Aguantou o tempo e puidemos vivir esta última fin de semana de outubro unhas fermosas tardes de Fútbol da Costa. E coma sempre, antes que ninguén (malia que os copiaepega sigan reproducíndose pola bisbarra) o equipo QPC trae os resultados e a crónica dunha xornada case completa, tralo comezo da 3ª e esperando que arrinque a Liga de cadetes.
Unha xornada de derbis, como o da Preferente, un dos máis esperados do ano trala revolución no XSC que deparou con varios míticos xogadores xalleiros nas filas dumbriesas. Así, o Conco vivíu unha tarde bronca, e o resultado non se moviu, deixando ao XSC na 2ª praza trala vitoria do Sada ao Ribadeo. Os xalleiros quedan a 3 dun Bergantiños que non pasou do empate ante o Estudiantil, mentres o Dumbría queda 9º a 8 do líder. Pola súa parte, o Soneira sacaba un punto tras remontar un choque que se lle puña custa arriba na primeira metade e queda 15º con 9 puntos.
Tamén traía derbi a 1ª Autonómica, e quedou en Pedra Queimada. O Malpica fixo valer a súa veteranía na categoría para sacar os 3 puntos e superar ao Baio. Quedan agora os de Baña con 16 puntos, a 5 do líder, un intratable Noia, e o Baio con 14. Con 12 está a Esteirana tralo empate na casa ante o Lamela, mentres o Camariñas caía na casa ante o Bertamiráns B. A gran nova da fin de semana foi a primeira vitoria do Ponteceso ante o Sigüeiro. Os de Mato seguen en descenso, pero esta vitoria lles pode dar moitas ás.
Xornada importante na 2ª Autonómica, con dous partidos por todo o alto. Mentres o Outes segue ao seu, 4 aspirantes víanse as caras. En San Pedro, o Sofán sacou, a base de defensa e brega 3 puntos que o deixan só na segunda praza, aínda a 5 do líder. I é que o Cee sucumbiu ante un Corme que foi explotar no San Paio de Refoxos. Levaba o Corme avisando de que viña cargado de fútbol, e o desplegou en Cee para achegarse xa realmente á zona alta. Tamén están aí arriba o Fisterra e o Zas, que vencían a Mazaricos e Cabana. Por abaixo, primeira vitoria do San Lorenzo ante o Muros, e segunda do IDC ante un Corcubión que pecha a táboa cun só punto.
E arrincou ao completo a 3ª Autonómica tralo partido adiantado da semana pasada. Queda precisamente o Montelouro como primeiro líder tralo 4-1 ao Laxe. Con el arrincan vencendo o Baíñas, cun 1-3 ao Seaia que demostra as súas intencións; o Muxía, vencendo 3-2 ao Castrelo; e o Coristanco, que venceu en Lira. O resto remataron en empate.
Seguen intensas as Ligas Xuvenís. No Sur o Dumbría non para e puido co seu máximo perseguidor, o Fisterra, ao que deixa a 4 puntos, os mesmos que ao Cee, que vencía en Mazaricos. Esteirana e XSC mantéñense na loita por esas dúas prazas que parecen quedar pendentes se o Dumbría segue así. Polo Norte, a igualdade segue reinando como o demostra o novo cambio de líder. O Corme toma o relevo do Malpica tralo empate destes en Baio. Un Baio que xa leva 5 igualadas e que está moito máis abaixo do que merece por xogo. Cabana e Malpica quedan a 1 do Corme, e o Ponteceso a 2.
Chegaba o Deportivo ao Conco no partido máis esperado da División de Honra Cadete e o Dumbría demostrou que pode competir a primeiro nivel. Os dumbrieses aguantaron as embestidas do cadro herculino e mantiveron un empate, quedando agora 5º por debaixo de 4 históricos de Galicia. Non van tan ben as cousas na Liga Galega Infantil. Desta volta, o Dumbría non puido sacar nada ante o Deportivo, pero o que si sumou a súa primeira vitoria da temporada foi o XSC, que sabe que é necesario seguir sumando para a segunda liguilla por evitar o descenso.
Xa temos Semifinalistas da I Copa da Costa Cadete trala disputa dos Cuartos. Unhas semis que esperarán ata o 4 de xaneiro, pois a vindeira semana comeza a Liga. E en infantís Corme e Cee seguen ao seu, cun Fisterra moi pegadiño.
Nos Veteranos segue a cousa igualada. En 1ª División o Coristanco segue sendo líder a pesar de non pasar do empate ante o Bértoa. O Laxe, que superaba pola mínima ao Dumbría, e o Baio, que empataba no derbi zaense, quedan pegadiños. Na 2ª División, o Milagrosa segue imparable, con 3 puntos de vantaxe sobre o Malpica, que vencía o derbi en Cerqueda.