Confirman a apertura da Porta Santa de Fisterra
Comezou o ano Xacobeo, este complicado ano Xacobeo, que se espera poida estirarse ata 2022. E mentres, Fisterra conta os días para a apertura da Porta Santa da Igrexa de Santa María das Areas de Fisterra, ao igual que e fai estes días coa Porta da Catedral de Santiago ou a Porta Santa de Villafranca del Bierzo.
Segundo informa a Xunta de Confrarías, a parroquia (que se atopa nunha situación singular, sen párroco, e con dous sacristáns á fronte) xa prepara un solemne acto dea apertura da simbólica da porta da fachada norte da Igrexa. A data aínda está por confirmar pero aseguran que será antes de que remate o mes de xaneiro, tendo en conta que se trata dun acto tremendamente importante.
Lembran, de feito, a última apertura, no Xacobeo de 2010, cando a parroquia abriu ás portas tralo domingo de Semana Santa.
Beneficio do pueblo"
Camiño de sentido único
Paralelamente, os Concellos da comarca vinculados ao Camiño (Fisterra, Cee, Corcubión, Dumbría, Mazaricos Muxía), a Deputación; entidades costeiras como Solpor (asociación de empresarios do Camiño a Fisterra e Muxía), Turismo Fisterra (empresarios de Turismo de Fisterra), APTCM (Asociación Profesionais do Turismo da Costa da Morte), Asociación Sector Turístico Finisterre, Asociación Piratas de Fisterra, Asociación de vecinos de Fisterra, Asociación sociocultural de Finisterre, Clube Naútico de Fisterra, A.C.D Rapacollón's Big Band, ou outras máis globais como FEGACS (Federación Galega de Asociacións do Camiño de Santiago), AGACS (Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago) ou a Agalber (Asociación de Albergues Privados de Galicia) ou a Red de albergues del Camino Francés (desde Francia ata Fisterra e Muxía), reivindican ademais que se respecte o sentido para percorrelo dende Santiago, como inicio, ata Fisterra e Muxía.
Unha reivindicación importante, xa que nos últimos tempos estase notando un incremento do interese dende a capital de darlle á volta a historia e convertir Santiago no único fin do camiño.
Ante esta situación, as entidades costeiras, co asesoramento de Antón Pombo, redactaron varios documentos históricos que poñen en contexto a situación:
Manifesto pola apertura da Porta Santa de Santa Maria das Areas de Fisterra
En diversos santuarios e igrexas, moitos deles sitos en rutas de peregrinación, existen outras portas santas. Unha das máis coñecidas, por atoparse no Camiño Francés, é a Porta do Perdón da igrexa de Santiago, en Villafranca do Bierzo. A tradición renovada permite aos peregrinos, impedidos de continuar ata Santiago en ano de Jubileo, lucrar neste templo as mesmas grazas conferidas á catedral compostelana logo de pasar pola Porta Santa e cumprir cos requisitos (confesión, comuñón, oración). Este ritual foi recuperado xa en 1968, e a indulxencia renovada nos últimos anos santos, procedéndose a apertura e pechadura, conforme ao ritual da catedral de Santiago, con gran concurrencia de público.
En Fisterra, aínda que nesta igrexa nunca se concedeu unha indulxencia plenaria, por outra banda innecesaria para os peregrinos que xa a gañaron en Compostela, nunca se recuperou a tradición da apertura da súa Porta Santa, malia as sucesivas solicitudes, probablemente tímidas e escasas de apoio, realizadas nos últimos anos santos.
A Porta Santa de Fisterra ábrese no muro norte da igrexa, é de estilo manuelino, e aparece composta por un arco mixtilíneo de catro centros, decorado con acantos na clave e nas albanegas, e finalizada por dúas pedras de armas dos Recamán (cabeza galeada e brazo coa espada) e dos Feijóo (seis rodelas cun puñal).
Recuperar o ritual de apertura desta porta contribuiría decisivamente a reforzar o sentido cristián da prolongación a Fisterra, que responde a unha integración na lenda xacobea medieval elaborada desde a propia catedral compostelana. Ao mesmo tempo, permitiría desmontar esa nova moda, de facer o Camiño de Fisterra - Muxía no sentido contrario e tendo como final Compostela, equiparando este Camiño único aos restantes, feito que terxiversa por completo a historia e as tradicións desta prolongación da peregrinaxe.
Para finalizar ninguén dubida que a recuperación deste rito tería un forte impacto promocional para a Prolongación do Camiño de Fisterra - Muxía, resultando inexplicables os motivos para ignorar unha tradición que forma parte do patrimonio cultural inmaterial do camiño xacobeo.
A APERTURA DA PORTA SANTA DE SANTA MARÍA DAS AREAS (FISTERRA). A IMPORTANCIA DOS RITOS.
Agora que xa temos a certeza de que o ano santo compostelán non foi instituído por Calixto II no século XII, senón que a súa orixe é baixomedieval, con posible inicio en 1428 ou 1434 como réplica do primeiro ano santo romano convocado polo papa Bonifacio VIII en 1300, para lucrar a indulxencia plenaria e outras indulxencias adquiriu un importante valor simbólico a definición e estrutura da Porta Santa.
A porta permite, de xeito extraordinario, acceder ós peregrinos e fieis a un santuario ou igrexa ó longo do tempo xubilar. Tendo presente que Cristo se definiu como Camiño e Porta, representa o ritual de tránsito cara un novo espazo, o da Gloria, adquire o valor da purificación e constitúe a culminación do percorrido preparatorio realizado por un espazo lineal sacralizado, metáfora da existencia.
A célebre Porta Santa da catedral compostelá, enfeitada ó longo da reforma barroca no sentido dun arco triunfal, era no seu inicio moito máis modesta, en consonancia coa mensaxe evanxélica, émulo dese angosto paso para acceder ó Ceo (‘Entrade pola porta estreita;… porque estreita é a porta, e angosto o camiño que leva á vida, e poucos son os que a atopan’, Mt. 7: 13-14).
A súa orixe tense fixado, de novo cunha asunción mimética do modelo aplicado nas basílicas romanas cando menos dende os albores do século XV, na primeira metade do século XVI, e o emprazamento, no deambulatorio, está pensado para que o peregrino acceda directamente ó altar maior, e máis á escaleira que permite realizar a aperta da imaxe titular que o preside.
Nesta mesma época, sabemos que un obradoiro de mestres e canteiros lusos estivo traballando, por mediación de D. Manuel I o Venturoso, peregrino a Compostela en 1502, na fábrica do Hospital Real de Santiago baixo a dirección de Enrique de Egas, deixando unha boa pegada dese estilo gótico final coñecido como manuelino.
Os historiadores da arte localizaron outras moitas mostras deste estilo espalladas por Galicia, froito de encargos menores realizados a este obradoiro ou por influencia del. Entre eles sitúase a Porta Santa da igrexa de Santa María das Areas de Fisterra, que foi aberta neste período como un émulo da catedralicia de Santiago.
A creación desta porta fisterrana da testemuño do arraigado que estaba daquela o feito de prolongar a peregrinaxe xacobea ata Fisterra, realidade ben documentada por diarios de peregrinos baixomedievais e da Idade Moderna, pero tamén reflicte un programa global simbólico, no remate da experiencia peregrinatoria, ó que de ningún modo debeu ser alleo a propia Igrexa compostelá, arquidiócese á que pertencía e pertence a parroquia de Fisterra.
Xa que logo, o xa arraigado culto a Santa María das Areas e do Santo Cristo de Fisterra, mencionado polos peregrinos, nas visitas dos hospitais que prestaban o seu apoio na ruta dende o século XII, e mesmo recomendado dende a propia catedral de Santiago ós peregrinos como un anexo penitencial, tiña agora na Porta Santa unha nova confirmación do simbolismo consubstancial da meta, na Terra de Santiago, a través dun ritual sinxelo pero intelixible e cargado de significado.
Co renacemento das peregrinacións dende os anos 80, tentouse tamén reactivar os ritos asociados a esta experiencia milenaria, e a Igrexa colaborou na empresa, sobre todo trala primeira visita de Xoan Paulo II a Santiago o 9 de novembro de 1982.
En diversos santuarios e igrexas, moitos deles sitos en rutas de peregrinación, existen outras portas. Unha das máis coñecidas, por atoparse no Camiño Francés, é a Porta do Perdón da igrexa de Santiago, en Vilafranca do Bierzo. A tradición renovada permite ós peregrinos, impedidos de continuar ata Santiago en ano de Xubileo, lucrar neste templo as mesmas gracias conferidas á catedral compostelá despois de pasar pola Porta Santa e cumprir cos requisitos (confesión, comuñón, oración). Este ritual foi recuperado xa en 1968, e a indulxencia renovada nos últimos anos santos, procedéndose a apertura e peche, conforme ó ritual da catedral de Santiago, con grande concorrencia de público. No pasado ano santo (2010), 48 peregrinos conseguiron a indulxencia plenaria no templo vilafranquino tras ter completado, cando menos, 150 km previamente, e demostrando o impedimento, por motivos de saúde, de seguir.
En Fisterra, se ben nesta igrexa nunca se concedeu unha indulxencia plenaria, por outra banda innecesaria para os peregrinos que xa a teñen gañado en Compostela, nunca se ten recuperado a tradición da apertura da súa Porta Santa, elo malia as sucesivas solicitudes, probablemente tímidas e escasas de apoio, realizadas nos derradeiros anos santos.
A Porta Santa de Fisterra ábrese no muro norte da igrexa, é de estilo manuelino, e aparece composta por un arco mixtilíneo de catro centros, decorado con acantos na clave e nas albanegas, e rematada por dúas pedras de armas dos Recamán (cabeza galeada e brazo coa espada) e dos Feijóo (seis rodelas cun puñal).
Recuperar o ritual de apertura desta porta contribuiría decisivamente a reforzar o sentido cristián da prolongación a Fisterra, que responde a unha integración na lenda xacobea medieval elaborada dende a propia catedral compostelá. Asemade, permitiría desmontar esa nova lectura falaz dun suposto camiño de Fisterra e ou Muxía ata Compostela, equiparable ós restantes, que terxiversa por completo a historia e mailas tradicións desta prolongación da peregrinaxe.
Para rematar ninguén dubida que a conservación deste rito tería un forte impacto promocional para a Prolongación a Fisterra e Muxía, resultando inexplicables os motivos para esquecer unha tradición que forma parte do patrimonio cultural inmaterial do camiño xacobeo.