Sábado. 18.05.2024
El tiempo

Festas para non dar feito en O Ézaro, Vimianzo, Camelle, Buño e San Mamede

Festas para non dar feito en O Ézaro, Vimianzo, Camelle, Buño e San Mamede
Chega a primeira fin de semana de agosto e as festas que continúan a saír na Costa da Morte ata de debaixo das pedras. Teremos ben delas para escoller, e xa podemos botar un ollo a todas en axendacostadamorte.com. O Ézaro, Vimianzo, Camelle, Buño, ou San Mamede serán os sitios máis destacados nos que sacar o noso espíritu festeiro na fin de semana, sen esquecer a cita coa Carballeira de Zas. Repasamos a continuación todos os festexos. En O Ézaro A vila dumbriesa de O Ézaro prepara xa a súa Festa da Praia. Son xa vinteseis anos contando coa cita cada verán, polo que serán centos e centos de persoas as que non perderán unha cita ineludible na vida de moitos. Comezan o vindeiro venres, 5 de agosto, co Campionato de Fútbol Praia sub 16. Desenvolverase ao longo da tarde, dende as 16:00h ata as 21:00h. Logo de tanto esforzo físico haberá que tomar un pequeno descanso. E xa ás 23:00h, cambiando a area polo chan da praza, virá unha verbena espectacular. Será da man do grupo Ciclón, cunha muller-show por cantante que non precisa carta de presentación, e o grupo Master. A verbena prolongarase ata altas horas da madrugada, pero por se acaso, están programadas unhas sesións de dj’s na Casa da Pedra para alongar a noite ata que o corpo aguante. Pincharán os Fisterra’s Mafia, Rubén Martínez e Nimi Deejay. O sábado 6 de agosto comezarán o día de novo con volei praia, dende as 09:00h da mañá cunha proba puntuable para o Campionato Nacional. Esta cita prolongarase ata as 21:00h, e por tanto solaparase co Campionato de Fútbol Praia Absoluto, que irá dende as 16:00h ata as 04:00h da madrugada. Os que cansen do fútbol praia terán oportunidade de seleccionar o tipo de música que lles amenice a velada. Ou unha clásica verbena na praza dende as 23:00h con La Bámbola e Oasis, ou unhas boas doses de rock, dende a mesma hora na Casa da Pedra. Actuarán Filloas On The Stone, chegados dende Carnota, Dr. Buenas Gracias, dende A Coruña, e un grupo por confirmar, orixinario de Muros. O domingo 7 de agosto haberá de todo, dende actividades para os máis novos ata gastronomía, e como non, baile. Ás 12:00h poranse en funcionamento os inchables. Media hora máis tarde comezaranse a asar sardiñas para ofrecer unha sardiñada popular. Pola tarde fútbol praia. Dende as 16:00h a Final do Campionato sub 16 e ás 17:00h a Final do Campionato absoluto. De 18.00h a 21:00h haberá xogos populares para todas as idades na praia. E á noite fin de festa coa orquestra Nova Palma. En Vimianzo

Vai ser moi difícil decidir onde ir esta fin de semana porque se acabamos de ver como o montan por O Ézaro, en Vimianzo non queren ser menos e contan con orquestras de primeiro nivel.

Comezan mañá xoves, 4 de agosto, coas prefestas. Desenvolveranse na praza Castelao dende as 21:00h, e haberá moita variedade. Dende música tradicional ata monólogos, rock ou incluso rumba. Actuarán o Grupo de Gaitas Trubisquiña, os Mariachi Coruña Mix, os Killer Cats, Rumba Oeste, Os Fugaos, e ademáis da música, Manuel Lago deleitaranos cos seus monólogos.

O venres 5 de agosto actuará o grupo Alkar e despois haberá música da man da Disco Factory. O sábado 6 de agosto comezarán o día ás 12:00h, con misa solemne. Tocará a Banda de Música de Negreira e de seguido haberá pasarrúas con Revoltixo de Carantoña. Máis música achegarán dende o Grupo de Gaitas Trubisquiña, e xa ás 18:30h haberá títeres da man de Duendesico Títeres, coa representación de As Andanzas de Elías.

Xa para o domingo 7 de agosto haberá misa ás 12:00h, pasarrúas con Revoltixo de Carantoña e o Grupo de Gaitas Trubisquiña. Da sesión vermú e a verbena encargarase o grupo Master e a orquestra Sintonía de Vigo. Por último, o luns desenvolverase unha festa infantil na praza do Concello, con inchables e xogos populares. A guinda virá da man do mago Cayetano Lledó.

En Camelle

Non todo vai ser O Ézaro ou Vimianzo no eido das verbenas esta fin de semana, xa que Camelle celebrará as súas Festas do Carme. Haberá de todo tamén, dende churrasco ata música da terra ou verbenas.

Comezan este venres, 5 de agosto cunha gran churrascada dende as 21:00h. Logo celebrarase o Festival Folclórico, coa actuación de membros da Asociación Cultural Terra de Senna de Cee, e a Escola de Baile Municipal de Camariñas. A verbena a traerá nada máis e nada menos que a orquestra Panorama.

O sábado 6 de agosto celebrarase unha misa e baixarán á Virxe do Carme ata o peirao, acompañada pola Danza de Arcos. Tocarán os gaiteiros de Jolpe de Mar. Despois haberá unha procesión marítima. De volta a terra, sesión vermú coa orquestra Manila e xa pola noite verbena con Manila e dous grupos de Laxe: O Tren da Unha e Os Centroles.

Por último, o domingo 7 de agosto iniciarán o día con alboradas co Grupo de Gaitas Jolpe de Mar. Misa ás 13:00h na honra á Virxe dos Remedios e procesión acompañada pola Danza de Arcos. Sesión vermú con Midas e verbena co grupo Midas e outra orquestra por determinar.

En Buño

Na vila malpicá de Buño tamén queren seducir á xente cu cartel moi digno e con atraccións de primeira. O venres 5 de agosto haberá unha queimada popular dende as 21:30h. Logo actuará a orquestra Metrópolis. Xa a medianoite actuarán as Cantareiras de Ardebullo.

O sábado 6 de agosto comezarán con pasarrúas con gaiteiros. Ás 13:00h haberá misa solemne na honra a Santa Filomena. Sesión vermú co grupo Alkar e verbena con Alkar e Pili Pampín. Xa o domingo, e logo do pasarrúas e a misa, haberá bailes matinais e nocturnos co grupo Océano.

En San Mamede

Rematan unhas e comezan outras. Así, quen quiera prolongar a xira festeira máis alá da fin de semana ten unha boa ocasión en San Mamede, Carnota.

O domingo 7 de agosto iniciarán o día con pasarrúas a cargo do Grupo de Gaitas Longarela de Louro. Haberá tres quendas de misa para honrar a San Mamede, ás 09:00h, ás 11:30h e ás 13:00h. Sesión vermú co grupo Sol y Mar e verbena co grupo Alcotán e a orquestra Marimba.

O luns 8 de agosto tamén contarán cos pasarrúas de Longarela e ás misas en tres quendas, nesta ocasión na honra ao Santísimo Sacramento. Sesión vermú con Sol y Mar e verbena co grupo Alkar e a orquestra Marbella. Para rematar, o martes 9 de agosto, e logo do pasarrúas de Longarela e as misas na honra a San Antonio, Sol y Mar porá a sesión vermú e as orquestras Nova Palma e Panorama a música na verbena de fin de festa.

Enquisa no facebook

Onte preguntabamos no facebook cal era a festa que máis vos seducía de cara á fin de semana. Entre O Ézaro e Vimianzo, ao peche desta edición, semellaba que a vila dumbriesa gañaba por goleada á soneirana. De todos os xeitos, tamén se fixo un importante oco na loita, aínda que non dentro do mundo das verbenas, a Festa da Carballeira de Zas.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC ([email protected]).
  • Carteis achegados por Ana Isabel García Silva e Verónica Gerpe de la Fuente.

Comentarios