Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha de faros abertos e pechados

Unha de faros abertos e pechados

Vimos esta semana de comprobar as idas e vidas dos Faros da Costa da Morte. Unha reivindicación histórica a de achegar os faros aos turistas, pero que non acaba de consumarse como unha alternativa turística. Non hai máis que achegarse a zonas como o Fisterra córnico ou o Fisterra Bretón para ollar como explotan estas marabillas: subida a ver os lentes do faro con explicación dun especialista, non menos de 3€.

Un servizo, entre outros, polo que milleiros de visitantes, e veciños, estariamos dispostos a pagar. Pero son varias as trabas que o impiden. Primeiro é que os faros son competencia da Autoridade Portuaria, que ademais de non prestarlle atención algunha ao eido turístico, defenden o convenio dos "fareiros" que non lles obriga, evidentemente a facer de guías turísticos. Isto provoca que os únicos que poidan visitar as lentes sexan aqueles amigos ou coñecidos do fareiro de turno.

Puntos de información turística

Unha das cousas que levamos anos reivindicando é que estes lugares de culto sexan utilizados como puntos de información turística, pero de verdade. O Faro Fisterra, o segundo punto máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago e que no pasado 2011 recibiu a visita de alomenos case que 20.000 peregrinos, serve de Punto de información Turística, xestionado a cabalo entre a Asociación Neria e o Concello de Fisterra, pero carece de panfletos informativos e do que é máis importante, internet e teléfono. Como un guía turístico vai informar aos visitantes sen internet nin teléfono?

Pechan uns e abren outros

Entrementres, no canto de seguir informando sobre estes puntos de interese para facer que os visitantes queden na nosa bisbarra, deixamos que dean a volta e marchen. Así, o Faro Fisterra, ante a redución de persoal, só abrirá polo de pronto durante as fins de semana. Se ben só a cuarta parte dos que visitan o Cabo entran no Faro, preséntase como un desastre que pechemos as posibilidades de facernos propaganda dos nosos tesouros nun lugar tan simbólico e efectivo coma este.

Pola contra, a Neria vén de solicitar a instalación dunha caseta de información turística no Faro Touriñán. Unha grande nova, dende logo, que permitirá que os visitantes ao faro máis occidental do estado, coñecer outros puntos de interese da Costa da Morte.
En principio, e trala reunión da Neria coa Autoridade Portuaria, o Faro Touriñán abrirá as súas portas para Semana Santa, con información dixitalizada, paneles ca ruta dos faros así como punto de venta de artesanía local como encaixe, fotografía... Esperemos que non teñamos tamén as fermosas cunchas do Pacífico como artesanía local...

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios