Presentada a obra máis completa sobre o Camiño Fisterra-Muxía
Onte a Hércules de Edicións presentaba en Fisterra o tomo 18 da colección “A Gran Obra dos Camiños de Santiago”. Trátase da obra máis completa que existe ata o momento sobre a Prolongación xacobea a Fisterra e Muxía, realizada no marco do programa O teu Xacobeo. Un traballo que serve para poñer en valor esta Prolongación que cada ano percorren máis de 60.000 peregrinos (é o terceiro camiño con maior número de peregrinos) motivados pola devoción, a curiosidade e polo carácter simbólico e purificador da ruta.
O seu autor é Antón Pombo, doutor en Historia Contemporánea, xornalista e escritor especializado no Camiño de Santiago. Tamén colaboraron na elaboración da obra o antropólogo Manuel Vilar Álvarez, o profesor e escritor Xan Fernández Carreira, a escritora Carmen Pugliese e o fotógrafo José M. Salgado.
Esta colección veu encher o baleiro existente ata o momento, xa que non había unha obra que contemplase de forma global o Camiño como a “vía de vías” que é, tratando en profundidade todos os seus aspectos, e, sobre todo, abordando todas as rutas.
A publicación deste volume quixo converterse nunha homenaxe á súa coordinador, Segundo Vázquez Portomeñe, antigo responsable do Departamento de Cultura e Programas do Plan Xacobeo e experto no Camiño de Santiago, que faleceu a principios deste ano.