Domingo. 17.11.2019
El tiempo

Costeiros nas catro puntas do país

Costeiros nas catro puntas do país
O malpican Juan Fuentes fala co colexiado Rios Suarez no Malpica-Corme da fin de semana-Foto-Fin Lema O malpicán Juan Fuentes fala co colexiado Ríos Suárez no Malpica-Corme da fin de semana-Foto-Fin Lema

A Subdelegación do Comité de Árbitros de Fútbol na Costa da Morte envía esta fin de semana unha boa representación ás máis altas categorías do fútbol galego a todas e cada unha das provincias galegas.

Bruno Méndez, o colexiado costeiro de Terceira División, dirixirá na xornada de sábado o Vilalbés-Racing, partidazo no magnífico campo da Magdalena (16.15 horas) entre dous dos equipos que aspiraban a todo, pero que levan traxectorias diametralmente opostas: en tanto os visitantes son segundos e acumulan unha xeira de vitorias consecutivas que os van aproximando ao liderado, os locais levan semanas dando unha de cal e outra de area e atópanse ao borde dos postos de descenso. Nas bandas, Bruno Méndez estará auxiliado por dous colexiados da Delegación da Coruña, Rubén Vázquez e Pedro Oreiro.

Tamén estarán na Terceira División Rubén Reborido e Alberto Baña, aínda que en calidade de árbitros asistentes. Rubén Reborido viaxará a Redondela para o Choco-Barco (Santa Mariña, domingo, 17.00 horas), que dirixirá José Manuel Cives (completa o trío Óscar Regos), en tanto Alberto Baña se desprazará ao Carballiño para o Arenteiro-Porriño (Municipal de Espiñedo, domingo, 16.30 horas), que dirixirá Xabier Rodríguez, auxiliado tamén na banda principal por Gonzalo Belmonte.

Sen saírse da Coruña, Adrián Pérez dirixirá o encontro de Primeira Galicia entre Imperátor e Miño (domingo, 16.00 horas, Grela 1), auxiliado por Daniel Martínez e Rai Reborido, tamén da Subdelegación da Costa, nun encontro crucial para os locais, que se atopan lindando cos postos de descenso.

Xornada de sufrimento na cola da Liga da Costa

A xornada na Liga da Costa está centrada esta semana nos dous enfrontamentos directos pola cola do pelotón e que poden deixar marcados aos equipos que saian derrotados.

Lira e Ameixenda, actualmente penúltimo e último, enfróntanse en Lombáns (domingo, 16.30 horas, José Ageitos) nun encontro que pode deixar a calquera deles a máis de dous partidos de diferenza da zona de salvación. O Monte Louro, terceiro pola cola, visita tamén a outro rival directo na pelexa por evitar a caída, o Cee (domingo, Sampaio de Refoxos, 16.00 horas, Juan Marcos Ríos). Tamén se vivirá un interesante duelo de vecindade no Pinguel entre Ponteceso e Malpica (domingo, 16.00 horas, Pablo Rama).

Na Terceira, hai partido da xornada. Será na Rocheira (domingo, 16.30 horas, David Cancela) e enfróntanse primeiro contra terceiro. De gañar os locais, o ascenso tocaríase xa cos dedos das mans, pois marcarían unha diferenza de doce puntos co propio Porteño, que agora mesmo marca a fronteira dos equipos que irían ao play-off e non ao ascenso directo. Para Cabana e Castriz, os outros dous equipos que pugnan máis claramente polo segundo posto de ascenso directo, a xornada é en principio benévola, pois enfrontan a rivais da zona baixa (As Baleas-Cabana, Hermanas Patiño, domingo, 16.00 horas, Lucas Vicente; Castriz-Seaia, San Pedro, domingo, 17.00 horas, Iván Ferreiro).

Duelos interesantes na competición xuvenil

A categoría xuvenil terá esta semana tres duelos máis atraentes que o resto, pola igualdade clasificatoria e os bos partidos que se presupoñen, en atención ao xogo despregado polos equipos.

No Ara Solis cruzaranse Fisterra e Esteirana (sábado, 16.00 horas, David Vázquez), e nas Redondas Cabana e Soneira (mesmo horario, Pablo Rama), todos eles equipos da zona alta que pugnan por achegarse á posibilidade de disputar o play off de ascenso á liga galega xuvenil.

E, precisamente, na liga galega xuvenil haberá tamén derbi costeiro o domingo, nas Eiroas (10.30 horas) entre Bergantiños e Dumbría. Dirixirá o encontro David Castreje, auxiliado por Esteban Domínguez e Breogán Rey.

O Concello de Zas busca deixar sentenciada a categoría cadete

Despois da inicial igualdade da competición, o equipo do Concello de Zas conseguiu abrir un oco de xa catro puntos á fronte da táboa, e semella unha xornada propicia para dar un golpe case definitivo. Visita na matinal do domingo (Xaviña, 10.00 horas, Iván Ferreiro) ao penúltimo, Cerqueda, en tanto o seu máximo perseguidor, o Outes, ten unha curta pero difícil saída ao campo da Esteirana, equipo que tamén pelexa pola zona nobre.

Na categoría infantil, o imbatido líder, Dumbría, recibirá á Esteirana (O Conco, domingo, 12.00 horas, Iván Vilanova) sabendo xa o que fixeron os seus inmediatos perseguidores, o Xallas (que visita ao Cabana nas Redondas, o sábado, ás 11.00 horas, con arbitraxe de Lucas Vicente) e o Cee, que se desprazará tamén o sábado ao Eleuterio Balayo para enfrontarse aos Miúdos.

Esta xornada será a medio gas no fútbol base, pois todas as categorías de fútbol 8 se toman un descansiño, aínda que teremos encontros amistosos, como os que se disputarán o sábado pola mañá en Arliña, na concentración de categoría prebenxamín organizada polo Muxía.

Os favoritos da liga de veteranos non ceden

A competición de División de Honra do fútbol veterano parecía sumida ao comezo nunha tiranía do San Lorenzo, despois nunha alternancia sen fin con Soneira e Zas, e agora mesmo está estabilizada pois os catro de cabeza (os tres anteditos e o vixente campión, San Román) levan dúas xornadas sen ceder puntos ningún deles.

O Soneira defenderá o liderado na difícil visita ao Dumbría (O Conco, domingo, 10.00 horas, Iván Vilanova), mentres o San Lorenzo buscará ese posto nun derbi fronte á Piña que xogará no “exilio” (O Carral, domingo, 10.00 horas, David Cancela). O Sporting Zas visita ao Nantón (As Fontiñas, domingo, 10.30 horas, Vítor Recarei) e o San Román recibe ao Ponteceso (Municipal da Laracha, domingo, 10.00 horas, Manuel Rodríguez).

Na Primeira de veteranos arrinca xa a segunda volta. O Deportivo Razo, un dos colíderes, ten xornada de descanso, en tanto o outro equipo no alto, o Mazaricos, visita ao terceiro clasificado, o Corme (O Cairo, domingo, 11.00 horas, Juan Marcos Ríos), co que o liderado se decidirá a partido único.

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Ademais, todos os horarios, os resultados e as clasificacións actualizadas ao segundo en www.futboldacosta.com.

Comentarios