Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A loita pola ESO, o 15M que forxou a identidade de Dumbría

A loita pola ESO, o 15M que forxou a identidade de Dumbría
Xardin con 15 de Maio en Dumbria

Tendo unha agradable conversa co alcalde de Dumbría sobre o desenvolvemento (ou falta de) da Costa da Morte, chegamos a un punto moi interesante. Cando Dumbría empezou a entenderse como tal, como Dumbría en si mesma?

José Manuel Pequeño Castro chegaba á alcaldía do Concello de Dumbría en 1983. “E o meirande problema co que me atopo é que Dumbría non ten identidade. Os do Ézaro tirando para O Pindo; os de Buxantes cara Cee; as xentes de Olveira mirando a Mazaricos…”

Ninguén, aló polos 80, sentíase parte de Dumbría. I é que Dumbría non era moito. Se a día de hoxe non ten un núcleo urbano, chave para focalizar atención, daquela era menos, e os veciños de Buxantes ou de Salgueiros apenas pisaban o lugar de Dumbría. Por non haber, non había nin Centro de Saúde, sendo a día de hoxe, un dos únicos en Galicia de propiedade municipal.

Pasaron os anos e o Concello comezaba a escoitarse polas parroquias. Pero tivo que acontecer algo importante. “A loita pola ESO en Dumbría foi o noso 15M”, reflexiona o alcalde.
Un dos máis antigos membros do Concello, outro eterno baluarte da vida municipal, Manuel López Canosa, daquela era conserxe, e tamén participou de primeira man nas mobilizacións.

A reforma educativa naqueles finais dos anos 90, entrada da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) acabando coa EGB e o BUP, deixaba a Dumbría sen centro de ensino para os rapaces maiores de 12 anos. Entendíase daquela como unha catástrofe pois os nenos da zona terían que percorrer máis de 30km para ir a clase (224 nenos de Dumbría obrigados a ir aos centros de Cee; 55 nenos de Dumbría aos centros de Baíñas e outros 18 nenos á Picota; e outros 46 do Ézaro a O Pindo).

O Concello mesmo ofrecerase para construir o centro, aportando a metade das obras do edificio e mantendo o servizo de comedor escolar durante 5 anos. I é que ningún Concello de arredor de 5.000 habitantes (hoxendía a poboación é de 3.200) quedaba sen centros ESO daquela.
O máis grave de todo, os rapaces deixarían de centralizar as súas operacións en Dumbría, convertíndose nunha especie de migración obrigatoria, que aínda, a día de hoxe, se mantén como unha realidade.

”Queremos seguir estudiando en Dumbría!”

Loita pola ESO en Dumbria

A gran cita foi aquela manifestacion en Santiago de Compostela, na que Dumbría mobilizou ata 5.000 persoas. Imaxínense 3 millóns de madrileños manifestándose en Madrid!! Numerosos autobuses trasladaron media Costa da Morte ata a capital e aló berraron o “ESO en Dumbría” para que escoitaran tanto en San Caetano como no mesmo Obradoiro.

”Aquela manifestación, aquel 15 de maio, forxou a identidade do pobo de Dumbría”, sentenza Pequeño.

Loita pola ESO en Dumbria

A comprobación

Menuda satisfacción cando este ano, de viaxe por aí cos veciños, comentando en Alicante se coñecían a Costa da Morte, Fisterra, Dumbría… e nada. Pero cando dixo o veciño O Ézaro, o alicantino exclamou un “Si, claro, de La Vuelta”. E o veciño de Berdeogas, no extremo norte do Concello, dixo fachendoso: “Eso es nuestro!”. Aí foi cando o alcalde decatouse que esa guerra, a da identidade, estaba vencida.

Fonte

Comentarios