luns. 17.03.2025
El tiempo

Dumbría saca peito das cifras da Oficina de Turismo

  • En 2024, a Oficina de Información Turística do Ézaro atendeu a un total de 39.965 visitantes.
  • As viaxes en grupo sufriron un gran crecemento nos últimos anos.
Oficina de Turismo do Ezaro
Oficina de Turismo do Ézaro
Dumbría saca peito das cifras da Oficina de Turismo

O crecemento do turismo no Ézaro na última década é digno de estudio. O Concello, a base de eventos deportivos de primeiro nivel, e de manter unha Oficina de Turismo do Ézaro cunha fantástica profesional (a técnica de turismo de Dumbría, Ada González Fernández), ten conseguido colocar a Fervenza do Ézaro como un dos principais reclamos turísticos da Costa da Morte e de toda Galicia. 

Así o seguen refrendando as cifras de visitantes que recolle a propia oficina, aberta durante todo o ano dende 2012. Emprazada na propia enseada do Ézaro, representa unha boa idea da cantidade de turistas que recibimos na comarca cada ano. Con todo hai que destacar que estes datos non son extrapolables á gran cantidade de visitantes que se achegan para gozar da Fervenza do Ézaro (posto que o horario de atención ao visitante da OIT do Ézaro é de 7 horas ao día durante 5 días á semana, e posto que non todo o mundo que chega ata o Ézaro entra na Oficina). Queda sen computar a xente que non solicita información turística, quen vén fóra do horario de atención ao visitante ou quen se achega a gozar do espectáculo audiovisual nocturno da Fervenza do Ézaro.
No caso de que se chegase a poder contabilizar a totalidade do número de visitantes na Fervenza do Ézaro só sería unha parte dos datos totais reais de visitantes e peregrinos no Concello de Dumbría e, diría máis, na totalidade do xeodestino Costa da Morte.

40.000 persoas

En 2024, a OIT do Ézaro atendeu a un total de 39.965 visitantes. O número é sorprendente, porque fai unha media diaria en tempada alta superior ás 300 persoas. 

O perfil do visitante

O perfil do visitante varía en función da época do ano. Os meses de maior afluencia de visitantes de 2024 foron: agosto (7.941), setembro (7.348), xullo (5.708) e maio (5.039). Os tradicionais meses de tempada alta, os do verán, e máis maio e setembro polo elevado número de excursións en autocares.

As viaxes en grupo sufriron un gran crecemento nos últimos anos; viaxes de peregrinos que remataron o camiño en Santiago e optan por facer un tour pola Costa da Morte (nos que as procedencias son un remexido moi diverso: Corea do Sur, Paraguai, Polonia, Australia, Estados Unidos, México, Arxentina, Xapón,...), autocares procedentes de Alemaña, de Francia, de Portugal e de moitas comunidades autónomas de España.

OIT ÉZARO 2024 Visitantes

Os meses de verán son os meses das viaxes en grupo, pero tamén en familia pola ausencia de período escolar, por seren as vacacións das crianzas. Sen embargo, outono é a época onde máis parellas de viaxeiros xubilados nos visitan.

Os días de maior número de visitantes atendidos na OIT do Ézaro en 2024 foron:

  • Sábado, 28 setembro: 699 visitantes.
  • Martes, 20 agosto: 559 visitantes.
  • Xoves, 18 xullo: 543 visitantes.
  • Martes, 3 setembro: 535 visitantes.
  • Martes, 27 agosto: 514 visitantes.
  • Martes, 4 xuño: 506 visitantes.

 

Loita contra estacionalidade

O Concello de Dumbría fixo unha aposta polo turismo e así o testemuñan os datos turísticos. É difícil loitar contra a estacionalidade se non se ofrecen servizos fóra de tempada alta. "Se a xente non vén, os servizos péchanse, se a xente atópase con todo pechado, a xente non vén", explican dende o Concello dando conta da importancia de romper con ese círculo.

Este ano o Concello deu un paso máis no proceso de promoción lanzando conxuntamente co concello de Vimianzo a campaña MiraQVistas, para poñer en valor os miradoiros da comarca, con gran protagonismo para o do Alto do Ézaro.

Máis novas

Comentarios