2000 sinaturas contra o proxecto de creación da Balsa da Ruña
A Plataforma Salvemos a Ruña mais a Plataforma Vendaval Costa da Morte recolleron en pouco máis de dúas semanas, máis de 2000 sinaturas contra o proxecto de creación da Balsa da Ruña. A entidade leva colocando mesas informativas en lugares como o Cabo Fisterra, o Ézaro ou o mercado dominical de Cee para informar a maior cantidade de xente do que entenden como un proxecto que vai afectar definitivamente a un espazo tremendamente especial da comarca.
Afectación ás augas
A entidade fai fincapé nesta campaña na afectación que proxecto industrial tería na calidade das augas que sae polas billas de todos os concellos que fan parte da Mancomunidade de Fisterra (Corcubión, Cee, Fisterra, Muxía e Dumbria). Pero avisan tamén saben que os de Muros e Carnota corren un serio risco de quedar sen ela.
"O proxecto consiste en furar o Monte da Ruña cunha tuneladora para bombear a auga ata o cume e embalsala alí cunha presa, para turbinala de novo cara ao embalse de Santa Uxía", sinalan, destacando de que se trata dun "proxecto especulativo, pois habería que subir a auga en horas baratas para baixala en horas caras".
Denuncian ademais que contaminarían por filtración as fontes da Ruña coa auga do Xallas", e que "remexerían os lodos do encoro de Santa Uxía metendo metais pesados na auga que sae polas nosas billas, coa que cociñamos, e chegaría aos nosos riles, afectando seriamente a nosa saúde con graves patoloxías oncolóxicas". E, ademais, "é probable que a tunelación afecte e cambie o percorrido das augas subterráneas que nutren o Rio Arcos que dá de beber a Muros mais Carnota", alertan.
E todo con fondos Next Generatión.