Conta atrás para ver a De Pedro ou Caamaño&Ameixeiras no Fisterra Experience
O festival, que celebra o seu décimo aniversario do 26 ao 28 de xuño, conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo
Comeza a conta atrás para unha das citas máis singulares da Costa da Morte. O festival Fisterra Experience celebra o seu décimo aniversario o 26, 27 e 28 de xuño en Fisterra, cunha proposta que integra música, territorio e natureza nunha das paraxes máis espectaculares de Europa. A programación inclúe oferta musical de pago e de acceso gratuíto.

O festival arrancará o venres 26 de xuño de xeito inmellorable no Escenario Xacobeo, situado na Rúa da Foliada, da man de grandes nomes do panorama musical galego como o dúo Caamaño & Ameixeiras, o grupo Adhara & Ritman e o DJ Kike Varela. Os tres concertos son de balde.
O sábado 27 de xuño concentrará o groso da programación. A xornada dará comezo no Escenario Xacobeo ás 12:00 h co obradoiro infantil de harmónicas que impartirá Marcos Coll, e no que se agasallará unha harmónica da marca Hohner a quen participe. Neste mesmo espazo, a partir das 13:00 h, haberá xogos populares para desfrutar en familia, o concerto de Marcos Coll e Javier Turnes, tapas de autor da man de Noela Torres e Brais Pichel e sesión DJ. Todo de balde.
Pola tarde, ás 17:30h, terá lugar a primeira sesión de “Música a Bordo” -de pago-, en colaboración con Cruceiros Fisterra. Unha oportunidade para gozar dun concerto íntimo con Mr. Cool mentres se navega en barco pola ría. Ás 18:30 h, a poesía tomará o temón no Bela Fisterra co recital poético de Rosalía Fernández Rial e a presentación de “RONSEL”, con Marcos Coll e Rosalía. Ambas actividades de balde.
Pola noite, o Escenario Xacobeo acollerá a partir das 21:00h o prato forte da fin de semana cos concertos de DEPEDRO, Catuxa Salom, Haylen e DJ Panko. Entradas á venda na web do festival.
O domingo 28 de xuño porase o broche de ouro coa segunda sesión do “Música a Bordo” -de pago-, nesta ocasión co prestixioso tándem de Marcos Coll e Javier Turnes. O final de festa definitivo celebrarase co concerto de Gran Bazar e cunha espectacular Jam Session gratuíta no Semáforo de Fisterra (Cabo Fisterra), onde Marcos Coll, Javier Turnes e The Centolo Cousins unirán forzas nun directo irrepetible co Atlántico como pano de fondo.
Compra de entradas
As entradas individuais para os concertos de pago están dispoñibles na web oficial do festival: www.fisterraexperience.gal