Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Dumbría volve pelexar pola Canle Olímpica do Couquiño, “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”

Dende o Concello sitúan a situación no marco da continua falta de apoio da Xunta ao rural
Canle do Couquino no rio Xallas
Un adestramento dun club na zona do Couquiño
Dumbría volve pelexar pola Canle Olímpica do Couquiño, “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”

A vella demanda dumbriesa de abrir a Canle Olímpica do Couquiño, no curso do río Xallas, que se paralizou pola falta de implicación das administracións e unhas pequenas desavenencias xeradas artificialmente cos pescadores da zona, volve á actualidade coa previsión da Xunta de crear unha Canle semellante en Bora, no río Lérez, na provincia de Pontevedra.

Cómpre lembrar que o proxecto dumbriés estaba moi ben encamiñado, tendo todas as garantías e facilidades para saír adiantre, pois falamos dunha canle xa practicamente preparada, que ten caudal regulado gracias ao encoro da Fervenza, nunha zona onde ademais hai un club punteiro en Galica (o CDM Piragüismo Dumbría).

Pero cando todo parecía ben encamiñado, pero torceuse pouco despois de que o PSOE realizara a moción de censura que sacou do goberno ao PP de Rajoy. Esa moción provocou o nomeamento de José Ramón Lete Lasa como Secretario Xeral para o Deporte, en substitución dunha Marta Míguez que ollaba con boas miras o proxecto.

Un fito para Galicia

Un feito que non valora a Xunta a día de hoxe é que a Canle dumbriesa “sería un fito importantísimo para Galicia, pois seríamos a única canle en toda Europa que funcionaría de outubro a maio”, explican Quique Portela e César Ferrío, adestrador do club e técnico de Deportes municipal. A realidade é que no resto de Europa, mesmo nos Pirineos (onde hai varias canles olímpicas como a de Le Seu, Sort ou Pons), na temporada de inverno os ríos están conxelados, polo que non se poden utilizar nin para competicións nin para campus de adestramento de seleccións internacionais.

En España hai outras dúas canles artificiais, en Zaragoza e Granada, pero ao non haber clubs implicados e non ter unha estrutura natural axeitada (precisan bombeo) teñen pouco uso.

Deste xeito, “se houbese dúas canles sería ata positivo para Galicia, pois poderíamos acoller expedicións da selección rusa, por poñer un exemplo, de augas bravas adestrando nas augas do Lérez e do Xallas”, apuntan dende o club.

E van máis alá dende Dumbría: “Está ben que se fagan instalacións deportivas de nivel en Galicia, e está ben que se faga en Pontevedra onde temos ademais un rapaz entre as 5 prazas destinadas a este deporte no Centro de Tecnificación “.

En calquera caso “nós non renunciamos ao noso proxecto, que é a canle máis doada de facer, en apenas 6 meses se podería poñer en marcha”, apuran.

Adestrando no Couquino

Críticas dos pescadores?

A cousa ponse candente cando dende o Club de Pesca Salmo da Coruña chegaron mesmo a acusar ao Concello dumbriés, na Radio Nordés Cadena Ser, de facer movementos de pedras de “forma furtiva”. Algo sorprendente pois a relación entre club, concello e pescadores estaba sendo relativamente positiva, pero en calquera caso dende o club non queren entrar en polémicas baleiras, entendendo ademais que as declaracións se fixeron no marco dun proceso electoral no seo do club coruñés.

“Cabemos todo no río, non son proxectos excluíntes, e os pescadores teñen 7 km de coto mentres a canle serían 300 metros”, apuntan dende o club municipal.

O Rural no centro

”Parece que a cousa está clara. O primeiro é que a Xunta non quere invertir no rural, e vai facer unha canle nunha cidade. O segundo, que os pescadores teñen máis privilexios que o resto”, sentenza Ferrío lembrando tamén o que está a pasar cos recortes nos colexios públicos, nos centros de saúde, cos bancos...

Pero é que “dende o Concello non pedimos que sexa a Xunta a que faga a canle, nin sequera pedimos financiamento; só que nos dean permiso para facelo".

Impacto ambiental?

Ademais, dende o club defenden o uso do espazo natural. “Nós poñemos en valor o río, antes era unha selva, agora dá gusto por aí, e este deporte serve para disfrutar da natureza sen xerar ningún impacto ambiental, e menos nunha zona que xa ten unha estación hidroléctrica a 50 metros”, explican.

En calquera caso, sobre o o uso da Xunta desa inventada polémica, resulta curioso que agora escoite a voz dos pescadores, pero que estes se estiveran calados cando non se lles deu voz antes de construir os 4 encoros e as 9 minicentrais que padece o río Xallas, e que tan criticadas foran polos grupos ecoloxistas.

O Caso Sabero

Sabero é un bo exemplo. Trátase dun pequeno concello na comarca mineira da provincia de León. Atrás quedaron os anos de bonanza no que as minas de carbón e ferro incluso fixeron chegar o ferrocarril ó concello.
Co peche das minas primeiro desapareceu o traballo, e logo a poboación.
Para volver a reactivar a economía, Sabero apostou por adecuar un tramo de río construindo unha canle de augas bravas.
Este ano, sen ir máis lonxe, acolleron uns campionatos de España e outros de Europa, co que durante todo o verán a ocupación hoteleira na comarca rondou o 100%

Novas relacionadas

Comentarios