A Canle Olímpica de Augas Bravas do Couquiño volve enredar no Parlamento
Volveu ao Parlamento Galego o paralizado proxecto da Canle Olímpica de Augas Bravas do Couquiño. Unha iniciativa que o Club Piragüismo Dumbría e o Concello dumbriés comezaba a solicitar en 2019, para situar á Costa da Morte no primeiro nivel europeo na materia, pero que a pesar das promesas (aínda en xaneiro de 2022 a Xunta anunciara que ía reactivar o proxecto), segue sen ver a luz.
Foi a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo o que levou o asunto á Comisión de 1ª Institucional do Parlamento, celebrada esta maña de xoves 23 de novembro de 2023. Rodríguez criticou o desinterese do goberno galego por impulsar este deporte en Galicia e reclamoulle hoxe á Xunta que incorpore aos Orzamentos para o ano 2024 a construción da canle de eslalom.
Na súa primeira intervención o Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, fixo un completo relato sobre o alto nivel do piragüismo galego e a cantidade de axudas e de programas de promoción que a Xunta pon para este deporte.
Tomoulle a palabra a deputada socialista, que lle dixo que eran argumentos precisamente tomar este proxecto como unha necesidade para medrar. Rodríguez Rumbo lembrou que “se queren, poden” executar este proxecto, e acusou ao goberno galego de poñelo “no mesmo caixón no que teñen o remate da autovía da Costa da Morte”.
“Non sei por que está autorizado aínda, porque non é a miña competencia, isto é de Augas”, excusouse Lete Lasa (por que enviou a Xunta a responder esta pregunta a alguén que non ten competencias para respondela, pregúntanse por Dumbría), que volveu ampararse nos inventados “enfrontamentos entre padexeiros e pescadores”. O Secretario intentou relatar que “imos facer Dumbría se a legalidade o permite”, deixando claro que a lei establece que os cotos son preferentes, volvendo a poñer de parapeto aos pescadores.
Con todo, si explicou que a memoria presentada polo club e o informe de Tragsatec é de maio, polo que “me consta que se está a estudiar este expediente, e en breve haberá contestación”.
A Deputada Socialista dixo que se Gómez Besteiro gaña as eleccións, será unha das primeiras obras que se faría.
NOVAS RELACIONADAS
- Abril 23: O Secretario Xeral para o Deporte volve poñer aos pescadores como o obstáculo para a Canle de Augas Bravas de Dumbría.
- Marzo 23: A histórica Canle de Augas Bravas de Dumbría colle forma.
- Xaneiro 22: A Xunta reactiva a creación da Canle de Augas Bravas do Couquiño.
- Setembro 21: Dumbría volve pelexar pola Canle Olímpica do Couquiño, “a única de Europa que funcionaría de outubro a maio”.
- 2019: Clubs de toda Galicia reivindicaron en Dumbría un Campo de Slalom no Xallas.
- 2019: Dumbría pide a creación dunha canle de slalom no Couquiño acollendo a Copa Galega.