A nova misa do Cura de Ghirra no Mazaricos de 1965
08:13 29/10/16
Seguimos, da man de Suso Jurjo, percorrendo a historia de Mazaricos, desta volta con sabor relixioso.
Mazaricos 1965: A misa nova do cura de Ghirra
A misa do Cura de Ghirra dun fillo da parroquia acabado de ordenar Nos anos cincuenta e sesenta do século pasado a celebración da primeira misa dun fillo da parroquia acabado de ordenar, estando moi lonxe de ser un acto cotiá, non deixaba de ter certa frecuencia. Se tomamos unicamente a parroquia como fonte de estudo a súa excepcionalidade era absoluta, pero se afastamos algo o foco e iluminamos todo o territorio municipal, a situación muda sensiblemente. O sacerdocio fora, de sempre, unha das saídas máis habituais para os membros máis espelidos das casas de “pan e porco” da Galicia rural. Mais nos longos e miserables anos posteriores á Guerra Civil, as vocacións de servizo á igrexa intensificáronse en estreita concordancia coa atmosfera de abafante clericalismo que dominaba tódolos eidos da sociedade franquista. Se tomamos como referencia os primeiros trinta anos deste período, tan só en Mazaricos, recibiron as ordes maiores do presbiterado 19 mozos, que seguidamente nomearei polos alcumes das súas casas: na parroquia de Alborés o Ghián de Ribadeza e o Oreiro das Espigas; na parroquia de Antes o Fidalgo de Grille; na de Arcos o Perrúa e o Laranxo do mesmo lugar de Arcos; na de Beba o Sicho dos Outeiros e o Xalleiro de Beba; na de Chacín o Perol e o Segundo de Vioxo; na de Colúns o Santo de Vilar e o da Bicha de Cives; na de Coiro o Valexo de Fírvado e o Cirolán de Suevos; na de Eirón o Rato do Outeiro, o Mancebo de Corveira e o Seán, o Cancelo e o Leiteiro de San Fins; e na de Mazaricos o Ghirra de Atán. Agúns dos citados, nalgún momento da súa traxectoria como sacerdotes, colgaron a sotana e buscaron outro quefacer para gañar o pan. Este non foi o caso do noso protagonista de hoxe. Don José Del Río Senra (1941-2013) era do Creghiño ou do Ghirra do lugar de Atán. O primeiro alcume era o orixinal da súa casa de nacemento e mostra evidente da existencia dun antecesor seu coa mesma profesión. O segundo, Ghirra, era o nome da casa do lugar da Curra (Arcos) da que procedía seu avó, José Senra Lado. Un tratante de gando moi coñecido e con moito éxito nos negocios que logrou incorporar o seu alcume familiar á casa da súa muller: Concepción Blanco Antelo. Don José era fillo do matrimonio formado por María Senra Blanco da mesma casa, e Manuel del Río Cernadas, este último pertencente a unha das familias máis sonadas e podentes de todo o Concello de Mazaricos: Ríos de Lugarnovo. Contaba con tres irmáns máis novos: María, casada na casa do Ghoriño de Beba con Juan Cacheiro Martínez. Manuela, que o faría nun futuro próximo na propia casa con Claudio Jurjo Baña. E Francisco, o máis pequeno, que andando o tempo contraería matrimonio co Mª Pilar Paz Cambeiro, propietarios, os dous, do Restaurante O Verxel da Picota. Despois de cursar estudos no Seminario de Santiago de Compostela, recibiu as ordes sacerdotais do cardeal Fernando Quiroga Palacios, na catedral desta cidade, o 22 de xullo de 1965. Realizado este importante ritual de paso para o desenvolvemento da súa vida futura, cumpría agora, pensar na organización da primeira misa que, por tradición, tiña lugar na parroquia de orixe do celebrante e nunha data próxima á mencionada ordenación. A data non a coñecemos con exactitude, movémonos entre o 1 e o 8 de agosto dese ano 65. Sobre a igrexa non temos dúbidas, foi a de San Xoán de Mazaricos. Fora cal fora o domingo de agosto escollido, con anterioridade xa se deran pasos importantes para esta celebración. Aproveitando o bo tempo e debido ás expectativas dunha afluencia masiva de fieis, os organizadores tomaron a decisión de dicir a misa ao aire libre, no adro parroquial. Para tal fin creouse un espazo escénico axeitado, armando e arrimando unha tarima ao penal da casa reitoral para que servira de presbiterio. Alí se colocou a mesa de altar e os demais mobles e obxectos litúrxicos necesarios para a celebración. Na parte posterior deste estrado, colgando da parede da casa do cura, instaláronse uns tapices ou reposteiros que lle imprimían unha maior dignidade e magnificencia a esta improvisada capela maior. Completaba o aparato decorativo unha ringleira de espadanas plantadas todo ao arredor da tarima escénica. Os fieis, agás os que atoparon asento sobre os balados que rodeaban o adro ou nos chanzos do cruceiro, asistiron ao acto de pé. Non sendo os nenos e nenas da primeira comuñón, para os que se colocaron uns bancos na primeira liña, deixando libre a fronte do altar, na que se instalou unha varanda cuberta por unha tea branca que servía de comungatorio. Adro da igrexa de Mazaricos acugulado para a misa do Ghirra Desta maneira atoparon o adro os fieis e os oficiantes da cerimonia aquel ignorado domingo de agosto. Os fieis foron acugulando o espazo dispoñible: primeiro o adro, despois os camiño de acceso, e para rematar, a leiga do Galapo de Atán, que ao ter unha posición máis elevada, a modo de tribuna, era un punto privilexiado de observación. Os cregos que de maneira activa participaban na celebración, pasaron á sancristía onde se vestiron coas roupas e ornamentos prescritos no cerimonial católico. Roupas e ornamentos que non eran nin son un simple uniforme, senón unha indumentaria que acumula sobre os seus dous mil anos de historia multitude de significados descoñecidos para a maioría da xente. Despois da ordenación, D. José, volvía vestir estes roupaxes que xa non o abandonarían nunca. Primeiramente colocaría sobre os ombros e rodeando o pescozo, o amito, un recordatorio de que na vida que agora emprendía debía moderar a voz e a palabra. A seguinte prenda era a alba, para que sempre conservara a santidade e a pureza que adquirira no momento do bautismo. A alba ía cinguida pola cintura co cíngulo, que debía amarrar as súas paixóns para axudar a manter a castidade. Sobre os ombros colocaría a estola, imprescindible para administrar os sacramentos. Símbolo da presenza de Deus en tódalas súas accións sacerdotais e recordatorio da cruz de Cristo e do xugo que o unía ao seu apostolado. Sobre todas estas prendas ía a casulla, un envoltorio fermoso e luxoso, co que se quería manifestar a alegría e o gozo festivo que debían transmitir tódalas cerimonias litúrxicas. Nas solemnidades extraordinarias, nas procesións e nas bendicións era costume completar esta indumentaria con outra prenda luxosa: a capa pluvial. Neste caso, D. José, tamén se engalanou con esta última peza en dous momentos do acto relixioso: na pequena procesión que fixo, rodeado dos seus compañeiros concelebrantes , dende a sancristía ata o presbiterio de campaña, e no bicamáns, xa ao remate da cerimonia. A misa do Cura de Ghirra con Don Jose no estrado Como acabamos de dicir, así saíu da sancristía, acompañado a ambos lados por dous diáconos revestidos coas súas fermosas dalmáticas, e seguido polo resto dos oficiantes: D. Antonio Fidalgo Lugo, o cura da parroquia de Mazaricos, e D. Herminio Allo Castro, cura de Valadares con sona de moi bo predicador. Había entre os asistentes ao acto outros cregos da contorna e algúns profesores do Seminario, entre estes últimos temos que destacar a D. Manuel Rey Martínez. Algúns seminaristas compañeiros do novo celebrante tamén exerceron funcións secundarias, e non tan secundarias, no desenvolvemento da cerimonia: dentro deste grupo temos que salientar a presenza dunha parte do coro desta institución docente. Estaba tamén un curmán de D. José, da casa do Cuireiro da Ponteolveira e outro, do que descoñecemos a súa identidade que, entre outras cousas, repartía os recordatorios da celebración ao remate da mesma. Cos sacerdotes vestidos e revestidos con tódolos seus atributos, comezaría a cerimonia litúrxica que, en liñas xerais, é moi semellante a calquera outra celebración eucarística de carácter festivo. Carácter festivo que, neste caso, se viu incrementado polo traslado puntual das primeiras comuñóns, que tradicionalmente se celebran o día do Carme, para esta nova data, e pola presenza do nomeado coro do seminario que, armado de órgano e megafonía, contribuíu á concorrencia e ao esplendor do acto. No estrado, ademais dos oficiantes, estaban os padriños deste novo rito de paso e os familiares máis inmediatos, neste caso os avós maternos e os pais, actuando estes últimos como padriños. Non temos referencias pero supomos que na denominada liturxia da palabra, o tema das lecturas e da homilía estaría relacionado co importante paso que estaba dando o noso protagonista. O primeiro momento singular deste tipo de celebracións, era o lavatorio de mans, inmediatamente antes da consagración, aquí entrarían en acción os padriños: ofrecéndolle o padriño a auga e a madriña a toalla. Outra nova alusión á necesidade de atoparse nun estado de pureza no intre supremo da eucaristía. A comuñón, debido á presenza das nenas e nenos das parroquias de Corzón e Mazaricos que a facían por primeira vez, era outro dos momentos sobranceiros. Foi o novo oficiante o que se ocupou de administrar este sacramento, primeiro aos rapaces e rapazas e despois ao resto dos asistentes que se achegaron ao improvisado comungatorio. Pero quizais o intre máis excepcional do acto foi cando ao remate da cerimonia se fixo o bicamáns. Don José sentado diante do altar cos pais e os avós maternos a ambos lados, recibiu o cariño dos asistentes simbolizado no bico que, persoa a persoa, lle ía dando nas mans. Chegaban ata a súa presenza co corpo inclinado e a cabeza baixa en sinal se respecto e obediencia a este novo ministro do poder supremo. Algo había nesta acción do vello ritual de vasalaxe doutros tempos, por fortuna, xa pretéritos. Por alí pasaron primeiramente os pais e padriños, despois os avós, e seguidamente o resto dos fieis. Rematados os actos litúrxicos a festa continuou cun farturento xantar na casa que os avós de D. José tiñan na Picota, e ao que asistiron os familiares, amigos e veciños. Con esta celebracións empezou a andaina sacerdotal de D. José del Río Senra. Unha andaina que, aínda que non foi das máis longas, foi moi rica en logrados froitos. Nese mesmo ano de 1965 foi nomeado coadxutor da parroquia de Fisterra. Un ano despois desenvolveu o mesmo cargo en Santa Uxía de Ribeira, onde estivo ata 1970. Nese último ano pasou a administrar a parroquia de San Xoán de Buxán, e a partir de 1975 as de Teo, Vaamonde e Vilariño. Esta peregrinación rematou en 1976, ano no que foi destinado á freguesía de San Luis Gonzaga da cidade da Coruña. Foi responsable desta parroquia, creada nese mesmo momento, e á que dotou de tódolos servizos e infraestruturas necesarias para o axeitado desenvolvemento do seu ministerio e da súa acción pastoral, durante 31 anos. Alí se xubilou, no 2007, por motivos de saúde. Durante os anos coruñeses tamén exerceu o ensino de relixión no Instituto Rafael Puga Ramón. Faleceu o 28 de xullo de 2013 e foi soterrado ao día seguinte no cemiterio da parroquia na que nacera había 72 anos. Descanse en paz. A misa nova coa que iniciou a súa vida sacerdotal foi inmortalizada polo fotógrafo Segundo Cambeiro Martínez (Carreira de Coiro) con estudio aberto na Serra de Outes. No capítulo de agradecementos, en primeiro lugar debo de congraciarme de que D. José encargara este reportaxe e de que o conservara axeitadamente, e de que seu irmán Francisco (Francisco do Verxel) no lo deixara xenerosamente. Tamén teño que agradecerlle ao actual cura de Mazaricos, Xosé Manuel Pensado Figueiras, o feito terme facilitado algúns datos sobre do curriculum do noso protagonista.- Suso Jurjo, técnico de Cultura do Concello de Mazaricos.
Outras reportaxes mazaricás de Suso Jurjo
- Os Mariño de Lobeira e o gando bravo dos montes da Ruña e do Pedregal do Pindo no século XVI.
- A situación dos hórreos nos rueiros aldeáns de Mazaricos.
- Houbo suevos en Suevos?.
- As mallas da miña infancia. Golpe na eira que hai malladeira.
- O antes e o agora do primeiro coche do Riolo.
- Os 15 votantes nas eleccións ás Cortes no Mazaricos de 1836
- As Feiras da Picota nos anos 50.
- O Cine Vello da Picota.
- Segando en Mazaricos aló polo século XVIII.
- Máximo e Aureliano: os primeiros mazaricáns de nome coñecido.
- Un paxaro para Mazaricos: A voltas coa orixe do nome do Concello.
- A historia da construción da Casa Consistorial de Mazaricos.
Novas relacionadas
Fonte
- Suso Jurjo para o Concello de Mazaricos.