén xogaron: Juan, Cristian, Zeus e Jordi.
Sat Xulian Carballo-Foto-David Castro
  • Don Ordenador/SAT Xulián: Damián, Pitu, Xabier, Gonzalo e Lista. Tamén xogaron: Álex, Jose, Domnino, Añón e Agustín.
  • Goles: 0-1 m.4: Gonzalo; 0-2 m.10; Domnino; 0-3 m.12: Domnino; 1-3 m.17: Zeus; 1-4 m.17: Gonzalo; 2-4 m.27: Maikel; 3-4 m.31: Juan; 4-4 m.35: Maikel.
  • Árbitros: Pablo (pista) e Juan (mesa), sen problemas.
  • Pavillón: Carballo Calero (Carballo).
Bo ambiente no pavillon carballes para a Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro

Partido con dúas metades totalmente diferente. Mentres que na primeira o Don Ordenador puido sentenciar o encontro, xa que contou con moitísimas ocasións pero non foi quen de materializalas; na segunda o Dluxe mereciu o empate e incluso puido levarse a vitoria.
Aos catro minutos, Gonzalo batía a Marcelo tras un gran pase de Pitu e poñía por diante aos seus. Continuou dominando o equipo visitante e Pitu puido aumentar a renda ata en dúas ocasións, na primeira con un lanzamento que repele o pau e na segunda cun dobre penalti que salva Marcelo e na continuación da xogada, o xogador do Don Ordenador non é quen de materializar o rexeite do porteiro local.

Finalmente, sería Domnino o que puxo o 0 a 2 no instantáneo tras unha gran asistencia de Pitu. Aos dous minutos, de novo Domnino superaría a Marcelo a saída dun córner. Este gol fixo reaccionar aos visitantes e serían Cristian e Zeus os que avisarían das intencións do Dluxe pero sen acerto. E a falta de tres minutos para o descanso, Zeus recurtaría distanzas no marcador tras finalizar unha xogada combinativa. Pero tras o saque de centro, Gonzalo firma o dobrete para poñer o 1-4 co que se chegaría ao descanso.

Á volta dos vestiarios, reaccionou o Dluxe e Chutín a piques está de sorprender a Damián pero o seu disparo final tras unha xogada combinativa é rexeitado polo pau. Pero un minuto despois, Maikel si sería quen de superar ao porteiro visitante e recurtar distanzas no instantáneo. Nos seguintes minutos, Juan avisou das súas intencións, en dúas ocasións consecutivas, pero Damián saíu victorioso ante o xogador do Dluxe. Pero no minuto 31, Juan, cun gran disparo cruzado, si foi quen de superar ao gardameta do Don Ordenador. E a falta de cinco minutos, Maikel faría a igualada ao aproveitar un regalo da defensa para batir a Damián e firmar o resultado máis xusto logo do visto sobre a pista do Pavillón Carballo Calero.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios