Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Jesús: a resurrección e outras milagres

Jesús: a resurrección e outras milagres
Os goles de Suso Perico, que colgou as botas ao mesmo tempo que devolvía ao equipo da súa vida á Liga da Costa, teñen posto fin a unha longa noite de pedra do Lira na Terceira Galega Suso, á esquerda, coa nai á que lle adicaron moitos 'viva' durante anos - Reportaxe gráfica: Rafa Quintáns Dun tempo a esta parte, é habitual que o Athletic de Bilbao lle faga unha pequena homenaxe en San Mamés ao que os ingleses dan en chamar one club man, futbolistas de talento exacerbado que ao longo da súa carreira só traballaron para unhas cores. É o caso de Matthew Le Tissier (Southampton), Paolo Maldini (Milan) ou Sepp Maier (Bayern). Para a vindeira tempada, que seguramente caerá en Francesco Totti, un dos candidatos (polo menos da versión mini do premio) ben podería ser Jesús González Piñeiro (Lira, 1987), ou como todo o balompé da Costa o coñece, Suso Perico. No seu currículum hai 18 anos de fidelidade á 'roxiña', e un paso de un por Volantes e Muros, cando a entidade da súa vida non era capaz siquera de sobrevivir. O último servizo de Suso, que aínda non ten chegado á treitena, resultou unha despedida ao estilo dos grandes, como o sexto anel de Michael Jordan: dous goles seus ante o Ameixenda déronlle o ascenso á Liga da Costa ao Lira, despois de case unha década na categoría máis baixa do fútbol nacional. E el ten claro que a súa última foto será a da recente celebración. "É un adeus definitivo, xa o tiña decidido desde que empezou a tempada, e ata xoguei con rotura de fibras", confesa. "Perdín de traballar, traballei coxeando… e agora prefiro non ter máis sustos; ademais non vou vivir quí e conformareime con xogar unha pachanga de vez en cando ou a outros deportes de menos risco", engade o atacante, que pon rumbo a Canarias. Suso, no último encontro co Lira - Reportaxe gráfica: Rafa Quintáns O destino quixo que dous históricos con vidas paralelas, Muxía e Lira, retornarsen xuntos ao seu sitio natural. A historia recente de ambos escríbese en forma de decepción e de fuga constante de talentos, así como no esforzo de personaxes espontáneas que poñen o seu tempo ao servizo de entidades moribundas. Por iso, as sensacións de Suso, un deses heroes case anónimos, foron especiais unha vez acabou a volta en San Paio de Refoxos. "A nivel persoal foi unha satisfacción moi grande despois de nove anos", explica. "O Lira non acababa de ter tódolos xogadores comprometidos e competitivos, nin a actitude que hai que poñer para conseguilo, e este ano si houbo", remarca en relación ao punto diferencial. A historia do Sur da Costa desde comezo de século é contradictoria: as afeccións máis numerosas, superpoboación de entidades e un déficit de futbolistas que acaba en situacións como a recente do Lira ou a actual de xigantes sociais como a UD Carnota ou o Muros. Para alguén que ten vivido os derbis máis intensos que se lembran, non hai un só motivo, pero tamén a desidia entra entra por medio. "O problema é que moita xente marcha gtrballar fóra, outra non pode e outra acaba por fartarse, é un cúmulo de circunstancias que o Lira esta vez foi quen de levalo moi ben", di Suso, que non pensa que o seu adeus poida dar nunha volta ás andadas. "Sin Suso Perico seguirá sendo igual o Lira, e un rapaz que empezou con nove anos na canteira deixa todo e seguirá animando como que máis; aínda que eu si teño sentemento especial e para min o Lira é algo máis", advirte. "O clube espero que faga as cousas ben, que tente ter un equipo competitivo, seguir mellorando e non baixar outra vez", continúa. Sentemento especial, líder dentro e fóra do terreo de xogo… e aínda con 30 anos (nin sequera). Non, non é Gerard Piqué, pero tal como sucede co central do Barça, moitos ven en Suso Perico a un potencial presidente, algo que desde logo a el de momento lle supera os plans. "Presidente nunca sería, ou polo menos non creo; agora non teño tempo e non me vexo a verdade; seguirei a ser un seareiro máis que apoia ao Lira", puntualiza a lenda liracha, que apunta a Augusto do Pindo como o mellor futbolista que ten visto coa 'roxiña' e fala así dos seus mellores momentos de curto. "Un tipo que leva coma min toda a vida xogando evidentemente o pasa ben cando compite, pero tamén co grupo de colegas, as churrrascadas, o bo ambiente, conocer xente nova doutros lados que che sorprende… moitas cousas, pero sobre todo o ledo que me facía e que desconectaba de todo un pouco", asevera Perico, que se despide así dos seus: "A afección que siga igual que acabou este ano, porque foi espectacular". Palabra de lenda. Suso e familia lirista - Reportaxe gráfica: Rafa Quintáns

Comentarios