Venres. 29.03.2024
El tiempo

A etapa trampa da Volta a España 2012 remata no Ézaro

A etapa trampa da Volta a España 2012 remata no Ézaro

Este mércores 11 de febreiro Unipublic fai público e oficial o percorrido de La Vuelta Ciclista a España 2012. Pero se ben xa o anunciabamos en QPC o pasado mes, hoxe a Deputación da Coruña corrobora que efectivamente a Volta percorrerá máis de 330 quilómetros polas estradas da provincia da Coruña, sobre todo pola Barbanza, a Costa da Morte e Ferrolterra.

Pero a que nos interesa é a etapa do xoves 30 de agosto. Será a 12ª etapa a que percorrerá, a partir do quilómetro 27, toda a costa do Barbanza, a ría de Noia e a zona sur da Costa da Morte. Esta promete ser unha das etapas máis espectaculares da edición porque á dureza de todo o percorrido, de case 185 quilómetros, súmase un final de dificultade extrema, xa que nos últimos dous quilómetros os ciclistas terán que asumir unha costa de 100 metros cun desnivel do 25% ata culminar no miradoiro de Ézaro. Este punto, ademais de ser unha meta inédita na historia da Volta, é considerada unha das "chegadas trampa" da edición, debido ao descoñecemento deste tramo por parte da maior parte dos ciclistas.

Repercusión mediática e beneficios económicos

Fai balance a Deputación da repercusión mediática que pode supoñer a retransmisión da Volta na nosa zona, así como os beneficios económicos directos de acoller esta cita.

I é que a Activación da hostalería e o consumo é directo. Se ben non farán noite na Costa da Morte (non estamos preparados ademais para acoller ás preto de 1.500 persoas que xestiona directamente Unipublic) a deputación valora que o incremento de gasto en consumo dunha xornada co paso dos ciclistas con respecto a unha ordinaria é de 60.000 euros para a zona.

Xa no tocante ao eido mediático, que pode supoñer un escaparate perfecto das nosas marabillas (como lucirá o noso litoral nesas imaxes aéreas no helicóptero oficial), máis de 145 países danlle cobertura á competición e cada sede (tanto de chegada como de saída) ten unha presenza media en televisión superior aos 10 minutos.
Durante A Volta 2011, a etapa máis vista foi seguida polo 18,9% da xente que estaba vendo a televisión neses momentos, é dicir, por 2.277.000 espectadores. A media de espectadores da Volta foi máis vista que a semifinal da Copa Davis ou a liga Eurobasket, por exemplo.
Ademais, máis de 6.000 noticias en radio, prensa e televisión fixeron seguimento de cada xornada durante o 2011, o que supuxo un incremento do 6,24% de seguimento con respecto ao ano anterior.

O gran seguimento desta competición tamén se pode medir polos 1.765.000 persoas que asistiron o ano pasado como público a esta etapa, polos máis de 6 millóns que visitaron a páxina oficial nesa mesma edición e polos seguidores que acumulan nas redes sociais e as 227.500 visualizaciones da Volta que se realizaron na canle oficial de Youtube.

Xa que logo, tanto o seguimento mediático como a retransmisión de imaxes supón unha presenza nos medios que no mercado estaría valorada por encima dos 300.000 euros.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios