Completa se presenta esta última xornada do 2014. Teremos parón de Nadal pero as competicións voltarán o 3 e 4 de xaneiro de 2015. E todos os equipos queren pechar o ano da mellor maneira.
Como os equipos costeiros da Preferente - Senra Sport, que buscan escadar posicións ante equipos da zona baixa. O Dumbría ten que sumar se quere achegarse arriba na visita ao Escairón, equipo recén ascendido que pecha os postos de descenso. Mentres, o XSC non pode fallar na casa ante a Sarriana, outro ascendido tamén en zona perigosa.
Pechará de líder o Sofán este 2014 na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra. Pero quéreo facer polo alto, e tirará do Carral, onde ata agora suma partidos por vitorias, para acabar con 3 puntos máis. O Baio, agora 4º, a 7 do líder pero a só 1 do Villestro e Puebla, terá unha visita complicada, un Unión que ten só 4 puntos menos que os de Félix. Pola súa parte, o Malpica recibe ao Cordeiro, e a Esteirana ten que sumar si ou si na súa visita ao campo do Agolada. Pero o partido da xornada xogarase no Cairo, onde o Corme, en proceso de recuperación despois dunha longa “gripe”, recibe a un Soneira en bo momento.
E tamén de líder da 2ª Autonómica - ES Bazarra rematará o ano este sorprendente San Lorenzo. Pero antes terá que superar un dos escollos máis complicados da liga, o campo de Xaviña, onde o Buño mantén unha moi boa liña, manténdose como un dos equipos de arriba. Por detrás, o Zas visita ao Ponguel, e querrá sumar ante un Ponteceso que, por fin, sumou dúas vitorias seguidas.
Partidos importantes na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O Ameixenda, logo de sufrir a súa primeira derrota da temporada, recibe a un Muxía que xa non conta con Sieso como adestrador, sendo Suso Rey o que toma o mando de novo. O Corcubión visita a un Castrelo que ten máis opcións que nunca de meterse na loita pola promoción, mentres os Nantón-Lira e Cerqueda-Coristanco serán fantásticos choques directos entre os de arriba.
Antepenúltima xornada da primeira fase das Ligas Xuvenís. Na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte, co Dumbría xa campión, aínda temos unha fermosa loita aberta entre XSC, Esteirana e Os Miúdos polas dúas prazas restantes de cara á Liguilla Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega. Ningún dos tres pode perder nas súas visitas a Muxía, Outes e Corcubión, respectivamente. Mentres, polo Norte, co Cabana e Camariñas xa clasificados pero pelexando polo título, é o Porteño o que ten que asegurar a súa praza. Ten 6 puntos de vantaxe sobre o Corme pero visita a un Ponteceso que suma dúas vitorias seguidas. O Corme non pode fallar co Malpica e o Zas no derbi en Baio se queren seguir con opcións.
Remata o ano para os equipos das Ligas Autonómicas. O Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría farano na casa, mentres os infantís da Liga Galega nada menos que en Ferrol ante o Racing. Ademais, o XSC da Liga Galega Cadete quere rematar coa mala xeira de 5 partidos sen gañar en Arteixo.
Xa nas Ligas comarcais, o Fisterra-Cee será o partido máis interesante da 1ª Cadete, mentres nos peques os dous equipos do Outes queren certificar o seu gran comezo de campaña rematando o ano no máis alto.
E nos Veteranos, teremos partidazo por todo o alto na 1ª División. O líder, o Hosgran, que acabará o ano líder, medirá forzas ante o Coristanco, 3º a 7 puntos e cun partido menos.