Venres. 19.04.2024
El tiempo

BNG de Malpica e Fisterra sumérxense no sector pesqueiro

BNG de Malpica e Fisterra sumérxense no sector pesqueiro

As peticións dos grupos do BNG de Malpica e de Fisterra chegan en clave mariñeira.

En Fisterra piden axudas polos desperfectos do temporal

O BNG de Fisterra anima a todos os representantes do sector pesqueiro da localidade (armadores, mariñeiros, confraría e demais afectados) a que soliciten as correspondentes axudas, convocadas pola Consellería do Mar, para paliar os numerosos desperfectos ocasionados polo temporal Becky os días 8 e 9 do pasado mes de novembro.

Nese senso, o BNG de Fisterra informa que o pasado día 8 de febreiro a Consellería do Mar publicou no DOG a Orde do 13 de xaneiro de 2011 pola que se regulan as bases para a concesión destas axudas dirixidas a compensar os danos ocasionados polo referido temporal.

A información relativa a estas axudas pode consultarse no DOG nº 26 do 8 de febreiro e o prazo para solicitalas remata o vindeiro 9 de marzo de 2011. .
A contía das axudas vai desde os 8.000 euros destinados a cada embarcación de 3ª lista que resultase danada, ata os 1.500 euros como compensación polas artes e aparellos perdidos como consecuencia do temporal.

Apoio en Malpica ante a redución de cota

Pola súa banda, dende Malpica, o BNG presentou unha moción pola defensa do sector pesqueiro trala redución de cota por parte da UE. Para o BNG "estas medidas poden conducir á inviabilidade e ao desmantelamento dunha parte moi importante do sector pesqueiro galego, e malpicán en particular".

Dende o BNG consideran "brutais" os recortes no "caso do lirio cunha redución do 93% a respecto do ano 2010, con 824 toneladas a repartir entre os 93 buques que componen o que queda da frota de arrastre litoral. Non estabelece diferenzas entre o Norte de Europa e o Sur, esquecendo de xeito intencionado que a inmensa maioría das capturas son realizadas por frotas do norte de Europa e destinadas a fariña de peixe".

Igualmente, no Gran Sol, as reducións afectan ao rapante, á cigala e á rabada; e ñas nosas augas ao xurelo e á xarda. E, en relación coa pescada, o incremento obtido é insuficiente, tendo en conta tanto a abundancia no noso litoral, a necesidade da nosa frota pesqueira, tanto de baixura como de arrastre litoral, e a vixencia do "Plano de recuperación da pescada".

"Con isto", afirman, "vai ser difícil manter a viabilidade deste sector produtivo este ano de non adoptar medidas urxentes en defensa da frota galega".

Fonte

  • Notas de prensa do BNG de Malpica e de Fisterra.
  • Foto de Xusto Fisterra.

Comentarios