Un microrrelato fisterrán leva un dos premios do certame #HoxeEscriboEn
Xa conseguira gañar o certame en 2022 cun relato como Camariñas. E hoxe coñecemos que a escritora santiaguesa Alba Sánchez Ares vén de recibir un dos premios do concurso de microrrelatos #HoxeEscriboEn 2024 por un relato con acento fisterrán.
O xurado da Deputación escolleu o de Alba entre os 126 relatos chegados de 45 concellos da provincia. O relato Radio Fin Da Terra é “un microrrelato escrito con ironía e humor ambientado en Fisterra; un traballo da fin da terra orixinal e cunha adaptación da historia local con toque de humor”, segundo destacaron os membros do xurado, ormado por Maite Loureiro, xefa de Servizo de Turismo; Paula Cabado, técnica da Turismo, e Patricia Cernadas, especialista en literatura, actuando como presidente Xosé Regueira e como secretaria a dumbriesa María Lema, técnica da Biblioteca Provincial.
Ademais do relato “costeiro”, os outros dous premiados son, co primeiro premio foi para Mónica Rodríguez Romero, por Ecoglita, a rocha ventureira (referido ao Concello de Cariño); e co segundo, para María Arcos Cebreiro, por Amar ata esmorecer (Rianxo).
Ademais da noite para dúas persoas da que desfrutarán os vencedores nun establecemento da provincia, con cea e almorzo incluídos, sortearanse 30 lotes de produtos gastronómicos entre os textos mellor valorados polo xurado, quen destacou “a calidade dos traballos presentados, acordes á temática, e a alta participación, cun aumento no número de concellos participantes, máis da metade de todos os da provincia”.