Domingo. 06.10.2024
El tiempo

O home que faría parecer vello a Benjamin Button

O home que faría parecer vello a Benjamin Button
O corcubionés Leoncio Picallo cumpriu onte 40 anos, e a pesares da tortura en forma de entrevista, das patadas dos defensas e as decepcións, segue sen querer compartir a fórmula da eterna xuventude Leo un corcubiones no Union Club Cee Leo, un corcubionés cuartentón no Union Club Cee Acabo de ter un soño, unha revelación. Quero compartila gratuitamente con toda a Costa, e co beneficiario último: o fabricante de pilas Duracell. Creo que hai tempo que xubilou ao coello aquel que daba peor rollo que Ronald McDonald. Pois ben, se de verdade queren ser un símbolo de durabilidade e fiabilidade a imaxe da marca está clara. Chámase Leoncio Picallo e é de Corcubión. Xoga o fútbol, e parece que o leva facendo desde antes de que os ingleses marcaran as reglas no Freemasons Arms do Covent Garden londinense. Onte lle puxo o catro ao taxímetro do DNI, e sen embargo cada domingo invéntase un xeito novo de que eu teña que describir ou narrar un gol del. Corenta anos de vida, tres décadas case de domingos calzando as botas e a ilusión dun neno para o eterno dianteiro do Unión Club Cee. "Esperemos que o corpo siga funcionando moitos anos, eu de forzas atópome ben; en tódalas épocas houbo xogadores veteráns, non sei se tanto, pero agora pode que os campos axuden máis", explica un dos representantes dese grupo de futbolistas (no que están os Doro ou Manuel Cartamil) que compiten contra 'posibles fillos' seus. "Non hai problema por iso; Os rapaces agora empezan máis novos; na miña época o facías con quince ou dezaseis anos", engade un home que é o exemplo contrario aos talentos perdidos que aos dezaoito, dezanove ou vinte anos colga as botas por hastío moderno. A vida deportiva de Leo é coma google. Pregunta e atoparás o que queiras. De Preferente a Terceira Autonómica ten pasado por tódalas categorías en repetidas ocasións, e de Primeira a Terceira tamén as ten ganado todas. Non hai clube de Vimianzo hacia abaixo que non o teña fichado ou tentado fichar, e a súa experiencia vai da montaña combesa ata o Noia barbanzán. E claro, como dicía Sabina na canción do Pirata cojo… se lle dan a elixir, con cal se queda? pois a resposta é máis galega que a do cantautor. "Non pode medirse iso, porque podo dicir algunha tempada na que o persoal non se corresponda coa realidade… está claro que hai ligas, Copas… pero tamén sitios onde ao mellor non se acadou nada pero fun moi ben tratado", matiza. Onde si que hai unha persoa especial, aínda que responda coa mesma elegancia, é a hora de valorar aos que teñen sido seus mestres. "Como tiven tantos, dicir un sería menospreciar aos demáis. É obvio que Manolín foi a persoa que sempre confiou en min e que lle teño un cariño especial, pero quero agradecer a confianza de todos; tampouco quero esquecerme de Iván Cancela, que na miña etapa no Xallas ademais fíxome desfrutar e descubrir unha nova amistade", confesa. Leo é tan do seu pobo que moitos aínda lle chaman 'Leo de Corcubión'. Pero deportivamente, e tras bucear por un currículum semellante á colección de títulos da Duquesa de Alba, un se pregunta que sangue late por esas venas. E é de cor azúl. "Se me preguntan, eu direi que son do Cee, é onde máis anos pasei, e de feito este ano retornei porque eu son do Unión", subraia un home para o que me marco un reto na axenda. No 2027 espero seguir traballando para contar o 50 aniversario do mito.  

A Gala do Fútbol da Costa

O Congreso de Adestradores

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

Comentarios