Un maratón de fútbol Sala feminino pola Sección Galega Xa
19:48 30/12/10
A saúde do deporte feminino na Costa da Morte está mellor que nunca. Un equipo na Liga Galega e 3 equipos na Liga Provincial de fútbol sala feminino así o cercioran. Pero a saúde das selección galegas non anda tan ben, que co novo goberno viviron un serio parón malia que a de fútbol participou en Malta, con representación costeira e todo, nun campionato da UEFA.
Queda moito traballo que facer para poner andar a franxiazul, e nese camiño se puxo a traballar estes últimos días do 2010 o grupo de Galiza Nova de Bergantiños, que reclama cun maratón de fútbol sala en feminino a oficialidade das seleccións nacionais galegas.
A organización xuvenil do BNG presenta así a campaña “Unha nación, unha selección”, e programa para este domingo, 2 de xaneiro, un maratón de fútbol sala feminino.
Ponteceso FSF, Malpica de Bergantiños, Fisober FSF e A Salina
Cristina Becerra, responsable de organización de Galiza Nova de Bergantiños, explicou os detalles do maratón de fútbol sala que terá lugar no pavillón de Ponteceso. Participarán o conxunto local, Ponteceso FSF, o equipo en vías de conformación na localidade de Malpica de Bergantiños, así como dous clásicos de comarcas veciñas, Fisober FSF e A Salina. O maratón comezará o domingo 2 de xaneiro co primeiro partido a partir das 16.30 horas, e está previsto que remate coa entrega de trofeos a iso das 21 horas. No acto de entrega de premios participarán Iria Aboi, secretaria xeral de Galiza Nova, e Pili Neira, seleccionadora galega de fútbol.Contra o “autoodio” e pola “igualdade”
Pablo Vázquez, responsable comarcal de Galiza Nova de Bergantiños, criticou “duramente a supresión dos partidos da selección nacional galega dende o retorno do goberno Feixoo, e falou de “autoodio” por parte do goberno Feixoo”. Pola súa banda, Lucía Vecino, responsable da área de muller de Galiza Nova de Bergantiños, destacou que “non só queremos reivindicar as seleccións galegas, senón tamén a igualdade no deporte, xa que cremos que esta é unha ferramenta extraordinaria para educar na igualdade”. Este maratón feminino é só unha das primeiras actividades da nova Dirección Comarcal de Galiza Nova de Bergantiños para apostar por un deporte en igualdade e no que as mulleres teñan plena presenza. Lucía Vecino tamén adiantou que para o mes de marzo xa están a preparar un novo maratón, desta vez mixto.Novas relacionadas
- Primeira e histórica vitoria do Ponteceso FSF.
- A Costa tamén participa no Campionato de Seleccións de Malta.
- Galiza Nova traballa por manter o Noitebús.
Fonte
- Nota de prensa de GZNova Bergantiños.