A histórica Canle de Augas Bravas de Dumbría colle forma

Dende 2019 leva pedindo Club PIragüismo Dumbría e o seu Concello a creación dunha Canle Olímpica de Augas Bravas no Couquiño, que se convertiría ”na única de Europa que funcionaría de outubro a maio”, ao longo de todo o inverno.
A Xunta reactivaba, case para sorpresa do club, o proxecto en xaneiro de 2022, esquecendo uns inventados problemas xerados cos pescadores. E a cousa vai en serio, porque parece que alguén se decatou da importancia de ter un espazo que pode recibir expedicións internacionais de todo o planeta para adestrar, ademais de permitir organizar eventos deportivos de carácter internacional.
O vindeiro venres 10 de marzo, a Casa da Cultura de Olveira acolle un evento tremendamente importante para o proxecto. Un proxecto que nestes momentos está en man do Polo de Emprendemento da Costa da Morte situado na instalacións do EFA Fonteboa de Coristanco. O grupo de traballo explicará aos asistentes os antecedentes e estado actual do proxecto, da man de Xosé Henrique Rodríguez Portela, o entrenador do CDM de Piragüismo de Dumbría e entrenador nacional de Piragüismo en augas tranquilas e slalom.
Ademais, Xosé Manuel Cousillas, membro activo do Cadí Canoë Kayak Club e do Comité Executivo da ICF Canoe Slalom World Cup 2021, fará un repaso dun caso de éxito dun proxecto semellante, a Canle de Augas Bravas de La Seu d'Urgell.
Ao remate das dúas ponencias, acabarase desenvolvendo propostas de emprendemento e ideas de negocio arredor do mesmo.
Novas relacionadas
- Xaneiro 22: A Xunta reactiva a creación da Canle de Augas Bravas do Couquiño.
- Setembro 21: Dumbría volve pelexar pola Canle Olímpica do Couquiño, “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”.
- 2019: Clubs de toda Galicia reivindicaron en Dumbría un Campo de Slalom no Xallas.
- 2019: Dumbría pide a creación dunha canle de slalom no Couquiño acollendo a Copa Galega.