Martes. 15.10.2024
El tiempo

Un xantar para celebrar os 50 anos do CD Baio

Un xantar para celebrar os 50 anos do CD Baio
Xantar polos 50 anos do CD Baio

Un dos poucos, por non dicir o único, club (veremos que QPC ten armado algo para o final da campaña) que se está volcando co 50 aniversario da Liga da Costa é o decano o Fútbol da Costa. Xa estivemos na exposición e tamén na celebración dos 50 anos na data que recordou Xosé María Lema Suárez, ademais ex presidente baiés.

Así, e para seguir celebrándoo, o próximo domingo 8 de xuño vai ter lugar na Carballeira de Baio o acto de peche do 50 Aniversario do CD Baio. Trátase dun xantar de confraternidade aberto a todos os que queiran participar coa intención de reunir aos que dun xeito ou doutro formaron ou forman parte da familia deste club. As previsións falan dunhas 500 persoas, aínda que contan con que se animen moitos máis.

Iniciaranse os actos sobre as 10:00 horas cun pasarrúas dos gaiteiros da A.C. Adro, que animarán á vila antes de que ás 11:00 se dispute no Platas Reinoso un partido entre as vellas glorias do equipo baiés. Seguidamente os que así o desexen poden achegarse de novo á Exposición de fotografías, trofeos e demais que está instalada na Casa Ovidio. O seguinte punto na orde do día é o xantar. No camiño da Carballeira distintos músicos (saxos, violinistas etc.) animarán a chegada dos comensais, e ás 14:00 horas dará comezo a comida.

Un gorentoso menú composto duns entrantes (empanada, tortilla, queixo e olivas), polbo á feira, e churrasco a fartar con criollos e ensalada. Dúas sobremesas, co seu café e chupitos. Logo da comida, e tras o sorteo de regalos doados polos locais comerciais de Baio, terá lugar a actuación do Dúo Élite, que animará aos presentes ata ben entrada a noite (con servizo de cantina para mollar a palleta entre peza e peza). E como tamén pensamos nos máis pequenos, estes terán uns inchables nos que poden divertirse.

A data límite para mercar o tícket da comida remata o 2 de xuño. O seu prezo son 25 Euros e pódese retirar no Bar Trébol, Bar O Cruce, Cervecería Río Grande e Electrodomésticos Javi Díaz.

Tamén dispoñen nestes locais de bandeiras para que todos aqueles que queiran engalanen as súas casas coas cores do CD Baio (xa hai varias casas que as colgaron dos balcóns -non son polo Deportivo, é polo Baio).

Novas relacionadas

Artigos futboleiros de Lema Suárez en QPC

Fonte

Comentarios