Modesto Fraga xa ten data para presentar o seu novo libro sobre a Fisterranía
Acaba de saír do prelo e xa hai data para a súa presentación. O vindeiro venres 26 de setembro, o Salón de Plenos do Concello acollerá ás 19:00h a presentación do novo libro de Modesto Fraga, “As almas da Fisterranía” [Ed. Medulia].
O poeta e autor da fin da terra segue mergullándose na fisterranía, en paralelo ao seu proxecto da ”Biblioteca da Fisterranía”.
Desta volta, o volume recolle unha selección de artigos que ao longo de máis de dúas décadas foron vendo a luz en xornais como La Voz e publicacións diversas como a singular revista Eló. Todos e cada un dos temas que se abordan nas páxinas deste libro están relacionados única e exclusivamente con Fisterra, coa súa cultura, o seu patrimonio e as súas xentes, se ben hai algún texto referido máis á Costa da Morte.
“Un ramillete de textos, de pequenas estampas cotiás polas que van asomando algunhas historias que en certo modo pertencen ao imaxinario simbólico da fisterranía”. “A escolla dos relatos que aquí presentamos non responde a ningún criterio cronolóxico, nin moito menos temporal, senón que xorden da vontade inequívoca de contar, de narrar, de deixar constancia da relación existente entre a Fisterra dos nosos devanceiros e a que a nós nos tocou vivir”.
Resumo do libro
Sempre se dixo que os poetas son os mellores custodios da memoria colectiva dos pobos. Desde a época antiga ata os nosos días a historiografía serviu para dar conta de acontecementos memorables compartidos polas xeracións do pasado, do presente e do futuro. É fundamental, xa que logo, evitar que as brumas da desmemoria escurezan para sempre o valioso legado cultural que herdamos e que nos cómpre protexer, coidar e pór en valor. Sabemos da existencia da mítica cidade asolagada de Dugium porque así nolo recorda o Codex Calixtinus, importante manuscrito iluminado do século XII considerado a primeira e máis importante guía do Camiño de Santiago; e sabemos que habitamos as terras do Nérion Akrotériom ou Promontorium Celticum grazas a que xeógrafos clásicos como Plinio, Strabon ou Ptolomeo así o recollen nas súas imperecedoiras crónicas. Velaí este ramillete de pequenas estampas cotiás polas que van asomando historias protagonizadas por homes e mulleres que habitaron e habitan este milenario confín atlántico. Eles e elas son as verdadeiras almas da fisterranía.