Menuda xornada pasada por auga esta do ecuador do mes de xaneiro. Pero así e todo todos os partidos se disputaron e houbo moitos choques de interese. Así que despois de botar un recordo no mítico Campo do Carreiro.
Comezamos o repaso pola Preferente - Senra Sport, na que o XSC non pasaba do empate a 0 ante o Dubra, outro da zona alta. Quedan os xalleiros a 5 da promoción, e a 4 do propio Dubra. Pola súa parte, o Dumbría nada conseguía da súa visita a Arzúa e queda en zona morna.
A atención da 1ª Autonómica - Clínica Vértebra centrábase no derbi costeiro norte-sur, no que non se plasmaron, para nada, as diferencias da táboa. I é que o pechacancelas, Esteirana, visitaba o imbatido campo do Sofán, e malia que non puido sacar nada positivo, si que demostrou poder pelexar ata co líder caendo por un gol de Raúl no último minuto. O que non pode manter o ritmo dos de arriba parece ser o Baio, que caía en casa ante o Villestro (con moi mala sorte, iso si, despois dun gol no min.94) e deixa escapar as primeiras posicións, quedando a 11 do Sofán e a 7 do propio Villestro. Ademais, o Malpica conseguía unha incómoda pero valiosa vitoria ante o Piloño que lle permite cazar a un Soneira que pasou de vendabal a ser levado polo vento do Sigüeiro. Pechaba a xornada o Corme, cunha nova derrota na casa que o deixa ao fío dos postos de descenso.
O partidazo da xornada disputábase na 2ª Autonómica - ES Bazarra. O Cunchido acollía o choque entre o Outes, 2º, e o líder, o imponente San Lorenzo, e o cadro de Manu Roque, despois dun partido tremendamente igualado, sacaron unha vitoria que vale ouro e que os deixa a só 2 do liderato. Por detrás, o Castriz non fallou ante un Cee que non acaba de atoparse a si mesmo. O que non mantén o ritmo é o Zas, que caía en Lombáns ante un xa necesitado Carnota, que volve pegar o estirón pola parte baixa. Igual que o Ponteceso, que tiña un duelo directo co Porteño e escapa da zona baixa. E tres cuartos do mesmo para o Camariñas, que goleaba ao Cabana, ao que deixa moi preto dun Montelouro que parece que xa pode competir con calquera. Tamén competiu ben o Camelle en Vimianzo, pero Baíñas sacou unha nova vitoria.
E finalmente, gracias á destreza da alma máter de QPCDeportes, ideamos un sistema para manter o pulso en www.futboldacosta.com da 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira neste inicio da terceira volta. Ademais, con novidades. O Ameixenda non fallou nun partido tremendamente complicado ante o Nantón e aproveita que o Cerqueda descansa para recuperar o liderato. Baixa un pistón o Corcubión, que caía na casa ante un Muxía que con 21 puntos se mete defintivamente na pelexa pola Promoción, quedando a un só punto dos cabaneses. O Castrelo intenta meterse tamén nesa pelexa pero queda a 7 puntos despois de empatar ante un Lira que viña con moita forza. Por último, o Coristanco suma a súa segunda vitoria ante un mellorado pechacancelas, Laxe.
Segunda fase nos Xuvenís
Son Os Miúdos os primeiros líderes da Liguilla Previa á Fase Ascenso á Liga Galega Xuvenil, despois de endosarlle un set ao Porteño. O Camariñas vencía en Santa Comba a todo xalleiro e confirma que vai a por todo despois de quedar flamante campión do Norte, e pelexará co Dumbría. que vencía ao Cabana nas Redondas, polas dúas prazas que dan acceso á seguinte fase.
Estreaban tamén a Liguilla Previa da Copa da Costa Xuvenil, con 6 partidos apretados pero ningún empate. Non ten mala pinta esta única volta, cos equipos mesturados do Norte e do Sur, que pode ser moi igualada. O único problema é que só quedarán fóra 3 equipos de 13 en competición.
De base
Vitoria importante para respirar moi tranquilos do Dumbría da División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría. Os que non puideron facer nada foron os cadetes do XSC ante o 2º da Liga Galega, e os infantís do Dumbría nada menos que no Mundo do Fútbol de Abegondo.
Xa nas Ligas Locais, Corme e Cabana (a cabanesa ante As Baleas, 5º) manteñen, a base de vitorias, o pulso no alto da táboa da 1ª Cadete, unha vez que Ponteceso e Cee, 3º e 4º respectivamente, asinaban un empate. Máis diferencia hai na 1ª Infantil, onde as goleadas dos Fisterra, XSC, Os Miúdos e Cabana demostran o seu poderío.
E nos máis peques, o Outes non frea en ambas categorías, co Cee A preto nos Alevíns e o Fisterra empatado nos Benx.
Aprétanse os Veteranos
Aprétase o alto da táboa da 1ª División dos Veteranos. O líder, o Hosgran, caían ante o Bértoa, tropezo que aproveita o Coristanco, que vencía ao Laxe, para colocarse a 2 puntos, empatado cun San Román que sufría pero vencía en Zas. O Dumbría métese de novo na pelexa tras gañar en Castriz. Na 2ª División, o Agualada non levanta o pedal, o Erbecedo e o Porteño intentan manter o ritmo mantendo unha loita pola segunda praza, da que parece que se alonxa o San Isidro-Razo despois de non pasar do empate ante o Cerqueda.
Así que aí van os máis de 75 resultados da fin de semana: