A Axenda Sonora xa resoa na Costa da Morte


Xa imos prepando os oídos. A Axenda Sonora da Costa da Morte xa vai destapando os seus carteis, e xa sabemos que bandas poderemos disfrutar en Muros, Vimianzo, Valarés, Fisterra, Razo ou Malpica. Todo, coa intención de ir acabando coa ditadura da verbena e ir facendo sitio nesta bisbarra para a música pop, rock ou folk, que non todo vai ser merengue...
Así saboreamos o feito de ter a posibilidade de ver na Costa da Morte durante este verán de 2012, xente como Budiño, La Pegatina, Los Heredeiros, Dios Ke te Crew, Triángulo de Amor Bizarro, Ruxe Ruxe, Bodega Bodega, Sex Museum, Fuel Fandango....
Xullo e agosto completo
Comezaremos o 7 de xullo co 17º Asalto ao Castelo de Vimianzo, que combinará a espectacular representación da revolución irmandiña co mellor folk do país, a rumba catalana ou a cumbia galega.
Unha semana máis tarde, para o 14 de xullo, iremos "josar" co IV Nordestazo Rock de Malpica. Os Heredeiros e DKTC serán dous cabezas de cartel que demostran que a "música ghallegha daghora" ten un tirón espectacular.De fin de semana en fin de semana, e seguimos subindo cara o norte, para disfrutar de 2 días de natureza e surf no Sereas e Piratas de Razo, os 20 e 21 de xullo. Os coruñeses Triángulo de Amor Bizarro serán os máis esperados, pero tamén haberá moito deporte polo día, djs pola noite...
Baixaremos ao sur o 3 e 4 de agosto para disfrutar do IV Castelo Rock. Un Castelo que chega máis forte que nunca, cos Ruxe Ruxe, os DKTC repetindo na comarca, e os madrileños Bodega Bodega como grandes nomes.
E polo de agora, a última cita será o 18 agosto no Festival Con V de Valarés. A praia pontecesá acollerá uns concertazos de primeira calidade, sen dúbida os máis traballados musicalmente da zona. Sex Museum e Fuel Fandango traerán xente de aquí e de alá.
XIV Festa Folk na Fin do Camiño
Xa sabemos ademais, pero aínda sen o cartel deseñado, os grupos que participarán na Festa Folk na Fin do Camiño este ano e como cada terceiro sábado de agosto, desta volta o 18 de agosto, coincindo, lamentablemente, co Con V de Valarés.
Rockin Praza
O venres 22 de xuño, no marco das Festas de San Xoán de Carballo recupérase o Rockin Praza. Están convidados grupos carballeses e galegos como Lowcos, Franc3s e Burgas Beat, sendo os estadounidenses The Blasters os cabeza de cartel.
Este ano o Rockin cambia de ubicación, xa que a cita é no parque de Rego da Balsa ás 22.00 horas. Ao mesmo tempo e para os menos rockeiros, ás 22.30 horas hai verbena na Praza do Concello.
Pendentes de...
Entrementres seguimos pendentes de outros festivais de importancia. Xa sabedes que ata comezos de xullo non coñeceremos os grupos do festival máis veterano da Costa da Morte, a Festa da Carballeira de Zas, que coma sempre terá lugar a primeira fin de semana de agosto (coincidindo coma sempre co Castelo Rock...
Ademais, agardamos polo Asaghieiras Master Festival de Lariño, ou polo carballés polo Xiria Pop, sempre o último da fila aló por setembro.
E ollo, que non perdemos a ilusión con que apareza a maxia e poidamos ir á furna do Osmo para disfrutar da Noite dos Encantos.
Máis información
Novas festivaleiras
- Dous días de Festival no IX Castelo Rock de Muros.
- Os Irmandiños xa teñen cartel e actores para Asaltar o Castelo.
- 24 horas de natureza, praia, música, arte en Valarés.
- Moito máis que música no Sereas e Piratas de Razo.
- Malpica “josará” cos Heredeiros da Crus no Nordestazo Rock 2012.
Outras novas
- 3 Locos Costeños a ritmo de rap.
- Os Terbutalina reparten Hostias para todos.
- Unha viaxe, en formato Dogma, á loita do metal con The Gone&Lost.
- Escolma de bandas costeiras – A Axenda Sonora da Costa da Morte segue crecendo.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).