Unha fisterrá nas antípodas
Mira que temos boa representación do fútbol feminino da Costa. Pero descoñecíamos esta xoia fisterrá en terras herculinas. Bueno, máis ben, en terras australianas, pois López López, mais coñecida como Leny, atópase dende o 10 de xaneiro en Sidney participando no AFA Campionato Nacional de Fútbol Sala 2015 en Sydney.
A xogadora do 5 Coruña FS Feminino, emprendeu unha aventura, que quizais para quen non a coñeza poida resultar unha tolemia. Pero a fisterrá, toda unha apaixonada do futbol sala, non dubidou en lanzarse a disfrutar do evento máis prestixioso e tamén o evento nacional máis grande de Futsal de Australia.
A oportunidade para Leny chegou fai dous meses, cando Corey Smith, Manager da Federación Australiana visitou a cidade da Coruña dentro da xira que lle levo por España para coñecer de primeira man o traballo de varios clubs profesionais e semiprofesionais na modalidade de futbol sala. O directivo australiano gozou de 3 días en Coruña, onde puido coñecer o traballo do 5 Coruña Futbol Sala, e onde acompañou o traballo desempeñado por Sergio Branco e Rodolfo Doldan no equipo senior feminino. Froito desta relación, o directivo propuxo a oportunidade de que algunha das mozas do conxunto herculino reforzase o plantel que o mesmo adestraría no AFA Campionato Nacional de Fútbol Sala 2015 en Sydney.
Leny xa é unha máis da selección estatal de Victoria, coa que disputará o campionato. Desde a súa chegada a xogadora adestrouse co equipo feminino, e asumiu o cargo de adestradora do equipo masculino Sub-16 que tamén participa no campionato, ademais de colaborar cunha das súas compañeiras de equipo, unha xogadora xaponesa afincada en Ballarat (Vitoria) encargada da selección feminina Sub-12.
O debut de Leny como xogadora producirase o vindeiro xoves 15 de Xaneiro, nunha competición onde espera dar o mellor de si para axudar ao seu equipo a chegar ás fases finais da fin de semana.
En palabras do seu adestrador, Corey Smith, "Teño a esperanza de que a experiencia de Leny será de axuda ao desenvolvemento das mozas xogadoras do noso equipo e ao noso lado xogar a outro nivel, tamén é unha gran oportunidade para nosas pícaras para ver o nivel que deben alcanzar, xa que en Australia o futbol sala aínda é un deporte emerxente. Para nós é un logro incrible contar coa incorporación de Leny para os nacionais tendo en conta os nosos pequenos e humildes comezos”.
Seguro que Leny non esquecerá esta experiencia.