Segunda semana de novembro e volve unha fin de semana cargadisima de actualidade deportiva. De feito, xa temos máis partidos ca nunca, xa temos 80, con máis categorías en competición e derbis importantes. De feito, xa temos 24 Ligas inseridas na nosa plataforma www.futboldacosta.com.
Comezamos o repaso a esta xornada pola 10ª xornada da Preferente - Senra Sport. Xa non hai excusas, e os nosos teñen que comezar a escadar posicións pois teñen equipo para estar máis arriba da 13ª e 14ª praza. O Dumbría non pode o sábado en Dorneda, ante un equipo que está por debaixo na táboa. Mentres, o XSC recibe a visita dun histórico en horas baixas, o Betanzos, ao que non pode permitir saír do descenso.
Teremos novo derbi na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. O Corme, despois de 4 derrotas seguidas, dúas precisamente en derbis ante Baio e Sofán, recibe a un Malpica que vén de menos a máis dende a volta de Baña ao banco, pero que aínda non saíu do descenso, estando, iso si, a só 2 puntos dos cormeláns, que mesmo chegaron a ser líderes. Por arriba, o líder terá unha complicada saída no campo do Piloño, 4º clasificado, agora que xa sabe o que é gañar fóra de casa. Ademais, o Baio, tras perder o liderato, recibe ao Agolada. Quere o Soneira manter a boa liña das últimas xornadas, pero o terá complicado no campo dun dos de arriba, o Villestro. E a Esteirana, despois de sumar a súa primeira vitoria, quere seguir sumando de 3 en 3 para sair do descenso, e terá que vencer ao filial do Bertamiráns, o equipo que precisamente marca a salvación nestes momentos, e que conta con 5 puntos de vantaxe sobre os esteiráns.
Moi bos partidos os que nos ofrece a fin de semana na 2ª Autonómica - ES Bazarra. O líder San Lorenzo, tras 7 vitorias e un empate nos últimos 8 partidos, recibe a todo un Cee, no que se supón unha boa pedra de toque para os de Pedro Gómez. Pero o choque máis igualado será o que protagonicen o Castriz, 2º, co Volantes, 7º. E o terceiro de arriba, o Zas, visita a un Camelle moi necesitado que suma dous partidos sen perder. O Buño visita ao Seaia, e o Outes, que leva tamén 7 partidos sen perder, terá un sempre complicado derbi sureño co Carnota. Por abaixo, o Ponteceso, tras 6 derrotas seguidas, recibe a un Mazaricos que leva, pola contra, 7 patrtidos sen perder. EO Fisterra-Montelouro case será unha final.
Arrinca a 2ª, das 4 voltas da 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O Ameixenda, con 8 puntos de vantaxe, visita a un irregular Nantón, que quere, como o resto de equipos do grupo perseguidor, aproveitar que descansa o 2º, o Cerqueda. Aí estarán atentos o Lira, tras 3 derrotas consecutivas, e que non pode fallar ante un Castrelo que leva 5 empates pero aínda non venceu un partido. O mesmo lle acontece ao Coristanco ante o Laxe, o pechacancelas. O Muxía-Corcubión será un dos choques máis igualados, pois o cadro roxiño aínda ten opcións de meterse na loita, pero non está a ter sorte nas últimas xornadas.
Comeza tamén a segunda volta nos Xuvenís. Na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte, o xa destacado líder, o Dumbría, visita a un Corcubión con 0 puntos. Os Miúdos, agora 2º, terá un difícil choque ante o Fisterra, que aínda ten opcións de loitar polas 3 primeiras prazas. O mesmo lle acontece ao XSC na súa visita ao Cee, pois de vencer o cadro ceense meteríase de cheo na pelexa. Polo medio queda a Esteirana, que non pode fallar co Muxía se non quere perdelo tren. Polo Norte, ca igualdade como protagonista (7 equipos en 5 puntos), todos os choques son importantes. Choques directos serán o Zas - Porteño e o partidazo entre Cabana e Corme. Ademais, o Camariñas non pode perdoar ao pechacancelas Malpica, o Ponteceso menos aínda (está a 5 do líder e pecha o grupo que loitan polas 3 prazas) ante o Laxe, e o Coristanco ante o Baio.
Duelo por todo o alto na 1ª Cadete, cun partidazo entre o Cabana, 2º a 2 puntos do líder, o propio Corme. Ademais, por detrás, outro choque directo entre As Baleas e Fisterra, 3º e 4º queren seguir pelexando polas dúas prazas que dan acceso á Fase de Ascenso. Pero é que en 1ª Infantil, triple enfrontamento entre os 3 de arriba e os 3 de abaixo: o líder XSC enfróntanse ao pechacancelas, Coristanco; o Fisterra a outro de abaixo, o Sofán; e Os Miúdos ante o Zas, penúltimo.
Xa nos Veteranos, teremos unha xornada importante na 1ª División, porque descansa o líder, un Hosgran que saca 4 puntos ao seu máximo persegudiro, o Zas, e 5 ao grupo que comanda o Coristanco. Precisamente ambos protagonizarán o partidazo da xornada, pero tamén haberá que ter o ollo posto no San Román-Soneira, un clásico. Tamén haberá dous partidos directos. O líder, Agualada, visita ao que foi líder as primeiras xornadas, o novato San Isidro-Razo, agor 4º a 3 puntos. Os dous do medio, Erbecedo e Porteño tamén se verán as caras, loitando todos por manterse nas dúas prazas de ascenso.