Os alumnos do obradoiro Mazaricos-Dumbría visita SOGAMA
Profesores e alumnos/as do obradoiro de emprego promovido conxuntamente polos concellos coruñeses de Mazaricos e Dumbría, realizaron recentemente unha visita ao complexo medioambiental de Sogama en Cerceda. Unha vista que tivo como obxectivo de coñecer o proceso de xestión e tratamento ao que se someten os residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego.
Tras recibir as correspondentes explicacións, que correron a cargo dos educadores da Sociedade, a trintena de persoas que conformaban o colectivo tiveron a oportunidade de realizar un percorrido guiado polas distintas plantas que conforman esta infraestrutura industrial, onde os refugallos son sometidos a un proceso de clasificación por tipos de material para propiciar o seu posterior reciclado, reservando, para a fracción resto, a súa conversión en enerxía eléctrica.
Subvencionado pola Consellería de Traballo, o obradoiro iniciou as súas actividades en decembro do pasado ano, permanecendo en vigor ata o próximo mes de xuño. Como non podía ser doutra forma, a súa principal pretensión é que as persoas adscritas ao mesmo, en situación de desemprego, adquiran a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral, ben por conta propia ou allea.
Actividades auxiliares no ámbito medioambiental (viveiros, xardíns, centros de xardinería, etc), así como as propias de albanelería, constitúen algunhas das especialidades impartidas neste curso, que inclúe, entre as tarefas a realizar, o pavimento e arborado de distintos lugares que discorren ao longo do Camiño de Santiago, ao seu paso polas localidades de Mazaricos e Dumbría, poñendo en valor a Ruta Xacobea Fisterra-Muxía.