A paralización por parte da Xunta do proxecto do Campo de Slalom de O Couquiño en Dumbría chega á valedora do Pobo
Dende 2019 leva o Concello de Dumbría intentando sacar adiante un proxecto estratéxico como é o Campo de Slalom dO Couquiño. Conseguir unha Canle Olímpica de Augas Bravas oficial permitiría convertir o río Xallas nun dos epicentros do piraguüismo a nivel europeo, porque sería “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”.
A pesar do apoio incondicional de todos os clubs galegos, o proxecto leva atopándose unha e outra vez coa oposición da Xunta de Galicia. A comezos do 2020, a Xunta puña como argumento uns inventados “enfrontamentos entre padexeiros e pescadores” para deixar o proxecto en estado de parálise.
En 2022 o secretario Lete Lasa aseguraba que reactivaba o proxecto, pero apenas ano e medio despois, en novembro de 2023, o propio Secretario Xeral para o Deporte volvía dar as. mesas excusas de sempre no Parlamento Galego.
Fartos de agardar en silencio, dende o Concello de Dumbría e dende a Federación Galega de Piragüismo veñen de dar un paso adiante, coa presentación por parte da FeGaPi dunha en forma de queixa institucionalización ante a Valedora do Pobo pola paralización por parte da Xunta de Galicia do proxecto do Campo de Slalom de O Couquiño en Dumbría.
”A Xunta discrimina o piragüismo”
O informe, de 19 páxinas, denuncia “a discriminación institucional que sofre o piragüismo federado en Galicia por parte das administracións responsables da xestión do dominio público hidráulico e marítimo-terrestre. Esta discriminación maniféstase a través da ausencia de recoñecemento legal, a falta de planificación de espazos deportivos e a imposición de trabas administrativas desproporcionadas, vulnerando dereitos recoñecidos pola Constitución Española, a lexislación deportiva vixente e diversas directivas europeas”.
Chama a atención que unha entidade delegada pola Xunta de Galicia para a xestión do deporte federado dunha disciplina, cargue contra a propia Xunta desta maneira, pero é que a FeGaPi débese aos seus clubs, deportistas, técnicos e xuíces federativos.
A carta explica que a día de hoxe “non existen zonas habilitadas nin recoñecidas para a práctica habitual do piragüismo federado en ríos ou mar”; e “as instalacións públicas non contemplan a necesidade de acceso regular aos espazos acuáticos”. Igualmente, denuncian que “a normativa ambiental e de augas ignora o dereito á práctica deportiva de interese xeral.
Entende así que “esta situación vulnera o principio de igualdade respecto doutras actividades autorizadas (pesca, navegación lúdica ou motorizada) e supón unha exclusión inxustificada do deporte organizado do acceso ao medio natural)”.
Poñen exemplos, como os prazos estimados para solicitar unha actividade, de 1-2 días para a pesca recreativa (o silencio administrativo enténdese como positivo) aos 30-90 días para as activiades do piragüismo federado (e o silencio administrativo enténdese como negativo, no seu caso).
O Piragüismo tampouco está presente na recente aprobación dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), pero tampouco no Plan Hidrolóxico Conca Miño-Sil.
O Caso do Couquiño
Ademais deste histórico desamparo deste deporte olímpico, a carta da FeGaPi fai fincapé no caso de “inacción e agravio” da Xunta para coa Canle do Couquiño:
O proxecto do canal de augas bravas de Dumbría, destinado á tecnificación e competición da modalidade de slálom, foi presentado en 2013 con apoio da Xunta de Galicia, do Concello e da empresa Ferroatlántica. Foi declarado de interese público e presentado como infraestrutura estratéxica para Galicia, chegando a incluírse na planificación da Secretaría Xeral para o Deporte e nos plans da FEGAPI e da RFEP. Porén, máis dunha década despois, o proxecto segue paralizado, sen licenza, sen execución nin asignación orzamentaria, malia ser viable técnica e ambientalmente. A FGP ten reiterado por escrito o seu interese en activar o proxecto e mesmo presentou propostas alternativas de financiamento. Esta paralización sen causa xustificada supón unha omisión grave da Xunta, que promove centros de tecnificación en outras disciplinas pero non garante un só tramo de 150 metros para o slálom galego, obrigando aos deportistas a desprazarse a Portugal para adestrar.
NOVAS RELACIONADAS
- Novembro 2023: A Canle Olímpica de Augas Bravas do Couquiño volve enredar no Parlamento
- Abril 23: O Secretario Xeral para o Deporte volve poñer aos pescadores como o obstáculo para a Canle de Augas Bravas de Dumbría.
- Marzo 23: A histórica Canle de Augas Bravas de Dumbría colle forma.
- Xaneiro 22: A Xunta reactiva a creación da Canle de Augas Bravas do Couquiño.
- Setembro 21: Dumbría volve pelexar pola Canle Olímpica do Couquiño, “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”.
- 2019: Clubs de toda Galicia reivindicaron en Dumbría un Campo de Slalom no Xallas.
- 2019: Dumbría pide a creación dunha canle de slalom no Couquiño acollendo a Copa Galega.