Sábado. 18.05.2024
El tiempo

O cambeirismo nunca morre

O cambeirismo nunca morre
A chegada a finais de novembro do técnico de Caldebarcos tenlle mudado o estilo, o aspecto e os resultados a un Outes convertido nun dos conxuntos máis combativos, competitivos e en forma de toda a Primeira Galega Alfredo Cambeiro Alfredo Cambeiro Guardiolismo, mourinhismo, sampaolismo, cholismo, bilardismo, menottismo, ou incluso –ten que haber de todo– caparrosismo. Os bos adestradores ganan títulos ou salvan equipos. Os referentes marcan un estilo, non só polo legado futbolístico, senón tamén pola significación dunha personalidade metadeportiva. Por iso, extrapolando os termos, se hai un término ou unha corrente innegable nos bancos da Costa da Morte desde hai décadas esa é o cambeirismo. Pouca ou ningunha presentación require Alfredo Cambeiro (Caldebarcos, 1962), pero cando un parecía ter material suficiente para a biografía dun mito da zona, vai el e saca outro as da manga. Chegou a finais de novembro a un Outes en situación crítica, goleado con frecuencia e perdido na cola da táboa, e agora comanda a un equipo que ten saído dos postos de descenso directo e que protagoniza unha das mellores xeiras da categoría. As causas non foron as mellores –problemas de saúde de Manu de Roque–, pero a solución polo menos parece que non foi precisamente desacertada. "É cousa de traballo e constancia por parte de todos; a directiva do Outes, tanto Sieira como Carlos foron xogadores, e eles xa me coñecían de cando fomos campións de Copa xuntos; xa contactaran comigo en pretempada e daquela dixera que non, pero fun velos ante o Tordoia e gustáronme cousas que vin", comenta un home que ten claro cal foi a primeira asignatura sobre a que puxo o acento. "Cando chegas tes que mirar os números, e levaban un parcial de 0-20, polo que había un problema defensivo a solucionar", lembra. "Busquei identificar os problemas e tratar de fortalecer o xogo defensivo e tratar de aproveitar as poucas que tivéramos; o máis importante era non encaixar", engade. Nunca máis sería o Outes recoñecible no último lustro, cun estilo incuestionablemente combinativo e protagonista. Segundo Cambeiro, o legado de Roque é indisociable dos éxitos do equipo e recoñece o antagónico de dúas propostas igualmente válidas e respetables: "Evidentemente o equipo está aí grazas ao seu traballo, pero temos visións diferentes, cada un co seu estilo, pero a súa labor é a categoría na que está o equipo; temos falado algunha vez e falado sobre os trocos nas posicións dos futbolistas… é como comparar a Clemente con Cruyff ou Guardiola, son o día e a noite, pero os dous son bos adestradores". Obxectivamente, no que ten ganado o Outes é en fe e en capacidade de superación. Gran parte dos éxitos da escalada chegaron despois de remontar, e sempre en partidos tremendamente igualados e decididos ao final. "Estamos a ter o pensamento de que se somos capaces de aguantar unha hora, sabemos que nos últimos quince minutos aproveitamos para meter gol, e iso que temos moi poucas oportunidades; temos ese pensamento e determinación", di o preparador carnotán. "Os futbolistas agora cren neles; o porteiro di que agora non lle meten goles, e todo cos mesmos xogadores, porque eu non fichei a ninguén", prosigue Cambeiro, que tamén ten cambiado persoalmente un dos seus aspectos máis recoñecibles: o carácter. Nin unha soa amonestación nin bronca. Cando se enfade, comenta, o fai consigo mesmo. O que fóra terror dos trencillas máis novatos ten asimilado un rol de mestre herdado do seu traballo co fútbol base. Outro dos elementos da ecuación da felicidade, neste caso de Cambeiro hacia o grupo, é filosofía do grupo humano que ten atopado, ao que califica como o máis notable e profesional de cantos ten dirixido. "Os dous anos de Fisterra ou os dous primeiros de Vimianzo foron magníficos, pero este é o mellor vestiario que tuven nunca; non hai ningunha nota discordante, a asistencia aos adestramentos é plena, ninguén se esconde e hai unha cultura de traballo que non existe noutros equipos; había anos que non me sentía adestrador deste xeito", confesa un home moi crítico coa cultura tradicional de sesión de venres con pachanga e partido dominical. "Calquera adestrador que traballe tres días pode comezar a aplicar os seus coñecementos", subraia. A chamada do Outes ten sacado a Alfredo Cambeiro da súa vida baixo o mar ou a lombos do seu cabalo. Eran poucos os que intuían un retorno á pizarra, despois de dúas experiencias que lle deixaran un sabor de boca especialmente amargo no profesional, e incluso doloroso no sentimental. A última etapa no Carnota, previa á desaparición da UD, aínda lle provoca falar desde a paixón. "O equipo baixou e a directiva escapou; se queren marchar, que o fagan cando o equipo está en Segunda, non baixar e desaparecer; son as ratas as que abandonan cando o barco afunde; algo debín facer eu ben con aquel equipo, que tiña un tesorero que vendía preferentes e despois catro técnicos nun só ano", lamenta o preparador, que tampouco garda un poso agradable da impensable estancia no Unión Club Cee. "A etapa máis amarga da miña vida como adestrador foi o Cee, pero tódalas partes malas teñen unha lectura positiva; coñecín belísimas persoas como Aitor, Chiru, Josiño do Ézaro, Borja o Xuvenil… foron o mellor de estar alá; eu cada vez que ía a Cee o facía amargado, porque aquelo non era ser un adestrador, senón que máis ben fun de pacificador", explica. A milagre está aínda a medio facer, e por diante quédalle ao Outes un calendario ante rivais directos como Unión de Asados, Silleda, Sporting Zas ou Villestro. "Só pido que me respeten as lesións", implora o novo gurú, que prefire non facer plans a longo prazo: "A directiva falou comigo para ofertarme dous anos, pero aínda nin sabemos en que categoría imos estar; prefiro non precipitarme; non renovo ata que o Barça fiche adestrador que manteño a esperanza (risas, ou non tantas). De momento, no seu despacho hai un cartel que reza: 'voltamos agora, estamos a salvar un equipo'.

Comentarios