Venres. 26.04.2024
El tiempo

O cañón apunta a Bouzón

O cañón apunta a Bouzón
Álex de Ameixenda firmou o pasado domingo un gol de final de película americana, cun lanzamento de saque de centro; non hai mellor carta de intimidación para o derbi Fisterra-Dumbría Álex, autor do gol que Pelé non foi quen de asinar Álex, autor do gol que Pelé non foi quen de asinar Cando o ego comera xa os seus valores, Napoleón celebrou unha fastuosa ceremonia de coronación imperial na parisina catedral de Notre Dame. Para darlle credibilidade e autoritas a ese xesto, pediu que o Papa Pío VII fose quen oficiase e coronase ao novo líder de Francia. Non só se negou, senón que excomulgou a Bonaparte. A resposta deste foi unha xa célebre cita histórica: "Pongan os cañóns apuntando a Roma". Metafóricamente, o do domingo en Ara Solis entre Fisterra e Dumbría é unha sorte de ceremonia de coronación do emperador do Sur da Costa. E se na Vila do Cristo preguntan por un arma similar á napoleónica, o pasado domingo quedou ben clara a súa nomenclatura deportiva: Alejandro Trillo Trillo (Cee, 1989), ou Álex de Ameixenda. O único foráneo do plantel (xunto a Norberto e Isma Leis), firmou en Sigüeiro un gol que no seu día tentara Pelé… e non logrou. Ante o xolgorio xeral do segundo tanto santiagués, tirou directo no saque de centro e salvou un punto absolutamente impensable. E narrado en primeira persoa o proceso de creación é aínda máis hollywoodiense. "Cando nos marcaron, aínda estaba medio equipo toleando co asistente, eu desistín diso porque non quedaba tempo para media xogada, así que fun cara o centro para colocar o balón", di. "Dinme conta de que estaban todos no seu campo e díxenlle ao arbitro que pitase para sacar, e eu xa estaba correndo; non lle fixen caso a Cote, que me pedía que lla pasase para tirar, e creo que se o fixera non marcabamos", engade un home que ten moi clara a adicatoria. "Os meus goles adícollos todos á miña compañeira de viaxe desde hai sete anos, leva aguantando moito con isto do fútbol; cando decidin fichar, ela tivo gran parte da culpa; pero este gol tamén vai para todas esas persoas que se desprazan sempre desde Fisterra a todos lados", subraia. Ese gol en Sigüeiro serviu para tapar a ferida aberta que deixara o contratempo na casa co Piloño, e tamén para amosar novamente a competitividade dun equipo que apenas perde… pero ao que lle custa moito vencer. "Somos os reis do empate, pero non só pola mala sorte; non é chorar por chorar, pero é unha realidade que os árbitros de Santiago nos restaron máis dunha vez; a Federación debería mandar espías e controlar ese traballo, porque nós non podemos dicir nin 'hola', e eles, nalgún caso, non deberían ter tanta chulería nin colegueo co contrario… é triste pero certo", denuncia. Coincidindo co proceso de expansión do Dumbría, e tamén cun paréntese no ciclo vitorioso do Cee, a rivalidade en Fisterra tense bifurcado, e nalgúns momentos ten rozado a confrontación. Haberá sobre Ara Solis moitos fisterráns de branco e moitos ex dun e outro bando. Se alguén pode dicir que é sobre o papel neutral por raíces ese é Álex, que comenta así a visión externa do 'conflicto': "Agora xa case o vexo coma un fisterrán, vai ser moi disputado, e non só por ser eles o Real Madrid da Costa, senón porque os dous queremos os tres puntos; eu non lle teño medo a ninguén, e menos o Fisterra; temos que amosar que nos fan falta os puntos con máis xogo, ganas e xenio, a iso non nos poden vencer". O centrocampista, unha das chaves da estabilidade do Ameixenda desde a súa fundación, é todo palabras de agradecemento á hora de referirse á acollida en Ara Solis. "Síntome como da casa desde o primeiro día: por parte da directiva, dos compañeiros e do corpo técnico", apunta. "Da gusto ir adestrar e ter un preparador como Insua, unha fisio como Ángela e un adestrador coma Nacho… e teño a obriga de falar de Falito, non me chegaría unha folla en branco para falalo todo del; describe ao Fisterra", prosigue. "Está tres días á semana adestrando con nós ata as once e pico, e ás dúas da mañán ten que estar pelexando coa mar… e da dos seareiros xa non hai falta de dicir nada, cando xogas foras parece que o fas na casa, e poñense os pelos de punta cando saes a saudar; por todo iso solo podo dicir grazas por facer sentirme coma na casa e nun campo de Primeira División", finaliza sobre o seu proceso de adaptación. Pero sería imposible falar de Álex, facelo de Fisterra e Dumbría, e pasar por alto Ameixenda. Casa. O lugar onde houbo un soño de clube, fíxose realidade, e el converteuse en guía. No horizonte ten pinta de que existe a idea de retorno, a pesares de que o pasado verán regateou a sombra da Terceira Galega para embarcarse nunha aventura de Primeira. "Custoume moito tomar a decisión de marchar, en parte sinto como se dalgún xeito lles fallase; se me tivera chamado outro equipo posiblemente non sería o mesmo, pero Fisterra sempre foi coma un soño, desde pequeno o equipo ao que máis me gustaba derrotar eran eles, porque sempre tiveron os mellores futbolistas, e quería estar con eles, era unha oportunidade única para min", asevera para dar paso a unha serie de recoñecementos públicos e confesións en voz alta sobre a que sempre foi, e seguro será, o seu hogar. "Fun velos en Copa e disfrutei como un enano; o que me alegra é a volta de Cristian, está como unha besta… e si sumas que Borja está a coller a forma, e tendo xogadores coma o capi Jesús o pódense encher a marcar goles", advirte. "O Bichiño pode ser o líder atrás, e quero darlle as grazas a Óscar, exemplo dentro e fóra, e quero enviarlle un forte abrazo a Maikel, sempre será do Ameixenda, terá alí a súa casa e seguro chegará onde el queira", engade Álex, seguro ademais da valía de Pato para ver ao Ameixenda de novo na Liga da Costa. Iso si, o domingo en Ara Solis, e alén do orgullo veciñal, segue a batalla para evitar que haxa un derbi Ameixenda-Fisterra en Segunda. E as batallas gáñanse con cañóns…

Comentarios