Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Reiteran por enésima vez a necesidade de rematar a Autovía

Os movementos de terras da Autovía están realizados ata Berdoias
Reiteran por enésima vez a necesidade de rematar a Autovía

Por enésima vez, a Asociación de Veciños Costa da Morte de Fisterra volve presentar un escrito no que demanda o remate da Autovía da Costa da Morte desde Baio ata Berdoias “coa maior urxencia”.

Lembra o presidente da entidade José Fernando Carrillo que foi a propia Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, a que se comprometeu en 2016 durante a inauguración do primeiro treito a continuar a construción da obra ata Berdoias antes de terminar a lexislatura (“promesa que o vento levou”).

A piques de rematar a segunda lexislatura do PP no goberno da Xunta, “non se moveu un dedo nin unha pedra”. Máis ben todo o contrario, porque de repente a Autovía convertíase en Vía de Alta Capacidade (con só un carril por sentido) argumentando que o número de futuros usuarios non xustifica a continuidade da Autovía. “O estraño é que cando se aprobou o Plan Galicia exitían motivos máis que suficientes para construír a Autovía e agora só poden xustificar este vial (será polo proceso de desertización demográfica que vimos sufrindo por falta de vías de comunicación adecuadas que permitan o desenvolvemento económico), que non nos vai a solucionar nada e, pola contra, ao executarse só 5,5 Km. ata Pasarela, obrigará aos veciños de Muxía, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra a cruzar o centro urbano de Vimianzo e converter nun embude o cruzamento coa AC552, onde se atopa a Oficina de Correos”, critican.

A entidade lembra as simbçolicas partidas que leva a VAP nos últimos orzamentos, que non serviron para nada. “No 2019, serían 3.000.000,00 €; no 2020, serían 10.125.762,00 €; en 2021, serían 19.000.000,00; e, finalmente, en 2022, sería de 25.000.000,00 €. Todo isto moi bonito no papel pero na realidade nada de nada, co agravante que este ano se volve aos 3.000.000,00 € que quedan moi ben como intención pero que logo non se traducirán en investimento algún”.

Carrillo, que lembra a complicada superación do covid espera que “non teñan que pasar 100 anos para vela terminada como sucedeu con outras infraestruras como o porto de Fisterra ou a mellora de AC 552”.

Novas relacionadas

Comentarios