Venres. 17.05.2024
El tiempo

Taxi Driver... Football genius

Taxi Driver... Football genius
O volantazo ao rumbo do Camariñas o ten pegado, con 37 anos, a lenda Luigi, que descolgou as botas e aparcou durante noventa minutos o seu auto de servizo público para apuntillar a continuidade dos palilleiros na Liga da Costa Luigi posa para QPC dentro do seu taxi en Arteixo A permanencia ao Camariñas tenlle chegado como os envíos dos espías na guerra fría: nun taxi privado, de súpeto e baixo unha identidade insospeitada. Poucos apostarían que o que seguramente sexa último servizo costeiro de Luis Alberto Muíños Álvarez (Meicende, 1980) 'Luigi' tería que ver coa salvación da entidade palileira, algo que se daba por feito a comezo de ano, e que por diversas circunstancias estaba a verse ameazada. A historia é digna doutro guión hollywoodiense. Cando comezaba o 2017, os azuis eran case un candidato ao título, e a súa nova estrela un taxista novato no seu Concello natal, Arteixo. Novato si, pero con algo da maxia e a singularidade dun conductor público deses das películas. Luigi ten un punto da locura de Robert de Niro en Taxi Driver, do arriscado de Jaimie Foxx en Collateral, da facilidade para meterse en problemas de Mel Gibson en Conspiración, pero sobre todo, se hai que buscar un paralelismo, cambien Marsella por Arteixo e boten un ollo á francesa Taxi!: o verbo sinxelo e fluído, a gracia do barrio, da rúa, unha viaxe inesquencible para calquera cliente e o fútbol coma paixón. Se o film do país veciño presentaba a un fan de L'OM (Olympique de Marsella), cambien aquela perpetua camiseta por unha do Real Madrid, e terán un autóctono retrato do noso súper taxi-player. Para debuxar a personaxe perfecta só falta o momento domingo, no que se pon as botas e comeza a bailar sobre un campo. "Botaba de menos xogar e fíxome moita ilusión que se acordaran dun", comenta un home do que xa se falaba maiormente en tempo pretérito. Unha viaxe que seguro non deixará a ninguén indiferente Poucas presentacións lle fan falta sobre Luigi ao seareiro máis ou menos habitual do balompé costeiro. Ascendeu ao San Lorenzo, salvou ao Carnota, elevou ao crecente Soneira e foi referente e protagonista do mellor Unión Club Cee do século. Dalgún xeito, os seus servizos acostumaban a ser, agás na etapa en Raíces, coma a carreira máis curta dun taxi: chegaba por encargo e marchaba co traballo feito. Iso si, deixando un selo de estilismo e preciosismo que falaba dun xogador varias categorías por enriba. A pesares da fugacidade, para a Costa ten un recordo sempre especial. "Gústame moito como se vive o fútbol alá, colléralle moito cariño á Liga, que sobre todo ensinoume e curtiume moitísimo", confesa o atacante, que ten clara a súa parada predilecta. "Está claro que de Cee levei un gran recordo, sobre todo do que disfrutei e da xente que coñecín alá", engade un home que non coñece a derrota nos tres encontros xogados coa camiseta do Camariñas, onde chegou sen coñecer a ningún compañeiro e sendo case o pai do vestiario, xunto con Moriño. "Atopei un grupo xove, que me acolleu moi ben desde o primeiro momento, e uns cantos xogadores moi interesantes", apunta. Pero a prudencia nas súas verbas non soterra unha figura que sempre xerou debate e polémica dentro e fóra do terreo de xogo. A veces, iso si, sen facer máis que xogar ao fútbol. Foi o seu estilo, atrevido ata un punto case burlón o que lle ten provocado máis dun moratón nos nocellos. "Algunha aínda levo", bromea. "Agora é con máis cariño, pero gústame moito a pelota, e tamén que me den patadas, senón non sería o mesmo", apuntilla para os interesados. Sobre a faceta extrabalompédica, con case 37 'brejes' que diría el, tamén relativiza a fama. "Non podo xulgar aquelo de 'diablillo', pero eu sempre fun competitivo e un pouco rebelde, pero quen me coñece non ten ese nome na boca; eu o tomo a broma, que sei que é con cariño", di. O conductor de primeira ten chegado en tempo e hora a un Camariñas que lle permite manter a súa vida profesional intacta. Ese é outro motivo de orgullo e ilusión de cara a un futuro onde sabe non sempre estará un balón. "Este é o meu traballo: para min e con esa liberdade que necesitaba, estou moi contento", indica. Sobre a tarifa que tradicionalmente pasaba por xogar, o toma como unha factura do Corte Inglés. Ninguén reclamou despois o seu diñeiro: "Non me gusta venderme, gústame amosar no campo, e nunca despois de terme se queixou alguén, ao contrario, todos quedaron moi contentos". E parece que este será outro traballo redondo.

Comentarios