1ª Autonómica: O Baio álzase por arriba e o Ponteceso afunde por abaixo


Segue esta 1ª Autonómica deixándonos alegrías por un lado e decepcións polo outro. Por arriba xa vemos a todo un Baio, que na súa estrea na categoría xa está na 3ª praza a só 4 puntos de todo un Noia. Un Noia que por certo daba conta do Camariñas, deixando aos de Berto na metade.
E se por arriba vemos ao Baio, por abaixo seguimos vendo a un Ponteceso que non levanta cabeza. Volvía perder, sen merecelo, ante o Piloño, un dos que de seguro será rival directo por evitar o descenso.
Volvendo á zona alta tamén atopamos a Malpica e Esteirana, facendo unha campaña espectacular ambos equipos.
Baio - Arzúa (2-0)

- BAIO: Anxo, Jose, Fredi, Mario, Yago, Eloy, Norber, Fachal, Bieito, Martín MC e Canay. No banco: Manuel, Chema, Rubio, Alberto e Christian.
- Goles: 1-0, min.25: en propia; 2-0, min.70: Norberto.
Impresionante este Baio que se coloca nada menos que 3º. Comezou a primeira parte cun dominio dos da Terra do Queixo, creando perigo en varias ocasións que ben puideron sentenciar aos baieses. Pero, pouco a pouco, os de Félix souberon repoñerse e melloraron o seu xogo combinativo habitual. Bieito Pose Rodriguez e MC avisaron pero o primeiro gol da tarde metiuno en propia meta o capitán arzuán. Pouco despois chegouse ao descanso, e o resultado non era de todo xusto.
Na segunda metade os papeis trocáronse, e sería o Baio quen levase a batuta do encontro. Entraron Alberto e Christian Ordóñez no terreo de xogo, e revitalizaron a liña ofensiva. MC e Alberto contaron con algunha ocasión para incrementar a vantaxe, pero Norbi González Pose foi quen fixo o 2-0 tras unha moi boa xogada do mesmo: roubou o esférico en 3/4, fixo unha parede con Alberto no borde da área e, logo de regatear ao porteiro, enviou o balón ao fondo das mallas. O Baio seguiu intentándoo, pero o cansancio íase notando cada vez máis nos branquiazuis.
A mala noticia para o Baio foi a que semella ser recaída de Christian, que acabou co nocello mancado de novo.

Bertamiráns B - Esteirana (4-2)
- ESTEIRANA: Manu, Roi (Fran, min.46), Sui, Dani Rama (Pichu, min.70), Juan (Josiño, min.46), Serrano, Álex, Andel (Eloi, min.70), Simón, Kike e Róber Pladur.
- Goles: 1-0, min.2; 2-0, min.20; 2-1, min.62: Kike cun golazo pola escuadra; 3-1, min.70; 4-1, min.75: de penalti; 4-2, min.80: Kike de penalti.
- Expulsión: Sui por doble cartón.

Empezou o partido cun chuvasco espectacular que deixaba o campo con 15 cm de agua. Non se podía xogar, aquelo parecía máis unha piscina que un campo de fútbol pero o colexiado, incitado por locais e visitantes a retrasar o partido, dicía "non xoguedes polas bandas, xogade polo centro que está mellor"...
Pasaron 25 minutos ata que o campo foi drenando e xa se podía baixar o balón pero eses primeiros minutos foron claves para o devir do partido pois os locais aproveitaron a primeira "melée" para adiantarse no marcador contando ca sorte de cara. Marcaron o segundo e nin o golazo de Kike (xa leva 9 cos 2 de onte) á volta dos vestiarios serviu para que reaccionasen os de Lodeiro e o equipo local matou á contra o choque.
Sigüeiro - Malpica (0-0)

- MALPICA: Pombo; David Castro, Manu Casal, Alemán, Mario Casal, Fernando Varela (Eloy Cabeza, min.67), Neucha (Martín Maradona, min.62), Juan Carlos, Abel (Tato, min.76), Ismael e Óscar Suárez.

Non foi tan aburrido o choque como indica o marcador, e ambos equipos puideron levar o partido. Non houbo dominador claro e a incertidume no marcador fixo que a tensión se palpase ata os últimos intres. Houbo moi poucas ocasións de gol, as mais destacadas chegaron a balón parado.
O Malpica notou en parte a falta do sancionado Cheo no seu ataque. Aínda que puxo máis empuxe nos últimos quince minutos do encontro e propuxo cousas interesantes, non foi quen de levar o partido. E ao final, considerouse que o empate foi xusto para ambos. Cómpre destacar a presencia do mítico Juanito, aos seus 43 anos.

Noia - Camariñas (4-1)

- CAMARIÑAS: Pablo, Manuel, Fabián (Sergio, min.80), Roi, Sule (Wii, min.75), Moriño, Conguito (Nico, min.70), Mario Toja, Martín (Saviola, min.75), Brais e David.
- Goles: 1-1, min.15; 1-1, min.20: Martín; 2-1, min.35; 3-1, min.65; 4-1, min.80.
- Expulsión: David (min.80).

Comezou ben o Camariñas ante todo un líder, pero deixouse marcar 2 goles en sendos errores e acabou sucumbindo. Comezou marcando o cadro local, pero Martín empataba pronto. A raíz do empate chegaron os mellores minutos do Camarilas, cun mellor xogo, e máis ocasións, como unha falta de Mario Toja á que o porteiro noiés respondeu cunha fermosa palomita, e varias chegadas de Brais e Sule con sendos tiros dende a frontal.
Pero un novo regalo deixaba o partido franco para os locais antes do descanso. E na segunda desapareceu o equipo de Berto, sobre todo tralo 3º e a expulsión de David.
Piloño - Ponteceso (1-0)
- PONTECESO: Guille, Dani Pallas, Moscoso, Josito, Peón, Mendieta (Yoseph, min.75), Alberto, Martín Puente (Miki Pose, min.70), Dieguito (Rubén, min.60), Nando e David Brenlla.
- Gol: 1-0, min.80: a balón parado.
Segue a mala sorte deixando moi tocado ao equipo do Ponteceso no posto de pechacancelas da categoría. E os nervios nótanse. Comezou moi mal o Ponteceso nos primeiros 20 minutos, pero despois acabou o tempo dominando o choque, xogando mellor pero aínda sen conseguir matar o partido. Os pontecesáns pediron un penalti nesa primeira metade na que puido ser a mellor chegada.
Na segunda dominou o equipo visitante pero creando perigo só a balón parado. E de feito, tras moitos minutos de respecto mutuo, a 10 para o final, unha falta lateral acababa en gol. Aínda tivo unha o Ponteceso para empatar pero Nando mandou ao longueiro.
Segue buscando Mato a solución para revolucionar ao equipo e onte probou con David Brenlla no campo, que aporta ademais dun poderío físico espectacular, unha forte presencia no campo.
O Album de cromos do #FutboldaCosta

Máis información
- Altas e Baixas no #FútboldaCosta.
- Facebook Fútbol da Costa.
- www.futboldacosta.com.
- Calendario e resultados da I Copa da Costa Cadete.
Crónicas da semana
- Preferente: Xornada sen derrotas costeiras.
- Resultados da fin de semana futboleira do ecuador de outubro.
- Futsal Carballo: Os penaltis dan a Supercopa ao Tasca A Cunca/Supermercado C&M.
Artigos relacionados
- A Pizarra de Corredoira: Cursos de adestrador para o Fútbol da Costa.
- #Regateegol: Vídeoentrevista de Anxo Garrido con Dieguito.
- Entrevista de David Castro con Manu Saleta: “Temos equipo de sobra para ascender” .
Fonte
- Redacción de QPC Deportes (deportes@quepasanacosta.gal).
- Colabora Santi Díaz, o blog do Malpica de Luís E. Porto.