Un veciño de Salgueiros denuncia que unha empresa eólica invadiu o seu terreo sen permiso
A pasada semana, Ramón Búa chegaba á súa leira, no lugar de Senra, parroquia de Salgueiros, Dumbría, e quedaba atótino ao ver que lle entraran. Entraran tirando co peche, feito cunhas pedras e uns ferros, pero firme.
Tras realizar as primeiras pesquisas, decatouse que foron os responsables do Parque Eólico Paxareiras II (promovido por AV Paxareiras, S.L.U.) que viñeron facer unhas catas sen o seu permiso.
O dumbriés lembra que a súa nai xa recibira unha carta en 2012. Agora como herdeiro apenas recibiu hai 3 anos unha notificación, pero nunca chegou a firmar nin aprobar a súa entrada.
”Botáronse na finca, fixeron unha perforación, dun sondeo duns 20 centímetros, que deixaron aberta co perigo que representa tanto para a fauna como para as persoas”, sinala Búa. “Invadiron a finca entre 30 e 35 metros”, critica ao tempo que denuncia que entre as dúas cartas recibidas a cartografía é moi distinta, e na última convertiron as súas fincas curvas en fincas rectas. “Nós presentamos unha reclamación porque as nosas fincas eran curvas. Mandámoslle á Xunta e á empresa pero non nos fixeron nin caso, e a resposta é esta invasión”, lamenta un Búa que critica a política de escurantismo e ameazante das empresas eólicas.
Búa xa levou o asunto á Garda Civil, e varios axentes xa pasaron pola eira esta semana.
Petón de Lobo xa denunciara o ano pasado a falta de transparencia da Xunta co Documento Ambiental da LAT do P.E. Paxareiras II.
Novas relacionadas