Domingo. 28.04.2024
El tiempo

A Festa do Fin do Camiño renóvase con novos aires

Asociacion Anchoa Festa Folk 2023
A organización da Anchoa
A Festa do Fin do Camiño renóvase con novos aires

Festa auténtica, senporsen feita na casa, a que propón a xente da Anchoa dende hai 21 anos. Unha festa diferente, na que música folk é a protagonista.  Pero nesta edición volven con aires renovados xa que os máis novos colleron o relevo e están a levar a organización da festa, asesorados por aquelas e aqueles que durante todo este tempo estiveron ó goberno deste barco.
​Fundamental para a supervivencia desta festa esta renovación na directiva pois unha parte dos máis veteramos tiñan serios problemas de conciliación. Pero non é que lles pille de novos, xa que levan esta festa na sangue dende ben pequenos. 

Entre tod@s, veñen de propoñer unha XXI Festa Folk na Fin do Camiño espectacular. Coma sempre, o terceiro sábado de agosto, o 19, xa con troula dende as 13:00h da man dos grupos de gaitas Fumes do Cal da Ameixenda e a charanga A Tripulasión de Fisterra, amenizando o entorno da zona da
festa coa súa música e bo rollo.
A partires das 18h os máis pequenos (e non tan pequenos) poderán desfrutar de xogos, inchables e festa da escuma ó carón da festa.

Xa pola noite dará comezo o Festival Folk como prato forte da xornada, a partires das 21h.
A gran sorpresa da noite dase xa ó inicio do festival, os da casa, A Crus de Baixar, reencóntranse para a data, e levan meses preparándose para a esta actuación “especial” e puntual.

A seguinte actuación virá da man de Óscar Ibáñez & Tribo unha agrupación composta por músicos galegos de recoñecida traxectoria. Traen unha gran
variedade de instrumentos violín, guitarra, batería, percusión, e como non pode ser doutra maneira, gaita.

De seguido, actuará a revelación do ano e que representan á perfección a renovación no seo do festival: Fillas de Cassandra, presentan o seu primeiro disco, Acrópole, un proxecto de música galega emerxente moi
prometedor. Supón o presente e pasado, aportando un aire moi novidoso a este tipo de festivais. Son dúas, pero damos fe de que a súa enerxía enche o escenario e non temos dúbida en que a festa vibrará coas suas pandeiretas e efectos de son.

O ritmo da noite continuará de man de Ruxe Ruxe, un grupo asentado dentro da música galega que mezcla o tradicional cun toque cañero. Coma di a súa
canción, podemos definilos coma os Rockeiros do País. Presentan o seu novo disco, “Unha noite no interior dunha faísca”. 

E para finalizar, pecharán o festival nada máis e nada menos que Recambios Tucho, unha agrupación coas pilas moi cargadas. Traen cancións reacondicionadas ou, como eles din, Recautuchadas. O fin de festa por todo o alto está asegurada con esta agrupación.
Por último lembrar que arredor da medianoite elaborarase a xa tradicional queimada xigante.

cartaz Festa Folk na Fin do Camino 2023

Como sempre, contarán con cantina propia, con comida e bebida na que este ano, haberá algunhas novidades. O sistema da festa é o de sempre, teremos á venda tickets que se intercambiarán polos productos na cantina.
Ademáis, apostamos unha vez máis polo coidado do medioambiente cunha festa sen lixo, contando outro ano máis co vaso ecolóxico, que nesta edición
será obrigatorio.

A Anchoa agradece a todos os colaboradores, as casas comerciais e á Deputación da Coruña e tamén ó concello de Fisterra, especialmente ó Departamento de Cultura que vén colaborando nos últimos anos e apostando forte por festivais deste tipo que manteñen viva as nosas tradicións, o folk e a música ao vivo.

Comentarios