O lixo peregrino volve invadir o Cabo Fisterra
Que difícil é loitar contra as gañas (e irresponsabilidade) dunha parte dos peregrinos de deixar a súa pegada na fin do camiño. A maxia do momento de rematar unha viaxe interior como a do Camiño de Santiago, nun espazo tan simbólico como o Cabo Fisterra, provoca que algúns camiñantes esquezan que están nun espazo público, natural, e que calquera cousa que deixen, por moito que signifiquen para eles, non deixa de ser lixo.
Lembramos aquela pseudotradición de queimar algunha prenda ou mesmo as botas (aí a administración local colaborou na desfeita que mesmo ten provocado algún incendio). despois pasaron a colgar panos e outras pezas de roupa nunha das torres de tensión… A nova moda é deixar un candado, chavero, mascarilla… o que teñan a man no valado posto para evitar o acceso á caseta das cornetas.
Malia que a zona depende de Costas, o Concello é consciente do dano que fai e está a pasar cada mes pola zona para eliminar estes recordos noxentos dos peregrinos irrespectuosos.
Durante o verán, o Concello intentará acodir con máis periodicidade para intentar erradicar rapidamente esta práctica, pero non esquece outras necesidades que ten a contorna do Faro, que seguirá pechado este verán e segue sen ordenación algunha.
O Concello formula aumentar a vixilancia e control do tráfico de cara ao verán, que por agora veñen realizando dende Protección Civil.
Centro de Interpretación no Faro
Ademais, o Concello afirma estar traballando nun convenio coa Autoridade Portuaria que lle permitiría explotar a nivel municipal a sala do Faro como Centro de Interpretación. O grupo de goberno está aínda traballando para presentar unha “proposta diferencial” con algo vinculado cos faros, co mar, ca pesca… pero aínda non o ten definido.
Novas relacionadas
- 2023: Indignación en Fisterra pola nova práctica dos peregrinos de recoller gatiños polo Camiño e deixalos no albergue.
- 2022: Unha campaña, aragonesa, busca erradicar a falsa tradición de queimar as botas dos peregrinos en Fisterra.
- 2018: A pseudotradición de queimar roupa na fin do Camiño provoca un novo incendio de Fisterra
- 2016: A pseudotradición de queimar prendas provoca un incendio no Cabo Fisterra.
- 2011: O Cabo Fisterra, o vertedoiro da fin do mundo.