Sábado. 12.10.2024
El tiempo

O Obradoiro de Emprego de turismo arrinca unha serie de visitas guiadas pola comarca fisterrá

Cartel Roteiros Pola Costa
O Obradoiro de Emprego de turismo arrinca unha serie de visitas guiadas pola comarca fisterrá

Tocan as prácticas. O alumnado-traballador do obradoiro dual de Emprego “Camiño do Solpor IV” que abarca os concellos de Dumbría, Cee e Corcubión, na especialidade de promoción turística local e información ao visitante, trala súa completa formación teórica, comeza coa súa oferta de cinco visitas turísticas de balde polos concellos participantes. Unhas visitas pensadas para atraer á poboación local e aos turistas nos meses de verán.

As experiencias turísticas comezarán o día 26 de maio cunha ruta urbana chamada “Cee: Pegadas da nosa historia”, que se desenvolverá dende o paseo marítimo ao casco histórico. A visita pretende a través dos diversos elementos patrimoniais e persoeiros destacados dar a coñecer o pasado da vila. O punto de encontro será nas casetas do paseo marítimo ás 11h00 da mañá e contará cunha duración aproximada de 1h e 45 min.

Continuando no Concello de Cee o día 27 de maio, con “Lires: Os camiños das mulleres infinitas”. Nela os visitantes poderán mergullarse nos traballos e saberes das mulleres da parroquia de Lires gozando ao mesmo tempo do mar, das praias e da maxia do lugar. Trátase dun roteiro circular, de 7km cunha duración aproximada de 3h e 30 min, que partirá as 9h 30 min da mañá dende a igrexa de Santo Estevo.

O día 30 de maio, é o turno do Concello de Corcubión coa ruta “Un paseo pola historia de Corcubión”, o percorrido trascurrirá polo casco histórico desta vila mariñeira e terá como fio condutor a historia, o patrimonio e a tradición oral. Terá unha duración de 2h e partirá da Oficina de Turismo de Corcubión ás 11h00.

O día seguinte 31 de maio ás 11h00, dende este mesmo punto arrancará unha viaxe ao pasado industrial e mariñeiro de Corcubión, co nome de “Mar, Carbón e Sal na que se pon en valor a importancia que tivo o mar nesta vila, seguindo os restos e tesouros que chegaron ata os nosos días. Duración aproximada de 1h e 30 min.

Como colofón o día 1 de xuño ás 11h00, o Concello de Dumbría acollerá, a visita “Luces de saín: as mulleres do Ézaro a través dos ollos de Ruth Matilda Anderson”. A ruta pretende visibilizar unha historia, a das mulleres do Ézaro que permaneceu oculta durante séculos e que en parte foi e segue a ser descoñecida. Cunha duración de 1h e 30 min partirá da escultura do Golfiño do paseo marítimo do Ézaro.

As visitas guiadas terán un aforo limitado por orde de inscrición, polo que será necesario anotarse previamente de luns a venres de 9-14h no teléfono 676 657 565.

Comentarios