Venres. 13.09.2024
El tiempo

Pichi flameado e con ovos

Pichi flameado e con ovos
O versátil soneirán ven de facerlle tres goles ao Sofán, e ten feito do seu coraxe e capacidade de reciclaxe as súas mellores armas, tras ter mamado o orgullo vimiancés desde os seus primeiros pasos Pichi posa para QPC cociñando... e coas cores do Soneira Un balón divídise entre o gol e saír fóra. Corren por el Usain Bolt e outra persoa. Se é Pichi e leva a camiseta do Soneira, irá onde el diga. Van en moto Valentino Rossi e outro piloto. Línea de recta. Se houbera unha escudería de Vimianzo e pilotara Pichi. Il Dottore non tería nada que facer. É a lóxica ilóxica desa sorte de superheroe do que se viste Adrián Lema Valiña (Urroa, Vimianzo, 1991) cada vez que se pon o traxe branco. O pasado domingo, tres goles seus estiveron a piques de valer un triunfo en Sofán. Podería pasar por un dos moitos hat tricks que hai cada fin de semana, se non fose porque, menos de porteiro, o canteirán ten formado de todo, especialmente de lateral nos últimos tempos. E coma a maioría das personaxes de Marvel ou DC, minimiza a importancia da fonte do seu poder. "Si que inflúe xogar no Soneira e a amor as cores, pero sempre tentei dar o máximo, dando igual o escudo que defendese; son dos que pensa que correr e pelexar cada baón é parte fundamental do fútbol, despois xa entran as cualidades individuais de cada un", explica. "Iso permite ao futbolista relaxarse, xa que cunha chispa pode arranxar un partido, eu non teño esa sorte", engade o de Urroa, que ten moitas máis dúbidas á hora de definir o seu rol nun terreo de xogo. "A versión real ou a miña posición xa nin sei cal é; nos últimos anos estiven xogando de lateral e a veces de central, ao igual que nesta tempada, pero é certo que en xuvenís xogaba de extremo ou dianteiro", di. Houbo tempo no que Pichi era unha 'perlita' da canteira, un futbolista dun perfil moito máis 'estirado' e 'apijotado' que hoxe en día. Sendo aínda un preadulto debutou coa formación Sénior, na etapa de Braulio e con ilustres como Vituco ou Míchel no once, e chegaba coa etiqueta de atacante talentoso, con tendencia a eludir o choque. Iso levoulle a reforzar ao Cabana de Liga Galega Xuvenil, a ser reclutado polo Cerceda de Terceira División para formar parte da nómina de Sub 23, ou a pasar á historia do Silva de Javier Bardanca nas súas épocas de escalada clasificatoria. Sempre acababa por regresar a casa, e pode que por iso semelle que leva dúas décadas xogando. "A mín tamén mo parece, desde que empecei a xogar con equipos Sénior creo que non fixen máis que mellorar dentro da miña marxe, non sabería dicir o que me queda por mellorar, cualidades futbolísticas podería dicir moitas, pero igual elexiría ter menos temperamento", lamenta un home que a piques estivo de buscar de novo a porta de saída a comezo de curso, e que parece que xa nunca deixará a súa casa. "A comezo de curso viña de operarme do menisco e víame xogando nouto equipo que non fose este Soneira de Preferente, pero as circunstancias e necesidades foron dándose e aquí sigo, e seguirei bastantes anos", advirte. A segunda etapa do Soneira na máxima categoría autonómica camiña agora sobre un fío, e faino con acento vimiancés, unha aposta buscada desde hai tempo e que foi consolidándose nos últimos anos. Un proxecto sustentado polos Pichi, Vía, Javi, Richi ou De la Sierra 'brothers', pero que abre o interrogante da sostenibilidade a longro prazo. Para Pichi, é a línea correcta. "A idea é tentar que o equipo en gran parte siga a ser do pobo e arredores; custou xuntarnos e creo que somos unha das mellores xeracións que houbo nunca en Vimianzo, agora só hai que agardar uns anos para ver aos que veñen por detrás e, para iso, sería importante ter de novo un equipo Xuvenil", subraia. No outro lado da balanza está, en cambio, o gran número de trocos que ten rexistrado o banco do Municipal, por distintos motivos, o que abre a pregunta sobre a dificultade do vestiario. "Si, é difícil, e eu o que máis (risas); xa dixen antes o do temperamento, pero tamén penso que o Soneira en xeral é un equipo difícil, as cousas no van moi ben e, como en tódolos equipos, os resultados son os que toman as decisións", asevera. Pichi, que cos anos acabará por ser Adrián de Urroa e herdar outro mote con peso, leva o Soneira no sangue. Na súa familia hai directivos, e pasa tantas horas no 'centro de loxística London' que parece difícil non imaxinalo como directivo, incluso a curto prazo. É como unha rapaza que lle leva tirando os trastos durante anos, e que todo o mundo sabe que acabará por caer. E el non o nega. "Son dos que di que hai que ter boa gana para ser directivo, que hai que ter ben pouca vida, porque aparte de ter que traballar sen recibir nada a cambio, aínda se teñen que aguantar críticas de xente que nunca botou unha man, ou que poucas veces foi ao campo, pero si, véxome colaborando nun futuro", recoñece. Pois que o resto de directivos vaian mercando un pulmón, porque como o clube funcione ao seu ritmo...

Comentarios