Venres. 26.04.2024
El tiempo

7 confrarías da Costa asinan un convenio con Mar para conservar o medio mariño

7 confrarías da Costa asinan un convenio con Mar para conservar o medio mariño
7 confrarías da Costa da Morte véñen de asinar un convenio coa Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, polo cal esta destinará 180.000 euros co fin de mellorar a xestión, a conservación e a sustentabilidade da explotación dos seus recursos mariños. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá na Confraría de Pescadores de Fisterra os convenios de colaboración coas confrarías de Camariñas, Camelle, Corme, Fisterra, O Pindo, Malpica e Muxía. A vixencia destes convenios, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca, remata o vindeiro 30 de xuño de 2011, aínda que poden ser prorrogados se existe acordo entre as partes.

Acordo sobre produtividade

Dentro dos convenios hai dous tipos de acordos. O primeiro deles, o de xestión das zonas de produción, ten como obxectivo mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros. Para acadar este obxectivo, está prevista a implantación de técnicas de semicultivo, a elaboración de plans de explotación e de proxectos de rexeneración de zonas de produción, así como o seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros.

Acordo de conservación

O segundo dos convenios, referido á realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade, céntrase en velar pola protección dos recursos mariños mediante a loita contra o furtivismo e o establecemento de condicións de acceso ás zonas de pesca. Comprende actuacións como o control e seguimento dos bancos marisqueiros naturais e a realización de operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies mediante o establecemento das condicións de acceso ás zonas de pesca.

Porto de Sardiñeiro

No transcurso do acto, Diego Calvo lembrou que en primavera a Xunta comezará os traballos de construcción do porto de Sardiñeiro, nos que o ente público Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, investirá 1.096.048 euros.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios