xoves. 01.05.2025
El tiempo

Representación galega no campionato nacional de voleibol

Representación galega no campionato nacional de voleibol
seleccion-galega-voleibol O equipo infantil feminino adestrou durante esta Semana Santa no pavillón de Cabana de Bergantiños Despois das concentracións celebradas durante esta Semana Santa en Cabana de Bergantiños, as Seleccións Galegas de  voleibol parten hoxe cara Valladolid para disputar o campionado de España de Seleccións Autónomicas que terá lugar dende mañá mércores ata o sábado día 22. Os catro combinados galegos que acuden á cita nacional adestraron dende o pasado martes 11 de abril ata o sábado, 16 de abril, baixo a dirección dos técnicos autonómicos ultimando os preparativos para a súa participación nun torneo no que Galicia destaca como unha das delegacións con mellores resultados das últimas edicións. Destas concentracións saíron as listas definitivas dos deportistas que finalmente representarán á comunidade e loitarán por continuar na senda dos éxitos acadados en campañas anteriores. Ao bronce do conxunto cadete feminino na pasada edición 2016, únense os títulos da mesma selección en 2011 e 2014 e o subcampionato de 2013, así como outras medallas (prata infantil feminina e bronce cadete no 2015) e os mellores resultados a nivel de conxunto de todos os tempos. Alta competición Un dos equipos que parte con moitas posibilidades traer bos resultados é o infantil masculino que dirixen Diego Taboada e Adrián Alves. Para Eloy Mahía, seleccionador autonómico, podería chegar a meterse nas eliminatorias, xa que, a pesar de ter un grupo na primeira fase moi complicado, con Murcia e Cataluña entre os seus rivais, o nivel deste equipo mellorou moito con respecto a anos anteriores e pode chegar a pelexar por esa praza en semis. Na mesma categoría infantil pero no apartado feminino tamén hai un equipo moi completo que podería chegar a pelexar polo podio pero que conta cun handicap inherente ao sistema de competición, e é que ao ser dezasete os equipos participantes, elimináronse os cruces de cuartos de final, pasando directamente ás elimnatorias os primeiros de cada grupo. Desta forma, as rapazas de Carlos Suárez e Patricia Valcárcel terán como rival máis duro de bater a Madrid, un dos fortes da competición e favorito a facerse con esa praza en semis. Outra das seleccións que tradicionalmente acadou grandes resultados para o voleibol galego, é a cadete feminina, que este ano continúa tendo grandes posibilidades ainda que perde a xogadoras de moito potencial. Das cinco deportistas da selección permanente coas que este equipo gañou o bronce na edición pasada, dúas son xa xuvenís e outras dúas, Antía e Calíope non poden disputar o campionato coa camisola galega por ter ficha con equipos doutras comunidades. Pero os técnicos desta categoría, Fernando Cueto e Cristina García sí contarán coa presencia da xogadora da permanente Jimena Fernández, e da tamén internacional Sara Urrea ademáis dun equipo competitivo que pelexará por superar a Navarra, Cantabria e Estremadura para estar presente nos cuartos de final nacionais. Por último, o conxunto cadete masculino que dirixen Eloy Mahía e Manuel Rodríguez xogaráse as castañas con Madrid e Castela A Mancha, os rivais máis fortes da primeira fase, por entrar nos cuartos de final como primeiros de grupo para non complicarse demasiado o cruce ante seleccións do nivel de Murcia ou Cataluña. Durante o campionato poderemos seguir os partidos nos diferentes canais da FGVb (en facebook ou twitter ademáis da web) e tamén estará dispoñible a web do CESA 2017 dentro da páxina da Real Federación Española de Voleibol, na que poderán consultarse horarios, resultados, e incluso fotografías dunha das citas máis agardadas do ano para as futuras promesas do voleibol español. Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • FGVB

Comentarios