Dumbría prepara un Programa de talleres formativos para mellorar En Familia
”En Familia” é o novo programa que o Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Dumbría está preparando. É unha serie de talleres formativos, pensados para pais e nais, así como actividades lúdico-educativas para neno ata os 6 anos.
Serán obradoiros moi prácticos e didácticos, falando da vida cotiá. I é que todos os días xorden dúbidas de como afrontar cuestións de índole educativa, de como resolver situacións que se presentan a cotío. As rabietas, o sono, os medos, a imposición de normas e límites, a importancia do xogo e da estimulación temperá, etc., son cuestións que a todos os pais e nais se lle presentan en determinado momento na educación dos fillos/as.
O programa arrinca o vindeiro sábado, 20 de setembro, cun Obradoiro formativo para pais/nais ás 16:00h, para de seguido, ás 17:00h poder disfrutar do Teatro do Miolo e os seus “4 Tempos”, un espectáculo musical dirixido especialmente a bebés de 6 meses a 4 anos. A través de elementos sinxelos os pequenos/as participarán nunha viaxe a través das estacións do ano.
Á semana seguinte, o sábado, 27 de setembro, teremos o mesmo formato. Obradoiro para pais e nais ás 16:00h e de seguido, teatro con Caramuxo e o seu “Xan e as Fabas Máxicas”, unha proposta de lecer en familia dirixida principalmente a nenos a partir dos 3-4 anos, na que o humor, a poesía e a emoción se mesturan para dar unha visión contemporánea deste clásico infantil a través do teatro de actor e de monicreques.