Rescatan un home que se lanzou ao mar na praia Langosteira

Seguen acontecendo sucesos inauditos na vila da fin do mundo. E como aconsellan as asociacións relacionadas coas enfermidades mentais, cómpre sentarse a falar do suicidio, tratando de romper mitos e de falar con claridade, lonxe do morbo, de sucesos coma estes.
Esta tarde de luns, un home, natural de Murcia, metía o coche ata a beira do mar na praia Langosteira, na zona de Roque, e lanzábase ao mar.
Varios veciños que paseaban pola zona chamaron, ao velo, ao Policía Local, que rapidamente se puxo en contacto cunha embarcación que lanzaba nasas pola zona. A tripulación da Porto Alegre, cuio patrón é coñecido como “Butaca”, rescatou o corpo xa con claros síntomas de hipotermia e de afogamento, pero conseguiron a través de varias maniobras de reanimación cardiopulmonar, que volvese en si.
De contado levárono ao porto de Fisterra, onde unha ambulancia o levou, con vida, ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
Novas relacionadas
- Luís Cores, de APEM: "Cando intentei suicidarme a xente non fixo nada, pensan que ao final non o vas a facer”.
- Galicia séntase a falar do suicidio.
- Setembro 2019: Falece afogado outro peregrino nas augas de Mar de Fóra.
- Outubro 2017: O alemán que foi rescatado no Monte Pindo a semana pasada quítase a vida no Cabo Fisterra.
- Xuño 2017: Rescatan heroicamente un home nas augas de Mar de Fóra.
- Outubro 2016: Buscan en Fisterra un mozo de Lousame desaparecido esta semana.